12 de set. de 2018
A GUARDA
O Concello de A Guarda valora positivamente a calidade e afluencia nos diferentes eventos realizados durante o verán 2018
· Cinema, concertos musicais, deportes, exposicions, festas, gastronomía, presentación de libros,..., configuraron un amplo programa de actividades para tódolos públicos
Actuación de grupos folclóricos no Auditorio ao aire libre San Bieito
Fotos: C. A.G.
Infogauda / A Guarda
«Dende a Concellería de Cultura do Concello de A Guarda, faise unha valoración moi positiva das diferentes actividades e eventos do Verán Guardés 2018». Dese xeito resume a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez toda á variada programación desenvolvida nos meses de verán no municipio guardés.
Entre as actividades e eventos organizados dende o Concello da Guarda, cabe destacar a IV Edición de Noites no Castelo, cunha masiva afluencia de público a Fortaleza de Santa Cruz, gozando dos concertos de música tradicional galega a cargo dos grupos Ardentía e Milladoiro (estes últimos dentro do programa Musigal 2018, da Deputación de Pontevedra).
Concerto do grupo Liquen, na Praza de Salcidos
Outro dos eventos musicais salientable deste verán foi o Música nas Prazas, que tiveron como citas o concerto de Liquen na Praza de Salcidos, Bieitosolo na Praza de San Amaro (O Terreiro), de Camposancos, e Pepe Vaamonde na Praza do Reló, congregando de igual xeito a un bo número de asistentes nestes espazos públicos.
Tamén o público familiar desfrutou con Sabooor, un espectáculo infantil que se realizou en xullo no Auditorio ao aire libre San Bieito.
As vistas teatralizadas polo casco histórico de A Guarda voltaron a gustar
As visitas teatralizadas foron de novo un éxito deste verán guardés, asistindo de media máis de 70 persoas a cada unha das 7 citas realizadas os xoves de xullo e agosto a cargo da compañía de teatro “Os Quinquilláns”, conseguindo facer as delicias do público.
Este ano como novidade, ofertouse o Cinema de Verán, tres citas co cinema para as familias na Praza do Reló. Na mesma praza tivemos a sorte de contar coa música de Uxía, dentro do programa Violencia Zero, da Deputación de Pontevedra; e tamén os concertos de Magín Blanco e Najla Shami a través do programa Vive o Camiño, da Xunta de Galicia.
Pero non só foron eventos organizados polo Concello os que tiveron un gran éxito de público este verán, as asociacións guardesas, que traballan arreo durante todo o ano, organizaron tamén eventos diversos e para todos os públicos en diferentes espazos do municipio.
O Festival de Bandas de Música Vila de A Guarda foi un novo éxito
Na música tradicional destacan o Encontro dos Pobos, o Festival Folclórico Luso Galaico, o Serán da Guía, o Solsticio de Verán, entre outros. O mundo da danza quedou representado cos tres festivais de Baile Moderno e de Danza organizados por Xamaraina, Ballet Studio 88 e Do-Majó, respectivamente.
O Galifornia Beat IV voltou a contar coa afluenza do público máis heteroxéneo, ainda que maioritariamente xuvenil
A Guarda contou unha vez máis con eventos musicais e concertos de apoio á música local e rock, como o Mercado da Música, o Rock Guardés, o Son do Tegra e eventos como a II Mostra C. D. Baixo Miño e o Galifornia Beat IV, que tendo como principal actividade as probas de patinaxe, mesturan outras probas deportivas, arte urbana e música nun evento multicultural.
Sen esquecernos do Festival de Bandas e as diferentes mostras musicais que organizou a Agrupación Musical da Guarda ao longo deste verán.
Este ano ademais se uniron ó verán guardés eventos musicais novos, como a I Festa da Xuventude, o Interlude Fest e o Sons da Guarda.
Tamén para os nosos maiores, o Club da Terceira Idade da Guarda organizadou a Festa dos Avós, e todos gozaron e participaron das festas que cada ano diferentes Comisións de Festas organizan na Guarda: as Festas de San Antonio, a Festa Castrexa, as Festas do Carmen, as Festas de San Queitano, as nosas Festas do Monte Santa Trega e tamén dos actos litúrxicos e procesións de San Roque e Virxe da Guía. Ademais neste último tramo de verán, en setembro poderemos desfrutar da Romería de Santa Trega e das Festas das Mercedes, que este ano celebran o seu I Centenario cunha ampla programación de actividades.
Os eventos gastronómicos fixeron que A Guarda refrendase súa ben merecida fama de ser un pobo onde se come moi ben
Participantes na Travesía a Nado Porto de A Guarda
En canto á gastronomía durante o verán caben destacar a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, e a Festa do Peixe Espada, respectivamente, que na carpa do Portiño Novo (Porto da Guarda) reuniron a milleiros de persoas, tendo este ano un considerable aumento de comensais e propoñendo ó público eventos musicais e deportivos como Mitic o Espectáculo ou o concerto de BSO da Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda; a Travesía a Nado e o Campionato de Inclusivo de Motonáutica, que encheron o Porto da Guarda.
Destacaron tamén a Festa do Percebe e a Festa do Mexilón, reunindo a moitos comensais na Alameda da Guarda.
Presentación do libro “Hospital Casa Asilo da Guarda. Centenario de una Institución Benéfica nacida en Puerto Rico”, de Joaquín Miguel Villa Álvarez
E por suposto contamos tamén con actividades culturais relacionadas co mundo literario. Destacan o XXXII Certame de Poesía “Feliciano Rolán” organizado pola Agrupación Cultural Guardesa; a presentación do libro “Hospital Casa Asilo da Guarda. Centenario de una Institución Benéfica nacida en Puerto Rico”, de Joaquín Miguel Villa Álvarez e “El Abrazo del Sauce” de May Ferreira, finalista do Premio Planeta, sen esquecernos do libro “Na Sombra do Trega” coordinado por Francisco Álvarez Álvarez (Koki), coa participación de varios autores, e publicado pola Deputación de Pontevedra, tendo cada ún dos catro eventos unha gran acollida de público .
En canto á exposicións, destacamos a exposición “Así Somos”, de Marius Kraja (Mac), organizada polo Concello da Guarda na Casa dos Alonso, cunha gran afluencia de público. Ademais de facer dous obradoiros dentro da propia exposición nos que participaron dúas asociacións da Guarda: Redeiras do Baixo Miño Atalaia e Asociación Cultural de Alfombras da Guarda. Compoñentes desta última asociación e outras persoas que tamén colabouraron, foron as encargadas de decorar as rúas guardesas na festividade do Santísimo no mes de xuño.
Acto de apertura da exposición “Trieb”, de Jesús Rodríguez Ortiz
Ademais foron varias as Exposicións que houbo no Centro Cultural este verán: “Cambia de Perspectiva” de Pablo Lubiáns; “Faros de Galicia” de Carlos Ramos Fernández; “Trieb” de Jesús Rodríguez Ortiz e “Raíces Celtas en la Amazonía Venezolana” de Oscar Noya-Alarcón.
Tamén durante este verán o Museo do Mar, acolleu a exposición promovida dende a Deputación de Pontevedra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, unha interesante iniciativa que pretende amosar o traballo da muller no mundo do mar.
«A Concellería de Cultura da Guarda colaborou en todos os eventos organizados polo amplo tecido asociativo existente no municipio e quere agradecer de xeito moi especial ós traballadores dos Departamentos de Cultura, Turismo e Prensa así como tamén ó traballo incansable dos operarios de rúa, que sen eles sería imposible coordinar e levar a cabo todos estes eventos.
Do mesmo xeito queremos agradecer a toda a vila da Guarda o seu apoio e agarimoso aplauso a tódalas iniciativas que durante este verán se levaron a cabo na nosa vila», concluiu Mª Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda.
Publicado por
Infogauda
ás
23:11
0
comentarios
((•)) Escucha este post
SANIDADE
PRADO CORES (BNG) CUALIFICA DE “LAMENTABLE” QUE O PP NON ASUMA A SÚA RESPONSABILIDADE NA MORTE DUN PACIENTE NO PAC DA ESTRADA
· Denuncia o desleixo do SERGAS para implantar medidas correctoras contra a precariedade e a falta de prazas nos Puntos de Atención Continuada
Montserrat Prado Cores, parlamentaria do BNG
Infogauda / Santiago de Compostela
A parlamentaria do BNG, Montserrat Prado Cores arremeteu hoxe contra o Partido Popular cualificando de “lamentable” a súa negativa a dar explicacións no Parlamento polo falecemento dun paciente o pasado 4 de agosto no PAC da Estrada por falta de atención sanitaria.
A deputada explicou que ese día, no PAC do concello da Estrada, o persoal sanitario atopábase fora atendendo outra urxencia e esta circunstancia, dixo, provocou que o paciente non puidera ser atendido. A morte de José Manuel, “fixo saltar todas as alarmas sobre a situación da sanidade” e sobre a política sanitaria do Partido Popular.
Por outra parte, lembrou que o “risco 0 nunca existe” pero resulta evidente que a obriga do SERGAS é “garantir os medios necesarios para reducilo ao mínimo”.
Prado reprochou ao Partido Popular “non ter escoitado as demandas e advertencias do persoal dos PACs que levan meses denunciando a situación” ante a falta de profesionais sanitarios.
Tralo suceso acontecido no PAC da Estrada, a deputada acusou os responsábeis do Sergas de falta de “sensibilidade” por non facer ningún intento para trasladar á familia do falecido algunha comunicación ou pésame e que a propia xerente da EOXI, Eloína Núñez “nin sequera interrompera as súas vacacións”, ao que sumou “a negativa do Conselleiro Almuíña para explicar o sucedido e asumir responsabilidades”.
Prado reclamaba na proposición non de lei que os máximos responsábeis da Consellaría de Sanidade e Sergas dean explicacións urxentes no Parlamento Galego sobre as causas da morte do doente no PAC da Estrada o sábado 4 de agosto e a razón de ter negado o reforzo solicitado polo persoal do PAC, así como solicitar que se atenda, sen máis dilación, as demandas das/os profesionais que prestan os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada, PAC, das que é coñecedor o Sergas.
A través da lectura de dúas cartas remitidas pol@s profesionais dos PACs para denunciar o deterioro das condicións laborais e asistenciais que se vive nestes centros que atenden as urxencias extra-hospitalarias de Galiza, a deputada do BNG asegurou que na actualidade “os recursos materiais e humanos son os mesmos de hai 10 anos a pesar do aumento das urxencias.
O traballo realizase en servizos mínimos, sobrecarga laboral, falta de substitución das ausencias de profesionais e ausencia de reforzos en fins de semana e datas con previsión de aumento de demanda.
Ante esta situación, dende o BNG, dixo a nacionalista, propoñemos poñer en marcha un proceso de formación adaptado ás necesidades reais de profesionais, demandar do Goberno español o aumento do número de prazas de Residencia MIR, que se ofertan en Galiza, aumentar as prazas na Facultade de medicina, un plano de estabilidade de emprego e convocar a totalidade das prazas vacantes existentes”.
Pola súa parte, o portavoz do Partido Popular, Aurelio Núñez Centeno anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.
Publicado por
Infogauda
ás
23:10
0
comentarios
((•)) Escucha este post
LABORAL
BARÁ PIDE Á XUNTA QUE SE IMPLIQUE E BUSQUE UNHA SAÍDA PARA A EMPRESA MADERAS IGLESIAS
· O parlamentario do BNG lembrou que os traballadores permanecen en folga dende o pasado 28 de agosto para denunciar os incumprimentos da empresa e os impagos de salarios e pagas extras
Ana Pontón e Luís Bará cos traballadores de Maderas Iglesias
Foto de arquivo
Infogauda / Santiago de Compostela
O deputado do BNG, Luís Bará levou de novo hoxe ao pleno do Parlamento galego a crítica situación dos traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias en folga indefinida dende o pasado 28 de agosto para denunciar os reiterados incumprimentos de compromisos da dirección da empresa e impagos dos salarios e pagas extras. O parlamentario formulou unha pregunta ao conselleiro de Industria e Emprego, Francisco Conde sobre as xestións realizadas polo goberno.
O deputado sumou á actual situación económica dos traballadores e traballadoras a conxelación salarial dos últimos 8 anos e o vencemento do convenio no ano 2014 así como os enormes sacrificios dos últimos 10 anos e a loita que protagonizaron nos últimos meses en defensa da continuidade e viabilidade da empresa. O persoal, afirmou, síntese estafado pola falta de información e compromisos do propietaria ademais dunha maior implicación do goberno galego como recolle o acordo parlamentario do pasado mes de outubro de 2017.
Bará salientou que a empresa Maderas Iglesias conta con máis de 200 postos de traballo, na súa maioría mulleres, da zona sur da provincia de Pontevedra, unha área que está a sufrir un acelerado proceso de desindustrialización e na que resulta vital manter proxectos empresariais con emprego estábel e de calidade polo que reiterou a necesidade dunha solución.
BARÁ PIDE A CONDE QUE DEIXE DE SER AVALISTA DA EMPRESA E DEFENDA OS POSTOS DE TRABALLO
Pola súa parte, o conselleiro de Emprego, Francisco Conde manifestou que os traballadores e traballadoras deberían abandonar a folga porque entorpece a búsqueda dunha solución ao que o nacionalista respondeu preguntando se o conselleiro lle está a pedir ao persoal “que vaia a traballar sen cobrar” e explicou que levan sen ingresar os salarios dende hai meses e tamén as pagas extras e pediu respecto polo dereito lexitimo á folga. Os traballadores e traballadoras, engadiu Luís Bará, queren que se cumpran os compromisos, que se posibilite a entrada dun fondo inversor e que a Xunta garanta “unhas mínimas condicións”. Póñase ao fronte e dea a cara para defender os postos de traballo dunha empresa que recibiu recursos da Xunta. “Non sexa avalista da dirección e busque unha solución a unha empresa que é viable e ten futuro”, concluíu.
Publicado por
Infogauda
ás
23:03
0
comentarios
((•)) Escucha este post
LABORAL
O PERSOAL DE MADERAS IGLESIAS MANIFESTOUSE POLAS RÚAS DE VIGO
· Este xoves día 13 de setembro, celebrarán unha nova asemblea para analizar o camiño a tomar tras o novo escenario creado
O persoal de Maderas Iglesias levou a cabo unha manifestación polas rúas de Vigo
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
Na mañá de hoxe, o persoal de Maderas Iglesias levou a cabo unha manifestación polas rúas de Vigo, percorrendo o traxecto entre o domicilio dun dos propietarios e o edificio da Xunta de Galiza.
Persoal da empresa Maderas Iglesias diante do domicilio dun dos propietarios
Fontes sindicais afirmaron a este xornal dixital que "a mobilización reafirmou a vontade de continuar a folga, que cumpre hoxe 16 xornadas, tras rexeitaren onte en asemblea o resultado da mediación ao desconfiaren das novas promesas realizadas pola dirección".
Este xoves día 13 de setembro, celebrarán unha nova asemblea para analizar o camiño a tomar tras o novo escenario creado.
Publicado por
Infogauda
ás
21:55
0
comentarios
((•)) Escucha este post
CULTURA
A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Belas Artes organizan cinco roteiros de arquitectura na provincia
As arquitecturas da modernidade e a pegada de Alejandro de la Sota e outros arquitectos da súa xeración serán os eixos destes percorridos
Infogauda / Pontevedra
Con motivo da dedicación do Día das Artes Galegas do ano 2018 ao arquitecto Alejandro de la Sota por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, a área de Cultura e Lingua organiza cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia de Pontevedra. O obxectivo principal desta iniciativa é o de achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. "Quixemos introducir a arquitectura na oferta de roteiros e percorridos pola provincia porque entendemos que é unha disciplina que ten un impacto fundamental na nosa contorna e na nosa paisaxe, así como na nosa calidade de vida, e que debemos dala a coñecer de xeito accesible da man de persoas especializadas" asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto desta iniciativa.
As terras do Deza, concretamente os concellos de Lalín e de Vila de Cruces, serán o primeiro dos escenarios nun percorrido previsto para o sábado 22 de setembro. Este itinerario sairá de Lalín, concretamente do monumento ao aviador Loriga e centrarase na arquitectura de Mansilla e Tuñón e nas incorporacións escultóricas de Asorey. Tamén aproveitará para profundar na fonda historia arquitectónica e cultural das terras do Deza en enclaves como Carboeiro, o Corpiño, a pegada do aviador Joaquín Loriga, do astrónomo Ramón María Aller, e do pintor José Otero Abeledo ‘Laxeiro'. Este roteiro tamén inclúe unha visita ao poboado mineiro (volframio) de Fontao, en Vila de Cruces.
O seguinte dos roteiros percorrerá terras do Porriño e de Mondariz-Balneario, establecendo o punto de partida diante do concello do Porriño e visitando os edificios construídos polo arquitecto Antonio Palacios en ambas localidades, referente da arquitectura na primeira metade do século XX. A cita será o sábado 13 de outubro e o percorrido inclúe as Canteiras de Atios, a Fonte do Cristo, a Botica Palacios, e o conxunto do Balneario de Mondariz, entre outros. O terceiro dos percorridos pasará por Baiona e Panxón o 20 de outubro. Partirá da Casa do Concello de Baiona e utilizará como leitmotiv a presenza estival do arquitecto Antonio Palacios no Val Miñor. Neste itineriro destacan as intervencións que interaccionan a arquitectura coa paisaxe, dentro dun singular humanismo que servirá de referencia para moitos outros arquitectos que tamén intervirán na zona. O roteiro focalizará a atención en intervencións como a Virxe da Rocha, o Chalet Sileno, o Templo Votivo do Mar, ou o Chalet de Celso Méndez.
En Vigo a cita será o 27 de outubro e o punto de encontro a Porta do Sol. Este percorrido enfócase coma unha antoloxía arquitectónica do século XX, que inclúe os plans urbanísticos na cidade portuaria, no casco vello, e no ensanche; así como a pegada de arquitectos como Manuel Felipe Quintana, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Antonio Palacios, Gómez Román, pasando por Bar Boo e continuando até o noso hoxe. E por último, o 10 de novembro e da praza da Ferreiría partirá o último do roteiros que toma como referencia Pontevedra, a cidade na que nace Alejandro de la Sota. Este roteiro concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, e máis concretamente pola filosofía e pola esencialidade de La Sota. Está prevista a visita á intervención deste arquitecto na Misión Biolóxica, no Pavillón Municipal, nun edificio de vivendas na Rúa Gondomar, e na Casa Domínguez na Caeira. Tamén se visitará a parroquia de Salcedo, patria de canteiros, e o cemiterio de S. Martiño de Salcedo, coa tumba dos La Sota Martínez. Outros elementos que destacan neste percorrido son a Fábrica da Cross, da enxeñería Proquiber, na rúa da Gándara, e o bloque de vivendas para militares no Polígono de Campolongo.
Todos os roteiros estarán guiados por Felipe Senén López, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, e a participación é gratuíta previa inscrición no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. Para cada roteiro ofértanse 50 prazas e os percorridos faranse na súa maior parte en autobús e terán carácter circular.
Galicia e as arquitecturas da modernidade
A dedicación do Día das Artes Galegas á figura de Alejandro de la Sota levou á Real Academia Galega de Belas Artes e ao Servizo provincial de Cultura e Lingua, a formularse a necesidade de sensibilizar sobre a arquitectura do século XX en Galicia. Neste contexto, estes roteiros teñen moi en conta os presupostos socioculturais da época, a reformulación dos deseños urbanos, a planificación de edificios institucionais, públicos, así como os materiais e as técnicas tradicionais, como a pedra e os canteiros, os materiais industriais, e o paso dos mestres construtores aos mestres da arquitectura que do sentimento historicista, eclecticista romántico, dan o paso á Modernidade.
Durante o pasado século, nas cidades, especialmente nas portuarias da Coruña e Vigo, aparece unha nova arquitectura adaptada aos novos materiais industriais, como son o ferro, o cemento, o vidro, e a madeira. As tradicións artéllanse na nova arquitectura, como as galerías, e analízanse as infindas posibilidades das pedras. Nos anos previos á guerra a análise racionalista aplicada á arquitectura sobreponse ao virtuosismo e á retórica historicista, monumentalista, representada pola saga dos Rodríguez-Sesmero, así como por Jenaro de la Fuente ou Antonio Palacios, mesmo a través das distintas facetas do Modernismo, con relevantes figuras como González del Villar, Rei Pedreira, e Antonio Tenreiro. Imponse a esencialidade á que conlevan os novos materiais, os prefabricados, e as novas tecnoloxías construtivas. Se ben a Guerra Civil e a II guerra mundial, retrasaron un proceso cultural, o do "International style", que supón a depuración das liñas e que inclúe tanto o deseño de inmobles como mobles. Entra aquí a figura de Alejandro de la Sota, seguida de Molezún e xeracións algo máis novas como Fernández- Albalat e Xosé Bar Boo, abrindo paso a xeracións caracterizadas por unha fonda reflexión e compromiso con canto significa o espazo, o tempo e as novas tecnoloxías.
Publicado por
Infogauda
ás
14:06
0
comentarios
((•)) Escucha este post
BAIONA
Carlos Font confirma que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará o venres 169.000 € para a reurbanización do acceso á igrexa de San Lourenzo de Belesar en Baiona
A Xunta de Goberno aprobará esta achega, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2018, para mellorar os accesos á igrexa e a ordenación da praza Antonio Taboada
Vista parcial de Baiona
Foto: D. PO.
Infogauda / Baiona
O deputado provincial de cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres en Xunta de Goberno o financiamento ao concello de Baiona para as obras de reurbanización e acondicionamento do acceso á igrexa de San Lourenzo de Belesar e da praza Antonio Taboada Tabanera da mesma parroquia. As dúas actuacións teñen un importe total de 168.995,46 euros e forman parte dos fondos da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018.
Máis polo miúdo, trátase de traballos para mellorar os accesos á igrexa de San Lourenzo de Belesar, así como a ordenación da praza Antonio Taboada Tabanera, co obxectivo de potenciar o acceso peonil. Con este fin, vaise substituír a actual escalinata de baixada ao adro por unha costa e a pavimentación dos camiños do núcleo rural tradicional da igrexa, enlazando o adro coa plataforma do palco da música onde se celebran as festas.
A pavimentación farase con laxa de granito de 6 centímetros de espesor para as zonas de tráfico peonil e de 12 centímetros para as zonas de tráfico combinado, así como pavimento de lastra de granito de 8x8 para adaptarse ás zonas máis estreitas do rueiro do núcleo tradicional no acceso á igrexa e asfalto nos viarios de conexión cos existentes. O proxecto contempla tamén a supresión dos elementos que distorsionan as perspectivas visuais do núcleo histórico tradicional co soterramento e desmonte de todas as instalacións aéreas existentes na zona.
O obxectivo destas actuacións é mellorar a conexión peonil entre o adro da igrexa e a praza onde está o palco das verbenas, recuperando así o trazado dun camiño tradicional, e mellorar as infraestruturas e redes de subministración e abastecemento.
Con este novo investimento, o Concello de Baiona xa ten aprobados máis de 417.000 euros, en concreto 417.232,46 euros, co vixente Plan da Deputación de Pontevedra que este ano destina á vila do Val Miñor un total de 1.582.966 euros.
Publicado por
Infogauda
ás
13:58
0
comentarios
((•)) Escucha este post
NIGRÁN
O PP Provincial confirma a Carlos Javier Abal Valverde como o candidato do PP en Nigrán
• O acto de presentación será o venres ás 19:30 no Hotel Miramar
Carlos Javier Abal Valverde
Infogauda / Nigrán
Carlos Javier Abal Valverde será o candidato do Partido Popular en Nigrán e o acto de presentación será este venres, 14 de setembro, ás 19:30 horas no hotel Miramar.
A presentación do que será o cabeza de lista do PP en Nigrán será o primeiro dos actos de presentacións de candidatos que o Partido Popular ten previsto realizar por toda a provincia durante os meses de setembro e outubro.
Abal contará co respaldo do presidente provincial, Alfonso Rueda Valenzuela, do coordinador comarcal, Jesús Vázquez Almuíña, así como da presidenta local do partido, María José Pino Fernández, entre outros.
A dirección provincial aceptou desta forma, a proposta que a executiva local lle trasladou de forma unánime no mes de xullo, ao considerar a Carlos Abal como a persoa máis idónea para encabezar a lista do Partido Popular nas próximas eleccións municipais e capaz de recuperar a alcaldía.
Carlos Javier Abal Valverde nacido en 1960 na parroquia de San Pedro e empresario vinculado ás Tecnoloxías de Información e Comunicación é actualmente o presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia. Está vinculado ao Partido Popular desde hai 40 anos. É ademais fillo e xenro de dous dos fundadores do partido en Nigrán, José Luis Abal Barros e José Lino Fernández Alonso. Formou parte da candidatura de Alfredo Rodríguez Millares e foi o presidente do Congreso Local de 2017 no que resultou elixida presidenta local María José Pino.
Publicado por
Infogauda
ás
13:23
0
comentarios
((•)) Escucha este post
LABORAL
O persoal de Maderas Iglesias manterá a folga ao non confiar nas novas promesas da dirección
A decisión, tomada en asemblea, rexeita o resultado da mediación do CGRL entre patronal e comité
O persoal de Maderas Iglesias expresou a súa negativa a depor a loita na asemblea celebrada onte ás 19:00 horas nos arredores da empresa
Foto: CIG
Infogauda / O Porriño
A folga indefinida en Maderas Iglesias, que onte martes cumpriu 15 días, continuará ao non aceptar o cadro de persoal os compromisos adquiridos esta mañá pola patronal coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. A proposta, que contemplaba un calendario de pagamentos dos salarios adebedados e dos atrasos, requiría a suspensión dunha folga que se prolongará debido á desconfianza xerada tras anos de incumprimentos.
Co ánimo intacto despois de dúas semanas de paralización total da empresa. A unanimidade coa que as traballadoras/es da empresa de fabricación de tarima flotante con sede no Porriño afrontaron a convocatoria da folga indefinida non decae, e entra na terceira semana desafiando as novas promesas efectuadas por unha patronal, á que, a estas alturas, dan escaso crédito.
Así pois, e a pesar da mediación efectuada na mañá de onte martes dia 11 de setembro, polo Consello Galego de Relacións Laborais, que resultou nunha listaxe de compromisos que incluía un calendario de pagamentos das nóminas adebedadas, o persoal expresou a súa negativa a depor a loita na asemblea celebrada ás 19:00 horas nos arredores da empresa.
Lembran, como exemplo recente, o incumprimento das condicións pactadas tras o ERE de xuño deste ano – que lograron reverter de 150 a 34 ceses- pero cuxas indemnizacións aínda non foron abonadas. Tamén o calvario vivido tras oito anos de conxelación salarial, así como a demora continua e incumprimentos no pago de nóminas, das que a día de hoxe seguen pendentes a de agosto e a extra de xullo do ano vixente.
Piden, ademais, o respecto da Xunta á decisión tomada pola asemblea traballadoras/es, reivindicando que a administración se implique de xeito pleno na consecución de investidoresde cara a lograr un futuro para a empresa.
Despois da importante decisión tomada hoxe, o persoal manifestouse este mércores 12 de setembro, ás 11:00 horas, desde os arredores da praza dos cabalos de Vigo (onde vive un dos donos) até o edificio da Xunta de Galiza, reafirmando a vixencia dos motivos que os levaron á folga.
Publicado por
Infogauda
ás
13:06
0
comentarios
((•)) Escucha este post
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)