4 de dec. de 2020

PONTEVEDRA

O Plan Concellos 2021 ascende ata os 42,5 millóns de euros e volve situar á Deputación como a administración provincial do estado que transfire máis recursos  

Carmela Silva (presidenta da Deputación de Pontevedra): "Unha ferramenta fundamental para a transformación da provincia que seguirá a ser clave para a reactivación económica e social tras a crise sanitaria"

 

Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, respectivamente, na rolda de prensa de hoxe

 

Infogauda / Pontevedra

  Os números do Plan do vindeiro ano, que ascende a 42.5 millóns, 300.000 [euros] máis que en 2020, foron presentados esta mañá pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, e responden como en anos anteriores a criterios técnicos de poboación, superficie, núcleos e densidade.

  Os concellos da comarca de Pontevedra recibirán o próximo ano 2021 case 7,6 millóns de euros, (7.578.481€). Así, na comarca de Pontevedra, os investimentos do Plan provincial serán para Poio de 1.085.134 euros; Cerdedo-Cotobade 971.287 euros; Marín 905.810 euros; Caldas de Reis 741.053 euros; Pontecaldelas 581.383 euros; Cuntis 562.637 euros; Vilaboa 522.980 euros; A Lama 493.057 euros; Moraña 489.333 euros; Barro 445.712 euros; Portas 392.450 euros; e Campo Lameiro 385.311 euros. O balance dos investimentos só do Plan Concellos estes 5 anos na comarca pontevedresa ascende a máis de 43 millóns de euros (43.368.934€).

  Os concellos da comarca de Vigo recibirán o próximo ano 2021 case 8,3 millóns de euros, (8.288.862€). Así, os investimentos do Plan provincial na comarca viguesa serán para O Porriño de 1.149.865 euros; Nigrán 1.042.429 euros; Redondela 1.031.803 euros; Gondomar 1.012.093 euros; Mos 1.000.877 euros; Baiona 963.810 euros; Salceda de Caselas 694.904 euros; Soutomaior 573.666 euros; Pazos de Borbén 420.155 euros; e Fornelos de Montes 399.256 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca de Vigo ascende a máis de 48 millóns de euros (48.387.070€).

  Os concellos do Morrazo recibirán o próximo ano 2021 2,9 millóns de euros, (2.883.357€). Así, na comarca, os investimentos do Plan provincial serán para Moaña de 1.033.042 euros; Cangas 993.186 euros; e Bueu 857.128 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 17 millóns de euros (17.192.449€).

  Os concellos do Baixo Miño recibirán o próximo ano 2021 máis de 4 millóns de euros, (4.085.511€). Así, no Baixo Miño, os investimentos do Plan provincial serán para Tomiño de 1.275.963 euros; Tui 1.066.189 euros; A Guarda 690.522 euros; O Rosal 586.478 euros; e Oia 466.357 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 24 millóns de euros (24.275.597€).

  Os concellos do Salnés aumentan o próximo ano 2021 ata os 8,4 millóns de euros, (8.378.185€). Así, na comarca do Salnés, os investimentos do Plan provincial serán para Vilagarcía de Arousa de 1.248.837 euros; Sanxenxo 1.200.204 euros; Cambados 989.795 euros; O Grove 832.369 euros; Vilanova de Arousa 791.095 euros; Valga 568.206 euros; Meaño 519.663 euros; Meis 499.859 euros; Ribadumia 485.930 euros; A Illa de Arousa 435.877 euros; Catoira 432.385 euros; e Pontecesures 373.960 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca do Salnés ascende a máis de 49 millóns de euros (49.224.512€).

  Os concellos do Condado e A Paradanta recibirán o próximo ano 2021 máis de 5 millóns de euros, (5.038.235€). Así, na comarca, os investimentos do Plan provincial serán para Ponteareas de 1.023.927 euros; Salvaterra de Miño 774.445 euros; A Cañiza 566.988 euros; As Neves 556.218 euros; Mondariz 528.711 euros; Covelo 471.218 euros; Arbo 440.625 euros; Crecente 407.325 euros; e Mondariz Balneario 268.774 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a preto de 30 millóns de euros (29.893.894€).

  Os concellos da comarca do Deza-Terra de Montes se incrementan o próximo ano 2021 ata os case 6,3 millóns de euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Así, os investimentos do Plan provincial serán para A Estrada de 1.391.674 euros; Lalín 1.355.928 euros; Silleda 798.367 euros; Vila de Cruces 665.789 euros; Forcarei 566.929 euros; Rodeiro 526.953 euros; Agolada 522.113 euros; e Dozón 370.516 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 38,5 millóns de euros (38.507.544€).

Os datos foron comunicados hoxe mesmo aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan "a fin de que saiban o antes posible as achegas que van recibir para poder incorporalas aos seus respectivos orzamentos".

  "Trátase do plan estrela da Deputación, do paradigma de respecto da autonomía local municipal e permite que os concellos decidan libremente a que dedicar os recursos" asegurou Carmela Silva na presentación.  Este ano, "todas as comarcas van recibir máis recursos que o ano anterior" destacou a presidenta, quen amosou unha vez máis o seu orgullo ao coñecer que a Deputación, segundo os datos do Ministerio de Facenda, "volve ser a administración que máis transferencias fai aos municipios".

  En liñas xerais, o Plan Concellos repártese de forma equilibrada, beneficiando máis aos máis pequenos. Os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2021 20.250.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 14.300.000 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitantes 7.950.000 €. "Somos moi conscientes do papel que teñen que desenvolver as Deputacións, sobre todo de apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, neste eido, imos destinar  a este grupo preto dos 35 millóns de €". Amais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que para o 2021 estará dotada con 30 millóns de €; a liña 2 de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes que estará dotada con 3.000.000 € e a liña 3 de fomento do emprego que contará no 2021 con 9.500.000 €.

  O Plan presenta novidades. Como xa podían facer desde o inicio de pandemia, os concellos poden destinar ata o 30% da cantidade da liña 1 a incrementar o importe das liñas 2 e 3 e facer fronte así ás necesidades derivadas da crise. Esta medida verase complementada agora con outra nova: dáse opción aos concellos a destinar ata o 20% da liña 1, un total de 6 millóns de euros, a establecer un plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.

  Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo da Deputación na axuda aos concellos da provincia salientando que sumado o Plan Concellos (42,5 M€) e as liñas de actuación (Revitaliza, Ágora, actuacións en vías provinciais…), invístense 75 millóns de euros anuais nos municipios, o que supón o 64% dos recursos provinciais unha vez descontado o capítulo de persoal. "Máis é imposible. Estamos a facer un esforzo máximo e non debe haber deputación que faga algo parecido", subliñou.

  Xa en canto ao Plan Concellos, Mosquera fixo fincapé no seu afán de cohesión territorial, xa que destina proporcionalmente moitos máis cartos por habitante aos concellos de menor poboación. "Hoxe fálase da España vaciada, pero a Deputación leva facendo isto dende o ano 2015, dende antes de que se falara disto", lembrou. Neste sentido, subliñou que para os municipios de menos de 10.000 habitantes só o Plan Concellos  representa máis dunha cuarta parte do seu orzamento. "O normal é que dispoñan de entre 400 e 500 euros por habitante, e a Deputación achega 117 euros. Nalgúns casos pasa do 30% do orzamento, polo que con eses fondos poden actuar razonablemente" achegando servizos á súa cidadanía, subliñou. 

Balance 2016-2021 : 252 millóns de euros

  "Ningunha administración, nin a estatal, nin a autonómica, ten feito tanto esforzo inversor para que chegaran recursos aos concellos da provincia. Nunca os concellos tiveron tantos recursos á súa disposición, nunca se respectou tanto a súa autonomía local e nunca se fixo un esforzo tan importante por transformar esta provincia", asegurou Carmela Silva ao facer balance do Plan Concellos dos últimos cinco anos. Deste xeito, desde o 2016 achegáronse máis de 252 millóns de euros aos concellos da provincia, dos cales case 117 millóns e medio foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 82 millóns e medio de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e máis de 52 millóns de euros a aqueles de entre 20.000 e 50.000 habitantes. "Fixemos un esforzo extraordinario, o máis importante da historia desta Deputación, para que os concellos puidesen garantir os dereitos e os servizos", remarcou Carmela Silva.

  En liñas xerais, dende o 2016 e ata o 2020 os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.151 actuacións no marco da liña 1, concretamente para vías e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecemento e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, vehículos e maquinaria, actuacións en alumeados e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións. Pola súa banda, en canto a liña 2 realizáronse ata 1.132 pagamentos de gasto corrente e actividades municipais e a través da liña 3  de emprego puidéronse financiar a creación de 5.199 postos de traballo nos concellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario