6 de ago. de 2025

A GUARDA

JUAN GONZÁLEZ ABELLA: O TEITADOR DO TREGA

«(...) Intento transmitir a boa enerxía desta actividade e que non desapareza esta artesanía, que está a piques de perderse. Quedaremos pouco máis de catro neste oficio (...)».


Juan González Abella, experto teitador e por conseguinte, portador e transmisor dunha cultura inmaterial digna de ser conservada

Miguel Reboredo Otero / A Guarda

 O Monte Santa Trega, no concello de A Guarda, na provincia de Pontevedra, é sen dúbida, non soio un dos enclaves máis fermosos da antiga Gallaecia, senón un dos lugares imprescindibles para coñecer á prehistoria e a beleza paisaxística de Galicia. 

 No Trega, como adoitamos decir os aldeans da contorna, permanecen aínda os ecos dos sons e das voces dos castrexos, os nosos devanceiros. 

 E no Monte Santa Trega, dándolles á benvida a veciños e visitantes, hai dúas construccións castrexas - unha no sector Calvo e outra no sector Mergelina -, que desde fai anos, foron teitadas, cunha técnica constructiva moi semellante á que adoitábase empregar fai máis de dous milenios. Dese xeito, ofrécese un aspecto verosímil, ao que puideron ter en tempos recuados.

 Pola súa posición xeoestratéxica, as cubertas dos referidos habitáculos do poboado castrexo do Monte Santa Trega, víronse afectadas polos fortes temporais de choiva e vento do inverno precedente. Por esa razón a finais do pasado mes de xullo e comezos de agosto, temos novamente entre nós, a Juan González Abella. Un experto teitador e por conseguinte, portador e transmisor dunha cultura inmaterial digna de ser conservada para as xeracións que nos sucedan. Con él, vimos de manter á seguinte entrevista:

Onde naciches? 

- Nacín en Burbia, que é unha localidade pertencente ao concello de Vega de Espinareda, situada ao norte da comarca do Bierzo, na provincia de León. Como curiosidade, Burbia atópase dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares Leoneses.

Qué tipo de traballo realizas e como o describirías? 

- É un traballo artesanal. Primeiro, prepárase a palla para teitar: máxase (machácase), lévase ao lugar onde hai que repoñer e vaise colocando en fileiras de arriba a abaixo. Logo, ponse en paralelo ata facer unha fileira, despois faise outra para entrelazalas. E aí é onde está o problema, porque se non as unes ben, quédanche regos entre elas e poden aparecer derroteiras. Este estilo é o que se emprega na miña zona, e coñecémolo como a “Facha”.

Cómo aprendiches este oficio. Foi unha tradición familiar ou algo que descubriches pola túa conta? 

- Ensinoume un home que vive ao lado de Balboa: Manolín, de Chans de Vilar. Estiven traballando con el para aprender o oficio, sendo el un gran profesional. Tamén quero aclarar que, aínda que nacín nunha palloza, o meu pai non se dedicou a este traballo.

Canto tempo levas dedicándote a este traballo? 

- Levo vinte e cinco anos neste oficio e teño sesenta e tres, moito tempo xa nisto.

Qué materiais e técnicas utilizas principalmente? 

- Utilizo a palla e o breixo para facer moitos tipos de peches. A madeira recíclase, aprovéitase a que hai, case nunca se cambia. Xeralmente, materiais e ferramentas poucas: a navalla, a paleta e o carro para levar o necesario.

Hai algún proxecto que consideres o máis especial para ti, por que? 

- Neste traballo saíronnos cousas moi bonitas para teitar en Cataluña, Valencia,… Incluso fixemos o decorado dunha película de Ridley Scott, O Reino dos Ceos. Foi unha aventura diferente e bonita.

Qué significa para ti realizar esta actividade? 

- É un traballo moi canso, moi laborioso, pero agradecido, porque hai moi pouca xente que o faga e a xente agradécecho moito.

Qué emocións ou mensaxes intentas transmitir a través do teu traballo? 

- Intento transmitir a boa enerxía desta actividade e que non desapareza esta artesanía, que está a piques de perderse. Quedaremos pouco máis de catro neste oficio. E mira que estamos facendo cursos para potenciar este traballo, a xente vai, pero non sae ninguén que nos vaia substituír. Uns van pasar o tempo e outros deixan a aprendizaxe porque non lles interesa.


Juan González Abella, teitando unha vivenda castrexa do Monte Santa Trega

Cales foron os maiores desafíos de ser teitador? 

- Eu, como fun un neno que naceu na montaña, para min estar nos teitos é como estar no chan, non teño problema ningún.

Crés que a sociedade valora adecuadamente o traballo artesanal? 

- Penso que parte da sociedade si que o valora, e hai moi poucos que non chegan a aprecialo.

Qué é o que máis che enorgullece do teu traballo? 

- O que vexo é que, cando estou neste oficio, a xente te anima, motívante e nótase unha empatía cómplice.

Tiveches que adaptarte a cambios do mercado? 

- O meu mestre non era de moitos cambios, pero as innovacións nos últimos dez anos facíaas eu, porque el era monótono e non deixaba saír do libro. Cando había algunha cousa que el non sabía resolver, eu buscáballe as solucións.


O de teitador é un oficio ancestral 

Cómo ves o futuro deste traballo?

Este oficio está a piques de desaparecer. Non hai material, conséguese mal a palla e tampouco hai quen o faga. Cando chove non se pode traballar, cando venta tampouco, e se fai sol, quéntase moito.

Qué consello lle darías a alguén novo que quere comezar?

- Que esta profesión ten futuro, que non está mal pagada se che gusta a artesanía, pero é un oficio sacrificado.

Gustaríache ensinar o teu oficio ás novas xeracións?

- É o que estamos facendo. En Piornedo facemos todos os anos un curso, en setembro, de catro fins de semana, e parece ser que un par deles van “pillando algo”, pero isto non se aprende nunha fin de semana.

Qué aprendiches de ti mesmo a través do teu traballo?

- Aprendín un pouco a tratar coa xente e coas administracións. Cando empecei, non coñecía estas cousas.

Se puideses resumir a túa vida de teitador nunha frase, cal sería?

- Hai que probar para velo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario