16 de abr. de 2022

VIGO

Os taxis de Vigo reforzan a súa aposta polo Xacobeo e xa suman un cento os vehículos que divulgan o Ano Santo  

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, agradeceu aos autopatróns a súa contribución ao desenvolvemento turístico de Vigo e á posta en valor do Camiño Portugués da Costa


No centro da imaxe, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias nun acto celebrado na vila de Bouzas

Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, vén de informar da importante aposta dos taxis vigueses pola promoción do Ano Santo cun cento de vehículos lucindo xa publicidade do Xacobeo. 

 Nun acto celebrado na vila de Bouzas, onde se localiza a sede da Asociación de Autopatronos de Taxis de Pontevedra e en presenza da súa directiva, a representante autonómica agradeceu implicación deste colectivo na iniciativa e a súa contribución ao desenvolvemento turístico de Vigo e posta en valor do Camiño Portugués da Costa. 

 “Primeiro foron os hostaleiros, logo os comerciantes que nos axudaron a sinalizar a ruta xacobea ao seu paso pola cidade, e agora son os taxistas os que se suman con forza a este fenómeno universal”, indicou. Ao fío, volveu a lamentar unha vez máis que o alcalde, Abel Caballero, non sexa capaz de ver o que si recoñecen os sectores en Vigo, e se manteña instalado nunha oposición frontal a todo aquelo que teña que ver co Xacobeo e o Camiño. 

 As campañas de promoción do Xacobeo encádranse no compromiso da Xunta co desenvolvemento turístico de Vigo, como o demostra o feito de que o ano pasado abrira o primeiro albergue público da cidade ou que de cote se leven a cabo iniciativas de promoción do Camiño Portugués da Costa, que ao seu paso pola comarca de Vigo ofrece unhas fermosas vistas que atrapan cada vez a máis visitantes.  

 No que vai de ano, o Camiño Portugués pola Costa rexistrou 664 peregrinos - segundo datos da Xunta de Galicia, que contrastan cos procedentes de fontes particulares, como por exemplo Xabier Garrido, que ata o día 15 deste mes de abril xa levaba contabilizado máis de un millar -, converténdose no cuarto itinerario máis transitado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario