A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Belas Artes organizan cinco roteiros de arquitectura na provincia
As arquitecturas da modernidade e a pegada de Alejandro de la Sota e outros arquitectos da súa xeración serán os eixos destes percorridos
Infogauda / Pontevedra
Con motivo da dedicación do Día das Artes Galegas do ano 2018 ao arquitecto Alejandro de la Sota por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, a área de Cultura e Lingua organiza cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia de Pontevedra. O obxectivo principal desta iniciativa é o de achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. "Quixemos introducir a arquitectura na oferta de roteiros e percorridos pola provincia porque entendemos que é unha disciplina que ten un impacto fundamental na nosa contorna e na nosa paisaxe, así como na nosa calidade de vida, e que debemos dala a coñecer de xeito accesible da man de persoas especializadas" asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto desta iniciativa.
As terras do Deza, concretamente os concellos de Lalín e de Vila de Cruces, serán o primeiro dos escenarios nun percorrido previsto para o sábado 22 de setembro. Este itinerario sairá de Lalín, concretamente do monumento ao aviador Loriga e centrarase na arquitectura de Mansilla e Tuñón e nas incorporacións escultóricas de Asorey. Tamén aproveitará para profundar na fonda historia arquitectónica e cultural das terras do Deza en enclaves como Carboeiro, o Corpiño, a pegada do aviador Joaquín Loriga, do astrónomo Ramón María Aller, e do pintor José Otero Abeledo ‘Laxeiro'. Este roteiro tamén inclúe unha visita ao poboado mineiro (volframio) de Fontao, en Vila de Cruces.
O seguinte dos roteiros percorrerá terras do Porriño e de Mondariz-Balneario, establecendo o punto de partida diante do concello do Porriño e visitando os edificios construídos polo arquitecto Antonio Palacios en ambas localidades, referente da arquitectura na primeira metade do século XX. A cita será o sábado 13 de outubro e o percorrido inclúe as Canteiras de Atios, a Fonte do Cristo, a Botica Palacios, e o conxunto do Balneario de Mondariz, entre outros. O terceiro dos percorridos pasará por Baiona e Panxón o 20 de outubro. Partirá da Casa do Concello de Baiona e utilizará como leitmotiv a presenza estival do arquitecto Antonio Palacios no Val Miñor. Neste itineriro destacan as intervencións que interaccionan a arquitectura coa paisaxe, dentro dun singular humanismo que servirá de referencia para moitos outros arquitectos que tamén intervirán na zona. O roteiro focalizará a atención en intervencións como a Virxe da Rocha, o Chalet Sileno, o Templo Votivo do Mar, ou o Chalet de Celso Méndez.
En Vigo a cita será o 27 de outubro e o punto de encontro a Porta do Sol. Este percorrido enfócase coma unha antoloxía arquitectónica do século XX, que inclúe os plans urbanísticos na cidade portuaria, no casco vello, e no ensanche; así como a pegada de arquitectos como Manuel Felipe Quintana, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Antonio Palacios, Gómez Román, pasando por Bar Boo e continuando até o noso hoxe. E por último, o 10 de novembro e da praza da Ferreiría partirá o último do roteiros que toma como referencia Pontevedra, a cidade na que nace Alejandro de la Sota. Este roteiro concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, e máis concretamente pola filosofía e pola esencialidade de La Sota. Está prevista a visita á intervención deste arquitecto na Misión Biolóxica, no Pavillón Municipal, nun edificio de vivendas na Rúa Gondomar, e na Casa Domínguez na Caeira. Tamén se visitará a parroquia de Salcedo, patria de canteiros, e o cemiterio de S. Martiño de Salcedo, coa tumba dos La Sota Martínez. Outros elementos que destacan neste percorrido son a Fábrica da Cross, da enxeñería Proquiber, na rúa da Gándara, e o bloque de vivendas para militares no Polígono de Campolongo.
Todos os roteiros estarán guiados por Felipe Senén López, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, e a participación é gratuíta previa inscrición no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. Para cada roteiro ofértanse 50 prazas e os percorridos faranse na súa maior parte en autobús e terán carácter circular.
Galicia e as arquitecturas da modernidade
A dedicación do Día das Artes Galegas á figura de Alejandro de la Sota levou á Real Academia Galega de Belas Artes e ao Servizo provincial de Cultura e Lingua, a formularse a necesidade de sensibilizar sobre a arquitectura do século XX en Galicia. Neste contexto, estes roteiros teñen moi en conta os presupostos socioculturais da época, a reformulación dos deseños urbanos, a planificación de edificios institucionais, públicos, así como os materiais e as técnicas tradicionais, como a pedra e os canteiros, os materiais industriais, e o paso dos mestres construtores aos mestres da arquitectura que do sentimento historicista, eclecticista romántico, dan o paso á Modernidade.
Durante o pasado século, nas cidades, especialmente nas portuarias da Coruña e Vigo, aparece unha nova arquitectura adaptada aos novos materiais industriais, como son o ferro, o cemento, o vidro, e a madeira. As tradicións artéllanse na nova arquitectura, como as galerías, e analízanse as infindas posibilidades das pedras. Nos anos previos á guerra a análise racionalista aplicada á arquitectura sobreponse ao virtuosismo e á retórica historicista, monumentalista, representada pola saga dos Rodríguez-Sesmero, así como por Jenaro de la Fuente ou Antonio Palacios, mesmo a través das distintas facetas do Modernismo, con relevantes figuras como González del Villar, Rei Pedreira, e Antonio Tenreiro. Imponse a esencialidade á que conlevan os novos materiais, os prefabricados, e as novas tecnoloxías construtivas. Se ben a Guerra Civil e a II guerra mundial, retrasaron un proceso cultural, o do "International style", que supón a depuración das liñas e que inclúe tanto o deseño de inmobles como mobles. Entra aquí a figura de Alejandro de la Sota, seguida de Molezún e xeracións algo máis novas como Fernández- Albalat e Xosé Bar Boo, abrindo paso a xeracións caracterizadas por unha fonda reflexión e compromiso con canto significa o espazo, o tempo e as novas tecnoloxías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario