Arquitectura en poliestireno expandido
Obras de Ramón González González
• Ata o 20 de agosto, na Casa dos Alonso
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Naceu poucos anos despois do ecuador do século XX, pero a vista das súas obras, ben podería tratarse dun redivivo expoñente do Renacemento, movemento cultural que se iniciou en Italia no século XV e posteriormente estendeuse por toda Europa. Máis non. Non é unha persoa que forme parte dese movemento, pero sí, é un ser humano con aptitudes para á arte, capacidade que ten amplamente acreditado.
Chámase Ramón González González. É natural de Salcidos (A Guarda). Súa vocación son as maquetas de construccións (casas indianas, casas de concellos, ermidas, igrexas, vivendas tradicionais,...). E os materiais que emprega resúmense en tres letras - EPS - ou o que é o mesmo, poliestireno expandido.
O demais, é decir, o principal, xurde do seu maxín creador e da súa iniciativa. E por suposto, do traballo de campo previo, efectuando medicións in situ, tirando fotografías,..., falando cos propietarios dos bens cuxas maquetas desexa realizar. Procurando coñecer detalles que as veces non se detectan nunha primeira visita.
Con todo iso, Ramón González ainda ten que aplicar a súa escala persoal, antes de comezar á execución material da maqueta.
O proceso non é doado nin rápido. Cando falamos de arte, a présa non ten razón de ser. Os tempos son propios de épocas pausadas. Pero o que realmente importa, onde reside todo o encanto, é no resultado final. E aí sí. Niso está a ledicia interior do autor. Que as veces, tamén se fai visíbel na súa expresión facial.
Ramón González expón - novamente - estes días na Casa dos Alonso. As persoas que visiten á mostra Arquitectura en poliestireno expandido, van atoparse cunha selección - por motivos de espazo físico - do seu labor, composta nesta ocasión, por 14 obras: igrexa parroquial de san Lourenzo, de Salcidos; igrexa da parroquia de Nosa Señora da Soidade, na rúa Feliciano Rolán, nº 8 - Freixeiro (Vigo); casas indianas - Villa María (casa de don Eloy Domínguez Veiga), casa de Manuel Alonso Sobrino,... -; fachada da Casa do Concello do Rosal,...
Non imos descubrir nada máis. En todo caso, convidamos a que todas as persoas que o desexen visiten a exposición. Xa verán como lles vai agradar.
Exposición Arquitectura en poliestireno expandido
Casa dos Alonso
Aberta ata o 20 de agosto.
De luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 horas, incluso os festivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario