12 de set. de 2018

A GUARDA

O Concello de A Guarda valora positivamente a calidade e afluencia nos diferentes eventos realizados durante o verán 2018

· Cinema, concertos musicais, deportes, exposicions, festas, gastronomía, presentación de libros,..., configuraron un amplo programa de actividades para tódolos públicos 


Actuación de grupos folclóricos no Auditorio ao aire libre San Bieito
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 «Dende a Concellería de Cultura do Concello de A Guarda, faise unha valoración moi positiva das diferentes actividades e eventos do Verán Guardés 2018».  Dese xeito resume a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez toda á variada programación desenvolvida nos meses de verán no municipio guardés. 

 Entre as actividades e eventos organizados dende o Concello da Guarda, cabe destacar a IV Edición de Noites no Castelo, cunha masiva afluencia de público a Fortaleza de Santa Cruz, gozando dos concertos de música tradicional galega a cargo dos grupos Ardentía e Milladoiro (estes últimos dentro do programa Musigal 2018, da Deputación de Pontevedra).  

Concerto do grupo Liquen, na Praza de Salcidos

 Outro dos eventos musicais salientable deste verán foi o Música nas Prazas, que tiveron como citas o concerto de Liquen na Praza de Salcidos, Bieitosolo na Praza de San Amaro (O Terreiro), de Camposancos, e Pepe Vaamonde na Praza do Reló, congregando de igual xeito a un bo número de asistentes nestes espazos públicos.  

 Tamén o público familiar desfrutou con Sabooor, un espectáculo infantil que se realizou en xullo no Auditorio ao aire libre San Bieito. 

As vistas teatralizadas polo casco histórico de A Guarda voltaron a gustar

 As visitas teatralizadas foron de novo un éxito deste verán guardés, asistindo de media máis de 70 persoas a cada unha das 7 citas realizadas os xoves de xullo e agosto a cargo da compañía de teatro “Os Quinquilláns”, conseguindo facer as delicias do público. 

 Este ano como novidade, ofertouse o Cinema de Verán, tres citas co cinema para as familias na Praza do Reló. Na mesma praza tivemos a sorte de contar coa música de Uxía, dentro do programa Violencia Zero, da Deputación de Pontevedra; e tamén os concertos de Magín Blanco e Najla Shami a través do programa Vive o Camiño, da Xunta de Galicia.  

 Pero non só foron eventos organizados polo Concello os que tiveron un gran éxito de público este verán, as asociacións guardesas, que traballan arreo durante todo o ano, organizaron tamén eventos diversos e para todos os públicos en diferentes espazos do municipio. 

O Festival de Bandas de Música Vila de A Guarda foi un novo éxito

 Na música tradicional destacan o Encontro dos Pobos, o Festival Folclórico Luso Galaico, o Serán da Guía, o Solsticio de Verán, entre outros. O mundo da danza quedou representado cos tres festivais de Baile Moderno e de Danza organizados por Xamaraina, Ballet Studio 88 e Do-Majó, respectivamente.  

O Galifornia Beat IV voltou a contar coa afluenza do público máis heteroxéneo, ainda que maioritariamente xuvenil

 A Guarda contou unha vez máis con eventos musicais e concertos de apoio á música local e rock, como o Mercado da Música, o Rock Guardés, o Son do Tegra e eventos como a II Mostra C. D. Baixo Miño e o Galifornia Beat IV, que tendo como principal actividade as probas de patinaxe, mesturan outras probas deportivas, arte urbana e música nun evento multicultural.   

 Sen esquecernos do Festival de Bandas e as diferentes mostras musicais que organizou a Agrupación Musical da Guarda ao longo deste verán.  

 Este ano ademais se uniron ó verán guardés eventos musicais novos, como a I Festa da Xuventude, o Interlude Fest e o Sons da Guarda.  

 Tamén para os nosos maiores, o Club da Terceira Idade da Guarda organizadou a Festa dos Avós, e todos gozaron e participaron das festas que cada ano diferentes Comisións de Festas organizan na Guarda: as Festas de San Antonio, a Festa Castrexa, as Festas do Carmen, as Festas de San Queitano, as nosas Festas do Monte Santa Trega e tamén dos actos litúrxicos e procesións de San Roque e Virxe da Guía. Ademais neste último tramo de verán, en setembro poderemos desfrutar da Romería de Santa Trega e das Festas das Mercedes, que este ano celebran o seu I Centenario cunha ampla programación de actividades. 

Os eventos gastronómicos fixeron que A Guarda refrendase súa ben merecida fama de ser un pobo onde se come moi ben
Participantes na Travesía a Nado Porto de A Guarda

 En canto á gastronomía durante o verán caben destacar a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, e a Festa do Peixe Espada, respectivamente, que na carpa do Portiño Novo (Porto da Guarda) reuniron a milleiros de persoas, tendo este ano un considerable aumento de comensais e propoñendo ó público eventos musicais e deportivos como Mitic o Espectáculo ou o concerto de BSO da Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda; a Travesía a Nado e o Campionato de Inclusivo de Motonáutica, que encheron o Porto da Guarda. 

 Destacaron tamén a Festa do Percebe e a Festa do Mexilón, reunindo a moitos comensais na Alameda da Guarda. 

Presentación do libro “Hospital Casa Asilo da Guarda. Centenario de una Institución Benéfica nacida en Puerto Rico”, de Joaquín Miguel Villa Álvarez

 E por suposto contamos tamén con actividades culturais relacionadas co mundo literario. Destacan o XXXII Certame de Poesía “Feliciano Rolán” organizado pola Agrupación Cultural Guardesa; a presentación do libro “Hospital Casa Asilo da Guarda. Centenario de una Institución Benéfica nacida en Puerto Rico”, de Joaquín Miguel Villa Álvarez e “El Abrazo del Sauce” de May Ferreira, finalista do Premio Planeta, sen esquecernos do libro “Na Sombra do Trega” coordinado por Francisco Álvarez Álvarez (Koki), coa participación de varios autores, e publicado pola Deputación de Pontevedra, tendo cada ún dos catro eventos unha gran acollida de público .  

 En canto á exposicións, destacamos a exposición “Así Somos”, de Marius Kraja (Mac), organizada polo Concello da Guarda na Casa dos Alonso, cunha gran afluencia de público. Ademais de facer dous obradoiros dentro da propia exposición nos que participaron dúas asociacións da Guarda: Redeiras do Baixo Miño Atalaia e Asociación Cultural de Alfombras da Guarda. Compoñentes desta última asociación e outras persoas que tamén colabouraron, foron as encargadas de decorar as rúas guardesas na festividade do Santísimo no mes de xuño. 

Acto de apertura da exposiciónTrieb”, de Jesús Rodríguez Ortiz

 Ademais foron varias as Exposicións que houbo no Centro Cultural este verán: Cambia de Perspectiva” de Pablo Lubiáns; Faros de Galicia” de Carlos Ramos Fernández; Trieb” de Jesús Rodríguez Ortiz e “Raíces Celtas en la Amazonía Venezolana” de Oscar Noya-Alarcón. 

 Tamén durante este verán o Museo do Mar, acolleu a exposición promovida dende a Deputación de Pontevedra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, unha interesante iniciativa que pretende amosar o traballo da muller no mundo do mar.  

 «A Concellería de Cultura da Guarda colaborou en todos os eventos organizados polo amplo tecido asociativo existente no municipio e quere agradecer de xeito moi especial ós traballadores dos Departamentos de Cultura, Turismo e Prensa así como tamén ó traballo incansable dos operarios de rúa, que sen eles sería imposible coordinar e levar a cabo todos estes eventos. 

 Do mesmo xeito queremos agradecer a toda a vila da Guarda o seu apoio e agarimoso aplauso a tódalas iniciativas que durante este verán se levaron a cabo na nosa vila», concluiu Mª Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario