BALONMÁN FEMININO
Sabina Mínguez sumará proxección á portería do Mecalia Atlético Guardés esta tempada
• A nova mislatera de 21 anos protexerá a portería guardesa no que será o seu primeiro ano como titular na elite española. Con 1,76 de altura, é unha xogadora moi prometedora na súa posición e unha aposta para o futuro do equipo miñoto
• Mínguez procede da base do Rocasa Gran Canaria, onde tamén sumou minutos en División de Honra como terceira porteira nos dous últimos cursos
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés segue a conformar as súas filas para o próximo curso 2025/2026. Esta vez chegou o momento de desvelar quen ocupará a súa portería, un dos grandes interrogantes do mercado de fichaxes ante a saída da capitá Míriam Sempere: farao a nova Sabina Mínguez, xogadora de 21 anos que procede da base do Rocasa Gran Canaria e que buscará consolidar o seu lugar na elite española no seo do conxunto miñoto.
Mínguez, natural de Mislata (Valencia) e con 1,76 metros de altura, chega á Guarda con ganas de demostrar por fin o que o seu talento e características físicas lle permitiron prometer nos últimos tempos. Con tan só 21 anos de idade, é unha porteira áxil e efectiva. Así o probou nos breves minutos que sumou nos dous anos pasados dende a terceira praza baixo paus do Rocasa Gran Canaria, así como cun labor máis presente nas xuventudes do equipo canario.
Ademais, o talento e esforzo da mislatera tamén chamaron a atención do conxunto nacional. Mínguez sumou experiencia no pasado da man das Guerreras Juveniles, onde chegou a xogar estando mesmo aínda en idade de cadete, e foi igualmente convocada nalgunhas das chamadas máis recentes da Selección absoluta. Neste contexto, de feito, este mesmo verán compartiu vestiarios coa súa futura compañeira María Palomo en dúas ocasións, en ambas xornadas de tecnificación no CAR de Serra Nevada de xuño e xullo enmarcadas no Proxecto 2029 do equipo español.
Por todo iso, esta tempada que vén o Mecalia ofrecerá á nova gardameta a oportunidade de estrearse como titular en División de Honra. Un movemento que Sabina aproveitou con moitas ganas e que o Club guardés ve tamén como unha aposta de futuro, aproveitando para encher o lugar de Míriam Sempere cun perfil que aporte proxección de futuro e talento mozo.
Mínguez é a cuarta fichaxe que se suma ao plantel 2025/2026 do equipo da Guarda, xunto con Lorena Téllez, Anouk Nieuwenweg e Ariana Portillo. As catro súmanse ás dez renovacións do equipo: Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, Blazka Hauptman, Ania Ramos, María Sancha, Carme Castro, Elena Martínez, Estela Carrera, María Palomo e Jazmín Mendoza, e xunto a todas elas estarán baixo os mandos de Ana Cristina Teixeira Seabra á fronte do corpo técnico. Nas seguintes semanas o Club anunciará ás xogadoras restantes que conformarán o seu proxecto para o ano que vén.
Sabina Mínguez: “Teño moitísimas ganas de competir ao máximo nivel en España. A tempada que fixo o Guardés fai que sexa un reto importante”
A nova porteira destacou a súa necesidade de avanzar deportivamente como principal motivo para unirse ás filas do Guardés. “Levo xa dous anos en Rocasa, adestrando con División de Honra e na súa dinámica de adestramentos”, explica Mínguez, que indica unha grande “necesidade e ganas de competir ao máximo nivel en España”.
A mislatera cre que será unha grande oportunidade de crecemento deportivo e persoal, e afronta este salto á titularidade na categoría elite “con moitísimas, moitísimas ganas de seguir mellorando e traballando para, pouco a pouco, ir conseguindo unha mellor versión de min mesma coma porteira e coma persoa”.
Ademais, os grandes resultados do equipo miñoto tamén xogaron un papel crucial nesta decisión, como aseguraron igualmente as demais novas caras do Club. Para Sabina, o gran nivel do Guardés fai que este cambio “sexa un reto grande e importante”, ao tempo que a deixa con “moitísimas ganas de unirme ao equipo e de comezar a axudar ás miñas compañeiras e traballar xuntas”. En canto aos seus obxectivos, a gardameta espera “que poidamos repetir unha tempada tan boa e positiva para todas e que nos deixe con ganas de máis”.
Asemade, o Club será un ambiente en certo modo familiar para Ariana. O contar xa con experiencia en Galicia súmase ao feito de que no equipo terá a compañía da súa amiga e compatriota Jazmín Mendoza. Ademais, estará baixo as ordes da adestradora Ana Cristina Teixeira Seabra, a quen tamén coñece do seu traballo na selección paraguaia, o que admite que actuou coma “un plus” á hora de tomar a decisión de sumarse ao proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario