5 de ago. de 2025

A GUARDA

Roberto José Álvarez Carrero (alcalde de A Guarda): «(...) atópome satisfeito co traballo que estamos facendo e que xa fixemos nestes dous anos (...)»

«(...) temos previsto un novo auditorio para A Guarda pero vai ser complicado neste mandato pola execución de outros proxectos e os prazos (...)»


 Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O día 17 do pasado mes de xuño de 2025, veñen de cumplirse dous anos da toma de posesión da nova corporación municipal do Concello de A Guarda. É decir, o mandato está, como quen di, no seu ecuador. É - coidamos -, un momento oportuno para a análise destes dous primeiros anos do goberno local de coalición (PP-ESCO) que preside o alcalde do Partido Popular, Roberto José Álvarez Carrero. Con el vimos de manter á seguinte entrevista:

 En primeiro lugar, alcalde, cal é súa valoración do goberno de coalición que vostede preside?

- Agora que nos atopamos a metade deste mandato, atópome satisfeito co traballo que estamos facendo e que xa fixemos nestes dous anos, ademais con moitas ganas de enfrontar estes dous anos máis. É un goberno que aposta moito polo turismo, un motor moi importante na Guarda e cuns datos e recoñecementos que nos avalan. Pero tampouco perdemos de vista a quen fai da Guarda o que é, os propios veciños e veciñas a quen sempre estamos dispostos a escoitar e tentar facer o posible para darlles solucións as súas problemáticas e demandas.

Síntese entón satisfeito do labor de goberno realizado nestes primeiros dous anos de mandato?

- Como xa dixen antes, estou moi satisfeito do labor que se está facendo e con ilusión ante estes dous anos máis.

Do programa de goberno municipal, cales son os logros acadados ata este momento?

- Estamos dando cobertura aos nosos obxectivos cando chegamos ao goberno e seguimos traballando neles para acadalos.

Cómo está a día de hoxe o proxecto de polígono industrial A Guarda-O Rosal?

- Seguimos co estudo da Universidade de Vigo, encauzado pola Cámara de Comercio de Tui e sempre en coordinación co Concello do Rosal. Non obstante, mantemos un apoio férreo ao comercio impulsando o consumo neles e apoiando novas aperturas.

As comunicacións por vía fluvial, con Caminha acreditan non ser as idóneas para estas alturas do século XXI. Cal é á ultima hora a ese respecto e cales son súas propostas?

- Nós continuamos coa proposta dun novo dragado e cobertura vía ferry. 

Vénse falando del desde marzo de 2017. A día de hoxe, 8 anos despois, cómo se atopa o proxecto da saída sur ao porto de A Guarda? 

- Levamos anos paralizados por Costas do Estado.

A insuficiente oferta de vivendas de aluguer anual, así como a nula promoción pública [nos últimos 30 anos], e a moi escasa promoción privada de novas vivendas no concello guardés, están convertindo en papel mollado o disposto no Art. 47 [“Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito (…)”], da Constitución española. E non soio, en papel mollado, senón nunha brecha que evidencia unha desmesurada desigualdade social. Cál é en materia de vivenda, á previsión do seu goberno? 

- De momento, atopámonos en estudos cunha empresa especializada para ver as mellores opcións ao respecto.

Cómo está o asunto dos terreos para o novo centro de saúde de A Guarda?

- Xa contamos coa realización dos estudos medioambientais e estamos agardando a emisión dos permisos por parte de Patrimonio para poder continuar neste senso.

A Guarda non conta cun auditorio con capacidade non inferior a que tiña o Cine-Teatro Avenida. Ten previsto seu goberno municipal poñer solución a esa carencia? 

 - A construcción dun auditorio supón un grande investimento, ademais dunha nova infraestructura municipal na Guarda. Si que temos previsto un novo auditorio para A Guarda pero vai ser complicado neste mandato pola execución de outros proxectos e os prazos. Actualmente, estase a utilizar en verán o auditorio de San Benito ao aire libre, que conta cunha localización excepcional para chamar ao público da zona e coa que os artistas que alí actúan quedan marabillados. Durante o inverno, úsase para estes fins o Centro Cultural da Guarda ou tamén o pavillón da Sangriña.

Existe algunha diferencia comparativa entre a situación financieira do Concello de A Guarda coa que vostedes – segundo referiron públicamente - se atoparon e a existente na actualidade? 

- Si, as contas atópanse saneadas grazas ao traballo deste goberno. 

Antigo Estadio del Tecla. Cal é a situación do Concello de A Guarda, respecto a esa propiedade? 

- Trátase dunha propiedade privada que cede o seu uso cada dous anos. Ofrece agora un servizo moi necesario na Guarda cun gran aparcamento en pleno centro que facilita a realización de compras e outros recados de moitas familias.

En qué situación se atopa a día de hoxe o Plan Director do Monte Santa Trega?

- O Plan Director do Monte Santa Trega é un documento válido e que a través do patronato hai que darlle cobertura. 

O acceso ao Museo Arqueóloxico do Monte Santa Trega (MASAT) continúa sen cumplir a Lei 8/1997, de 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia. Ata cando continuará sendo así?

-  Desde logo, superar as barreiras arquitectónicas no MASAT é complexo, xa que se trata dunha construcción realizada cando non se pensaba na accesibilidade de todos. Temos que facer un proxecto para porlle solución.

No que respecta a seguridade, cumple o MASAT coas normas esixibles?

 - Segundo os técnicos, o MASAT está cumplindo coas normas de seguridades que se lle esixe.

Algo máis que engadir?

-  Agardamos que estes dous anos demostraran o traballo e as ganas deste goberno de traballar pola Guarda e continuaremos nesta senda estes dous anos para que os guardeses e guardesas depositen a súa confianza en nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario