ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira logra a medalla de prata na final dos 1.500 metros
• No Festival Olímpico da Mocidade Europea (FOJE)
Redacción Deportes / A Guarda
En Skopje, capital de Macedonia do Norte, celébrase o XVIII Festival Olímpico da Mocidade Europea (FOJE). Nese evento multideportivo, participou onte, luns, 21 de xullo, ás 20:05, Álex Sierpes Pereira, atleta do Vicky Foods Athletics, que adestra coa Sociedade Atlética do Trega, participou na final dos 1.500 metros, nunha xornada marcada pola intensa calor e unha elevada humidade.
Álex Sierpes partía coa terceira mellor marca na lista de saída, só por detrás dun atleta francés e dun belga. Desde o inicio da carreira, Álex situouse nos primeiros postos, correndo de forma impecable desde o punto de vista táctico, desprazándose polas rúas exteriores durante toda a proba.
A falta dos últimos 400 metros, o francés realizou un cambio de ritmo decisivo. Álex respondeu inmediatamente, seguíndoo de preto ata encarar a última contrarrecta. Con todo, nos metros finais cedeu lixeiramente, cruzando a meta en segunda posición cun tempo de 3:49.53, logrando así unha valiosa medalla de prata.
A vitoria foi para o francés, cun crono de 3:48.39, mentres que o suízo completou o podio con 3:49.84.
Álex non estivo só nesta importante cita. Ademais de representar á selección española, estivo arroupado pola súa familia e amigos, que viaxaron ata Skopje para acompañalo e apoialo desde as bancadas. A súa presenza foi sen dúbida un impulso emocional clave neste gran resultado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario