O persoal de Maderas Iglesias manterá a folga ao non confiar nas novas promesas da dirección
A decisión, tomada en asemblea, rexeita o resultado da mediación do CGRL entre patronal e comité
O persoal de Maderas Iglesias expresou a súa negativa a depor a loita na asemblea celebrada onte ás 19:00 horas nos arredores da empresa
Foto: CIG
Infogauda / O Porriño
A folga indefinida en Maderas Iglesias, que onte martes cumpriu 15 días, continuará ao non aceptar o cadro de persoal os compromisos adquiridos esta mañá pola patronal coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. A proposta, que contemplaba un calendario de pagamentos dos salarios adebedados e dos atrasos, requiría a suspensión dunha folga que se prolongará debido á desconfianza xerada tras anos de incumprimentos.
Co ánimo intacto despois de dúas semanas de paralización total da empresa. A unanimidade coa que as traballadoras/es da empresa de fabricación de tarima flotante con sede no Porriño afrontaron a convocatoria da folga indefinida non decae, e entra na terceira semana desafiando as novas promesas efectuadas por unha patronal, á que, a estas alturas, dan escaso crédito.
Así pois, e a pesar da mediación efectuada na mañá de onte martes dia 11 de setembro, polo Consello Galego de Relacións Laborais, que resultou nunha listaxe de compromisos que incluía un calendario de pagamentos das nóminas adebedadas, o persoal expresou a súa negativa a depor a loita na asemblea celebrada ás 19:00 horas nos arredores da empresa.
Lembran, como exemplo recente, o incumprimento das condicións pactadas tras o ERE de xuño deste ano – que lograron reverter de 150 a 34 ceses- pero cuxas indemnizacións aínda non foron abonadas. Tamén o calvario vivido tras oito anos de conxelación salarial, así como a demora continua e incumprimentos no pago de nóminas, das que a día de hoxe seguen pendentes a de agosto e a extra de xullo do ano vixente.
Piden, ademais, o respecto da Xunta á decisión tomada pola asemblea traballadoras/es, reivindicando que a administración se implique de xeito pleno na consecución de investidoresde cara a lograr un futuro para a empresa.
Despois da importante decisión tomada hoxe, o persoal manifestouse este mércores 12 de setembro, ás 11:00 horas, desde os arredores da praza dos cabalos de Vigo (onde vive un dos donos) até o edificio da Xunta de Galiza, reafirmando a vixencia dos motivos que os levaron á folga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario