Carlos Font confirma que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará o venres 169.000 € para a reurbanización do acceso á igrexa de San Lourenzo de Belesar en Baiona
A Xunta de Goberno aprobará esta achega, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2018, para mellorar os accesos á igrexa e a ordenación da praza Antonio Taboada
Vista parcial de Baiona
Foto: D. PO.
Infogauda / Baiona
O deputado provincial de cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres en Xunta de Goberno o financiamento ao concello de Baiona para as obras de reurbanización e acondicionamento do acceso á igrexa de San Lourenzo de Belesar e da praza Antonio Taboada Tabanera da mesma parroquia. As dúas actuacións teñen un importe total de 168.995,46 euros e forman parte dos fondos da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018.
Máis polo miúdo, trátase de traballos para mellorar os accesos á igrexa de San Lourenzo de Belesar, así como a ordenación da praza Antonio Taboada Tabanera, co obxectivo de potenciar o acceso peonil. Con este fin, vaise substituír a actual escalinata de baixada ao adro por unha costa e a pavimentación dos camiños do núcleo rural tradicional da igrexa, enlazando o adro coa plataforma do palco da música onde se celebran as festas.
A pavimentación farase con laxa de granito de 6 centímetros de espesor para as zonas de tráfico peonil e de 12 centímetros para as zonas de tráfico combinado, así como pavimento de lastra de granito de 8x8 para adaptarse ás zonas máis estreitas do rueiro do núcleo tradicional no acceso á igrexa e asfalto nos viarios de conexión cos existentes. O proxecto contempla tamén a supresión dos elementos que distorsionan as perspectivas visuais do núcleo histórico tradicional co soterramento e desmonte de todas as instalacións aéreas existentes na zona.
O obxectivo destas actuacións é mellorar a conexión peonil entre o adro da igrexa e a praza onde está o palco das verbenas, recuperando así o trazado dun camiño tradicional, e mellorar as infraestruturas e redes de subministración e abastecemento.
Con este novo investimento, o Concello de Baiona xa ten aprobados máis de 417.000 euros, en concreto 417.232,46 euros, co vixente Plan da Deputación de Pontevedra que este ano destina á vila do Val Miñor un total de 1.582.966 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario