BARÁ PIDE Á XUNTA QUE SE IMPLIQUE E BUSQUE UNHA SAÍDA PARA A EMPRESA MADERAS IGLESIAS
· O parlamentario do BNG lembrou que os traballadores permanecen en folga dende o pasado 28 de agosto para denunciar os incumprimentos da empresa e os impagos de salarios e pagas extras
Ana Pontón e Luís Bará cos traballadores de Maderas Iglesias
Foto de arquivo
Infogauda / Santiago de Compostela
O deputado do BNG, Luís Bará levou de novo hoxe ao pleno do Parlamento galego a crítica situación dos traballadores e traballadoras de Maderas Iglesias en folga indefinida dende o pasado 28 de agosto para denunciar os reiterados incumprimentos de compromisos da dirección da empresa e impagos dos salarios e pagas extras. O parlamentario formulou unha pregunta ao conselleiro de Industria e Emprego, Francisco Conde sobre as xestións realizadas polo goberno.
O deputado sumou á actual situación económica dos traballadores e traballadoras a conxelación salarial dos últimos 8 anos e o vencemento do convenio no ano 2014 así como os enormes sacrificios dos últimos 10 anos e a loita que protagonizaron nos últimos meses en defensa da continuidade e viabilidade da empresa. O persoal, afirmou, síntese estafado pola falta de información e compromisos do propietaria ademais dunha maior implicación do goberno galego como recolle o acordo parlamentario do pasado mes de outubro de 2017.
Bará salientou que a empresa Maderas Iglesias conta con máis de 200 postos de traballo, na súa maioría mulleres, da zona sur da provincia de Pontevedra, unha área que está a sufrir un acelerado proceso de desindustrialización e na que resulta vital manter proxectos empresariais con emprego estábel e de calidade polo que reiterou a necesidade dunha solución.
BARÁ PIDE A CONDE QUE DEIXE DE SER AVALISTA DA EMPRESA E DEFENDA OS POSTOS DE TRABALLO
Pola súa parte, o conselleiro de Emprego, Francisco Conde manifestou que os traballadores e traballadoras deberían abandonar a folga porque entorpece a búsqueda dunha solución ao que o nacionalista respondeu preguntando se o conselleiro lle está a pedir ao persoal “que vaia a traballar sen cobrar” e explicou que levan sen ingresar os salarios dende hai meses e tamén as pagas extras e pediu respecto polo dereito lexitimo á folga. Os traballadores e traballadoras, engadiu Luís Bará, queren que se cumpran os compromisos, que se posibilite a entrada dun fondo inversor e que a Xunta garanta “unhas mínimas condicións”. Póñase ao fronte e dea a cara para defender os postos de traballo dunha empresa que recibiu recursos da Xunta. “Non sexa avalista da dirección e busque unha solución a unha empresa que é viable e ten futuro”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario