Carrero, un apaixonado dos proxectos socialistas
Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda
Nos últimos días, o Concello da Guarda anunciaba a bombo e platillo a inminente finalización do pumptrack da Atalaia, incluído na rehabilitación da zona deportiva de Punta Xenete. O alcalde, Roberto A. Carrero, presume dunha actuación que, por moito que lle pese recoñecelo, non é máis que outro proxecto herdado do anterior goberno socialista.
Desde o grupo socialista queremos lembrar, unha vez máis, que este proxecto foi deseñado, redactado e xestionado durante o noso último mandato, no que se elaborou a proposta, se conseguiron os permisos sectoriais e se deixou todo listo para a súa execución. Xa en febreiro de 2021, os medios de comunicación recollían a noticia: A Guarda contaría cunha pista de pumptrack na Atalaia, un proxecto que quería responder ás demandas da veciñanza máis nova e deportista do noso pobo.
O actual goberno local liderado por un Carrero, cada vez máis especialista en coller atallos, gardou este proxecto nun caixón durante dous anos, sen dar explicación algunha. E agora, como se fose novidade, sácao do esquecemento coma quen acaba de ter unha idea xenial.
Pero isto non é unha excepción. Ao contrario: parece que a única política do señor Carrero é vivir do legado socialista. Tras dous anos á fronte do Concello, a realidade é contundente: non deu sacado adiante nin un só proxecto propio. A súa xestión limítase a inaugurar ou anunciar o que xa lle deixamos feito: a rehabilitación da piscina municipal, a reforma do antigo colexio Sinde, a renovación da rúa Coruña ou a rehabilitación da escola de San Lorenzo, ou como neste caso o proxecto da pumptrack, que se apresura a vender como se fose obra súa.
Desde o grupo socialista, instamos ao alcalde a que deixe de vivir da herdanza e comece a traballar de verdade, cunha folla de ruta propia e iniciativas que respondan ás necesidades reais da veciñanza. Mentres iso non ocorra, seguiremos lembrando á cidadanía quen traballa e quen simplemente se pendura medallas alleas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario