3 de dec. de 2020

A GUARDA

A apertura da rúa Baixo Muro deica a rúa Ireira, cada vez máis preto

• O Concello de A Guarda avanza no proceso previo ás obras

• O alcalde, Antonio Lomba Baz, mostra a súa satisfacción diante deste paso ao que se chega despois de anos de xestións por parte do rexidor local para lograr a apertura da rúa Baixo Muro  

 

Na centro da imaxe podemos ollar na Cangostra, o obstáculo que é necesario suprimir para poder comunicar as rúas Baixo Muro e Ireira

 

 Infogauda / A Guarda

 As veces, con máis frecuencia do que sería aturable nun moderno e democrático Estado de Dereito, algúns representantes da cidadanía, son, por decilo dun xeito obviamente figurado, moi lentos. E o son en demasía. E iso, en política, como noutros ámbitos da vida cotiá, non é aceptable. E como non o é, á veciñanza, cada catro anos, premia ou castiga a cada cal, segundo o considere, e dese xeito rexistránse resultados electorais que certos candidatos non agardaban, ainda que algúns observadores preveiamos. Todo iso, para ben ou para mal, sábeo levar a bo termo cada cidadán que participa libre e democráticamente, como votante no proceso electoral. 

 Conectar á rúa Baixo Muro coa rúa Ireira mediante A Cangostra (sic) - un topónimo que ainda lembran persoas nonaxenarias da zona, e que compre non esquecer, si ben a forma correcta en galego é congostra - é unha lexítima aspiración dun veciño - Valentín González González - que reside preto dese lugar. Aspiración fundamentada en motivos de saúde. Precisamente por iso, porque súa saúde foi indo a menos, súa familia colleu o testigo da súa cívica loita, da que tiveron coñecemento directo non soio os membros da Corporación Municipal que había cando el comezou a reivindicar esa coñexión entre as devanditas rúas, que permitise seu desprazamento en cadeira de rodas, como paso previo o acceso a un vehículo automóbil que o pudese recoller preto do seu fogar e levalo ao hospital, e viceversa, sen atoparse con barreiras arquitectónicas. Tamén tiveron coñecemento desa petición as posteriores corporacións locais, e mesmo a tamén daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, que asistiu a unha das inauguracións - así, en plural, xa que o día 6 de decembro de 2013, tivo lugar o acto de apertura ao público, e posteriormente, o 11 de xaneiro de 2014, a inauguración oficial  - das obras realizadas na fortaleza de Santa Cruz. Máis adiante, o día 8 de xullo de 2016, sería inaugurada a chamada exposición permanente do Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteiriza do Baixo Miño, ubicado nun dos inmobles existentes no recinto fortificado. Pero iso non é o que eiquí e agora nos ocupa. O que queremos lembrar é que a xusta reivindicación de Valentín González González mesmo chegou ao Valedor do Pobo, como oportunamente informamos neste xornal dixital transfronteirizo, e a devandita institución pronunciouse ao respecto, comunicando a Alcaldía de A Guarda o que procedía para solucionar a queixa presentada.

 

Cando se executen ás obras, desaparecerá a parede que figura no centro da imaxe, e poderase acceder a rúa Baixo Muro desde á rúa Ireira, pasando pola Cangostra

 Logo do tempo transcorrido, a día de hoxe, a situación semella que vai camiño de resolverse. Descoñecemos cal será finalmente o tempo que ainda será necesario. 

 En todo caso, na sesión plenaria ordinaria celebrado pola Corporación Municipal do Concello de A Guarda, o pasado venres 27 de novembro deste ano 2020 que todos desexamos rematar do mellor xeito posible, o devandito órgano colexiado municipal acordou dar "luz verde" a aprobación provisional da modificación puntual nº 5 do Plan Xeral de Ordenación Urbana. Trámite necesario para a futura apertura da conexión - mediante A Cangostra - entre as rúas Baixo Muro e Ireira. 

 

Na superficie cuadriculada da imaxe amósase o lugar concreto da intervención que é necesaria para comunicar mediante A Cangostra, as rúas Baixo Muro e Ireira

 

 Desde o Equipo de Goberno Municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz veñen de facer á seguinte valoración: "Despois de superar a aprobación inicial e a aprobación provisional, a modificación puntual pasa a mans da Xunta de Galicia que será a encargada de darlle a aprobación definitiva para ser incluída no rexistro de planeamento. 

 Na actualidade o concello está redactando tamén o proxecto histórico arqueolóxico esixido por Patrimonio, da Xunta [de Galicia] como documento previo ao proxecto de urbanización. 

 A partir do momento en que a modificación puntual teña a aprobación definitiva o concello redactará o proxecto de urbanización para definir e valorar as obras que hai que acometer para proceder definitivamente a apertura do Baixo Muro". 

 Asemade, o executivo municipal salienta que "esta conexión permitirá dar accesibilidade á rúa Baixo Muro á que na actualidade só se pode acceder salvando escaleiras. Por outra banda permitirá un acceso fácil e directo á muralla medieval da Guarda, un dos elementos patrimoniais máis importantes da vila. Ademais disto esta conexión permitirá un acceso directo dende unha ampla zona do casco vello (rúa Hernán Cortés, rúa Oliva, …) á zona comercial, mellorando de forma considerable a comunicación dentro do casco urbano". 

 O alcalde, Antonio Lomba Baz, mostra a súa satisfacción diante deste paso ao que se chega despois de anos de xestións" por parte do rexidor local "para lograr a apertura da rúa Baixo Muro".

Ningún comentario:

Publicar un comentario