4 de ago. de 2025

A GUARDA

Carrero e o seu goberno din NON a mellorar a senda e o porto  

O equipo de goberno vota en contra de dúas mocións presentadas polo PSOE, unha delas na que se pedían melloras no mantemento e a seguridade na senda litoral, e outra relacionada cos colectores soterrados da rúa do Porto, precintados pola Policía Local desde xuño.

  

Na imaxe un momento da última sesión plenaria ordinaria, celebrada o pasado día 30 de xullo, na Casa do Concello de A Guarda

Grupo municipal do PSdeG-PSOE /A Guarda 

 Lembran aquel Partido Popular que prometía cambiar o rumbo da vila, con rúas máis limpas, mobiliario público en mellor estado e un patrimonio ben coidado? Nós tamén. Pero o que vemos, día tras día, é que todas aquelas promesas quedaron en iso: palabras de campaña, titulares de panfleto e frases bonitas xunto a fotos sorrintes. Baleiras de contido e de compromiso.  

 O pleno de xullo foi a confirmación de todo isto. O que nos atopamos foi un Carrero visiblemente molesto coas críticas recollidas nas mocións socialistas. Tanto, que preferiu votar en contra, xunto co seu socio de goberno, antes que admitir que A Guarda necesita máis mantemento e atención.  

 E non o fixeron porque as propostas non foran necesarias, que ben o son, senón porque aprobalas significaría recoñecer que o PSOE tiña razón. E que, de todo o que prometeron, non están cumprindo nin a cuarta parte.  

 Iso si… denuncia que facemos nas redes ou instancia que presentamos, denuncia que os pon a correr. E xa van uns cantos casos: a sega da senda litoral poucos días despois de rexistrar a moción; a limpeza dun muro na rúa Roda; os desbroces no Castro, na estrada da Gándara…Todos tras denuncias públicas nosas. Se non, nada.  

 Casualidade? Non. Falta de planificación. Desgoberno. E un estilo político que só reacciona cando se ve contra as cordas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario