28 de xul. de 2017
A GUARDA
O PP da Guarda pide facilidades para os fillos de pais traballadores no acceso á escola infantil municipal
• “Non ten ningún sentido que o Goberno local diga que defende e favorece a conciliación familiar cando despois discrimina o acceso aos nenos con pais traballadores, porque seguramente sexan os que máis precisen dese servizo”.
Infogauda / A Guarda
Trala moción presentada pola voceira do PP da Guarda Conchi Ortega, os populares conseguiron no pleno celebrado onte que o goberno local se comprometera a reformar de forma urxente o regulamento da Escola Municipal Intantil da Guarda. “Un consenso necesario -segundo Conchi Ortega-, tras os problemas que xorden todos os anos cando se convoca a comisión de baremación das solicitudes de entrada á escola infantil, derivados do regulamento actual”.
A voceira popular explica que “este ano houbo problemas coa consideración de pais que están en situación de excedencia laboral, coa definición de familia monoparental, problemas cos ingresos por anos e o máis grave, a discriminación de solicitudes de entrada de nenos con proxenitores que traballan”.
Nesta liña incide en que “non ten ningún sentido que o Goberno local diga que defende e favorece a conciliación familiar cando despois discrimina o acceso aos nenos con pais traballadores, porque seguramente sexan os que máis precisen dese servizo.
Con todo, o PP é consciente e apoia que economicamente teñan condicións diferentes os pais en paro e polo tanto sexá subvencionada a contribución, pero o que non se pode consentir é que se lle negue o acceso aos fillos de traballadores”.
Conchi Ortega di “é un tema tan importante para a vila, para os pais e nenos que por iso só dende o consenso da corporación se poderá cambiar o regulamento con éxito, adaptalo a realidade económica, de traballo, e familiar das familias. Esperamos que trala moción aprobada onte se empeze a traballar en breve por este cambio tan demandado polos pais dos nenos”.
Publicado por
Infogauda
ás
21:51
0
comentarios
((•)) Escucha este post
TOMIÑO
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, CONCELLO DE TOMIÑO E XUNTA DE GALICIA ASINARÁN NOS VINDEIROS DÍAS O CONVENIO
PARA CREAR A NOVA AVENIDA QUE RODEARÁ O SEIXO EN TOMIÑO
· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou que é a primeira vez que Deputación e Xunta de Galicia colaboran para executar unha infraestrutura no concello do Baixo Miño
· A institución provincial achegará 2.351.163,26 eurosdos 3,5 millóns que se investirán na construción da nova estrada
Ese é trazado da nova avenida que rodeará e liberará de tráfico o núcleo urbano do Seixo en Tomiño
Foto: D. P.
Infogauda / Tomiño
Deputación de Pontevedra, Concello de Tomiño e Xunta de Galicia asinarán nos vindeiros días o convenio polo que se construirá a nova avenida que rodeará e liberará de tráfico o núcleo urbano do Seixo en Tomiño. Así o manifestou hoxe o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, logo de que o goberno autonómico dese o visto aoacordo no Consello da Xunta celebrado hoxe.
Benítez mostrou a súa satisfacción polo paso dado polo goberno galego e subliñou que é a primeira vez que a Deputación e a Xunta de Galicia chegan a un entendemento para realizar unha intervención en materia infraestruturas no Concello de Tomiño. “Dende a Deputación valoramos positivamente a colaboración institucional, xa que había un problema viario que afectaba a tres administración e démoslle saída, polo que é de felicitarse pola solución acordada”, indicou.
O deputado nacionalista indicou que a creación da nova estrada, que terá formato de avenida e rodeará o núcleo do Seixo, é un dos proxectos máis ambiciosos do Plan de Actuacións 2017-1018 do departamento de Mobilidade da Deputación. Esta nova vía permitirá mellorar a conexión entre a vía provincial EP-3102 (Tomiño-Sabarís) e a estrada autonómica PO-344,e complementará a futura actuación autonómica da Vía de Alta Capacidade Tui – A Guarda, funcionando como acceso a Tomiño.
Segundo Benítez, a día de hoxe a confluencia das estradas provinciais EP-3102 Tomiño-Sabarís e a estrada autonómica PO-344 no núcleo urbano do Seixo xera un “grave problema de conxestión de tránsito de vehículos”, cunha intensidade media diaria de entre 5.000 e 10.000 coches, polo que o desvío do tráfico suporá “unha mellora substancial da calidade urbana e da seguranza viaria” na vila.
En canto ao orzamento, a execución desta actuacións estímase en 3.545.623,60, que se repartirán en 2.351.163,26 euros investidos pola Deputación provincial (preto do 70%), 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de contratos de servizo e expropiacións, a repartir en diferentes anualidades.
A Deputación de Pontevedra será a encargada de elaborar o documento técnico da estrada, da licitación e execución das obras, así como dos contratos de servizo accesorios para a dirección control e seguimento dos traballos.
“Un antes e un despois”
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño Sandra González Álvarez manifestou tamén a súa satisfacción por ver finalizados os trámites burocráticos para a sinatura do convenio que permitirá a nova estrada.
A rexedora manifestou que a avenida que rodeará o Seixo é un proxecto no que o goberno local leva traballando anos, xa que “é un proxecto fundamental que vai cambiar a vila e suporá un antes e un despois parao urbanismo e o casco urbano do concello de Tomiño”.
A alcaldesa nacionalista destacou que a nova infraestrutura favorecerá o futuro crecemento urbanístico ordenado do casco urbano, a diferencia do que tivo sucedido “ata o de agora”, e tamén as características do vial, definido con criterios de mobilidade sustentable, segura e inclusiva, xa que contará cunha zona específica para o tránsito peonil e cicilista. “Esta nova avenida está pensada para as persoas, cun gran carril bici e espazo para camiñar, o que é moi importante para os veciños e veciñas”.
Publicado por
Infogauda
ás
21:48
0
comentarios
((•)) Escucha este post
CULTURA
Un pozo de luz para a decana dos poetas no seu aniversario
Luz Pozo diríxese ao público que ateigou o salón de actos da RAG.
Autor: Xosé Castro/RAG
"Que sería de Luz Pozo Garza sen non houbese unha Real Academia Galega que a acollese con tanto amor e tanto cariño?". Emocionada, Luz Pozo Garza iniciou así as súas palabras de agradecemento ante o público que ateigou o salón de actos da RAG na homenaxe que lle rendeu hoxe a institución co gallo do seu 95 aniversario. A poeta referiuse tamén á súa decisión de pasar a escribir en galego, lingua na que publicou un libro por primeira vez en 1952. "Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas, porque a través delas interpretamos o mundo, o pensamento. Galicia acolleume con este cariño da Academia e xa son de Rosalía", engadiu tras lembrar os anos da infancia na que o seu pai lle lía versos da escritora fundacional das letras galegas.
A palabra de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) e a música, tan presente tamén na súa vida e na súa obra, brillaron esta tarde na Real Academia Galega. A decana dos poetas galegos en activo, que leva oito décadas creando versos, ingresou en 1950 na RAG como correspondente e é desde 1996 membro de número, como ela mesma lembrou. "Autenticidade, elegancia e beleza" foron as tres palabras escollidas polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para retratala na apertura do acto. Autenticidade, dixo Víctor F. Freixanes, "polo que conta" na súa poesía, capaz de reflectir os sentimentos que explican a condición do ser humano; elegancia, física e mental, porque Luz Pozo Garza é unha muller intelixente coa que se pode contar, que sabe escoitar aos demais e que o futuro se constrúe entre todos; e beleza pola súa capacidade de expresión e comunicación, que a fai quen de "poñer todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo".
Luz Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace entre a xeración do 36 e os poetas da primeira posguerra. Empezou a publicar poemas sendo aínda moi nova, en Las Riberas de Eo, e en 1949 publicou o seu primeiro libro, Ánfora. Tres anos despois, en 1952, saíu do prelo o primeiro escrito en galego, O paxaro na boca, cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento e co que colleitou de novo excelentes críticas. Instalada definitivamente na lingua do país desde mediados dos 70, o seu último libro ata o momento é Rosa tántrica (2016) e segue a traballar nun novo título, Pazo de Tor. Ademais dos dezaseis libros de poemas que leva publicados, cómpre destacar o seu labor como impulsora da poesía creando e dirixindo as revistas Nordés e Clave Orión, a súa importante achega crítica, que inclúe os libros que dedicou a Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, e o seu maxisterio como catedrática de literatura no ensino secundario.
Luz Pozo Garza, no centro da imaxe, posa cos membros da Academia e as persoas que participaron no programa do acto de homenaxe que se lle rendeu polo seu 95 aniversario.
Autor: Xosé Castro / RAG
O serán deste 21 de xullo avanzou co recitado de dez poemas da homenaxeada escolmados por outros tantos poetas de distintas xeracións e as súas explicacións do porqué das escollas e o significado persoal da obra de Luz Pozo Garza. A compañeira e os compañeiros da Academia Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande e Manuel Rivas, quen foi tamén alumno dela nas clases de literatura do instituto Monelos da Coruña; Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, novos poetas cando publicaron en Nordés; Eva Veiga e Olga Patiño, que se visibilizaron como poetas ao tempo que tomou o relevo do facho poético outra xeración, e Yolanda Castaño e Olga Novo, parte desas novas voces que emerxeron a mediados dos anos 90, fiaron así versos de Concerto de outono (1981), Prometo a flor de loto (1992), As arpas de Iwerddon (2004) e Rosa tántrica (2016). Tamén se escoitou un poema inédito elixido polo académico Salvador García-Bodaño, de cuxa lectura se encargou a académica correspondente Olivia Rodríguez, quen conduciu o acto. Todos estes textos e os seus comentarios aparecen recollidos no volume editado pola RAG co gallo do 95 aniversario de Luz Pozo Garza, Un pozo de luz, coordinado por Olivia Rodríguez.
O opúsculo, co que se agasallou o público, inclúe tamén as olladas sobre a obra de Luz Pozo Garza que achegaron o poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, Claudio Rodríguez Fer, e o académico Xesús Alonso Montero; así como os tres poemas da homeaxeada dedicados a Rosalía de Castro que foron interpretados, sobre a partitura creada para eles polo compositor e profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Gabriel Bussi, na voz da soprano Patricia Rodríguez Rico acompañada do Quinteto Cimarrón.
Un momento da actuación de Patricia Rodríguez Rizo e o Quinteto Cimarrón.
Autor: Xosé Castro / RAG
"Unha poeta do amor con maiúsculas"
Xesús Alonso Montero definiu a Luz Pozo Garza como unha "poeta do amor con maiúsculas". "Na súa extensa e dilatada obra poética, Luz constrúe, esencialmente, un peculiar universo amoroso que, dun xeito ou doutro, sempre ten que ver con ela ou sempre abrolla das súas experiencias, ensoñacións ou lembranzas amorosas", salientou o académico. "Decenas e decenas de poemas, desde bastante nova ata hoxe, son incursións luminosas e reveladoras nese universo, ás veces atravesadas por acento místico, nunca retórico nunha muller que en ningún momento perdeu o sentido relixioso da existencia, nun ser humano para quen é natural a dimensión sagrada de certos aconteceres", engadiu. Xesús Alonso Montero deteuse nunha das súas obras, Medea en Corinto (2002), poema polifónico no que profundou no camiño da poesía dramática por encarga dos latinistas Andrés Pociña e Aurora López, e no que galeguizou o mito grego. Nel, Medea soña coas Illas Cíes, o escenario dalgúns dos recordos máis felices dos momentos que a autora compartiu co seu grande amor, o tamén poeta Eduardo Moreiras.
Luz Pozo Garza conversa co presidente da RAG momentos antes do inicio do acto. Autor: Xosé Castro / RAG
Para Claudio Rodríguez Fer, se por algo se caracteriza a poesía de Luz Pozo Garza é pola "luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística". A súa é "unha poética simbolista da totalidade, astralmente expresada no título radiante da súa poesía galega reunida: Memoria solar", resaltou. O crítico realizou un percorrido por distintas obras da autora, desde Ánfora e O paxaro na boca, pasando polas obras dunha "idade de madura plenitude galaica e amorosa en lingua galega e en clave moi vital", representada por Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986); e ata títulos como Prometo a flor de loto (1992), libro elexíaco dedicado a Eduardo Moreiras; As vodas palatinas (2005), "unha poesía leal, real e trascendente do amor vivido, revivido e compartido máis alá da morte"; Sol de medianoche (2014), un diálogo coa súa neta falecida; Ribadeo, Ribadeo (2002), a "expresión lírica" da "chamada da terra e da mar orixinarias"; ou Rosa tántrica (2016), "un sublime diálogo con Borges na procura dunha iluminación mística e dunha transcendencia integradora que cifran a conxugación de vida e poesía características da autora".
Fonte: Real Academia Galega
Publicado por
Infogauda
ás
21:27
0
comentarios
((•)) Escucha este post
ENSINO
A Consellaría aproveita o verán para recortar aulas e postos de traballo no Ensino Público da comarca de Vigo
A
Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público,
antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento
que incide especialmente no ensino infantil,
na atención ás necesidades
educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao
incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres,
O
mércores 26 de xullo, en pleno verán, a Consellaría de Educación volve recortar
unidades e postos de traballo, incidindo un ano máis no que ven sendo unha
práctica habitual do goberno galego.
As cifras
de peche de aulas e de redución de postos de traballo non se ven para nada
compensadas polo escaso incremento de postos de traballo que tamén se inclúen
na orde que actualiza os cadros de persoal dos colexios galego.. Na realidade
estes postos e aulas non van supoñer ningún incremento no total de persoal
docente en activo, xa que se trata de postos que xa estaban operativos e que
agora se oficializa no DOG a súa creación aos efectos de seren ofertados no
próximo concurso de traslados.
A este
recorte anunciado hoxe hai que sumar o recorte de 31 postos de traballo
realizado nos Concellos de Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia do que xa
dimos conta o 18 de xullo.
A estas
cifras engádense ás de anos anteriores resultando que, en seis anos, a Consellaría de Educación leva suprimidas 64
escolas e 437 unidades. Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os
orzamentos destinados ao ensino privado.
Na comarca de Vigo
a Consellaría suprime 12 postos
de traballo, 9 de Educación
Infantil: CEIP Pena de Francia –Mos-,
CEIP Fermín Bouza Brey –Ponteareas-, CEIP Feliciano Barrera-Ponteareas-,
CEIP de Santo Paio de Abaixo –Redondela-, CEIP Chans-Bembrive, CEIP O Sello,
CEIP San Salvador, CEIP Vicente Risco en Vigo.
3 de Educación Primaria, 2 no CEIP A Doblada e 1 CEP Igrexa-Valadares.
(R.)
Publicado por
Infogauda
ás
20:27
0
comentarios
((•)) Escucha este post
PONTEVEDRA
AREEIRO CONFIRMA QUE ESTA CAMPAÑA ESTÁ A SER A MÁIS ADIANTADA DOS ÚLTIMOS ANOS NAS VIÑAS DA PROVINCIA
· Os técnicos sinalan que o inicio da maduración estase a producir un mes antes que no 2016
· Aconséllase aplicar tratamento contra as pragas dos cítricos e tamén contra as eirugas nas plantas de buxo
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra vén de confirmar no seu último aviso fitosanitario que a actual campaña está a ser das máis adiantadas dos últimos anos nas viñas da provincia. Segundo sinalan os técnicos, nesta semana todas as parcelas de seguimento están no pleno pintado das uvas e mesmo con grans brillantes ou empezando a abrandar.
O adianto da maduración, apuntan, é case tan evidente como na campaña de 2011, cando o actual estado fenolóxico se acadara o 2 de agosto e, fronte ao ano pasado, estase a producir case un mes antes, xa que daquela se certificara o día 24. Finalmente, e como apunte, os técnicos indican que estas circunstancias son máis claras na zona de O Condado, xa que posúe unhas condicións extraordinarias para o desenvolvemento da viña.
En canto ás pragas, co pintado xa xeneralizado o fungo do Mildeu non afecta aos acios, co que xa non hai risco de perdas directas sobre eles e non será necesario, en xeral, aplicar tratamentos fronte a esta enfermidade. Por outra parte, como xa se dixo na semana anterior, a partir de agora o problema ao que máis atención hai que prestar é a botrite (ou podredume), porque co incremento dos azucres na uva hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno. De momento os acios están bastante sas, aínda que hai que prestar atención aos posibles danos debidos ás couzas do acio, a fisuras, ou aos danos por paxaros, onde se soe instalarse esta enfermidade, polo o que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo se se mantén unha humidade elevada.
No relativo a outros danos, continúan a aparecer plantas afectadas por patoloxías de madeira neste ano no que a seca favoreceu a expresión dos seus síntomas. Tamén seguen localizados os síntomas debidos a trips nunha parcela de O Salnés onde se fai seguimento específico, e empezan a aparecer novos síntomas de Janetiellaoenephila que carecen de importancia. Tamén este ano se están a recibir numerosas consultas sobre as bugallas características da filoxera.
Cítricos e buxo
Fóra do ámbito da viña, dende a EFA apuntan a que é frecuente ver nestes días abundantes adultos de moscas brancas, así como adultos, ovos e ninfas novas da psila africana (Triozaerytreae) e tamén pulgóns nos cítricos. Por este motivo, sinalan que nos casos nos que as poboacións sexan abundantes é preciso realizar un tratamento para evitar a instalación de fungos de negrilla sobre as sustancias azucradas que segregan estes insectos.
Finalmente, os técnicos aseguran que esta semana volveron ter numerosas consultas -de diversas comarcas da provincia e incluso dende Cantabria e Cataluña- sobre a aparición de defoliacións intensas en moitas plantas de buxo debido á Cydalimaperspectalis. Nestes momentos as eirugas de últimos estados dominan claramente, son moi voraces, e ademais normalmente están envoltas nos casullos, polo que o consello é que os tratamentos deben ser aínda máis precisos, mollando moi ben as plantas en todas as súas caras e repetindo a intervención se é preciso. Os insecticidas a utilizar poden ser de orixe natural (aceite de parafina ou azadiractin) ou sintética (piretroides).
Publicado por
Infogauda
ás
20:19
0
comentarios
((•)) Escucha este post
PESCA
A GUARDA ACOLLEU A CUARTA EDICIÓN DAS XORNADAS DE PESCA SOBRE GRANDES MIGRADORES
As IV Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores, tiveron lugar na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos
Foto: C.A.G.
Infogauda / Camposancos (A Guarda)
No marco da celebración da XIV Festa do Peixe Espada, a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) celebrou durante esta mañá na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, as IV Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores. O lema nesta cuarta edición foi “Responsabilidade: social, económica e pesqueira”, sobre o que xiraron as intervencións dos relatores ás que asistiron máis de 100 profesionais vinculados ó sector da pesca con palangre e representantes das administracións pesqueiras de España e Portugal.
Presidiron a inauguración o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, o Presidente de ORPAGU, Joaquín Cadilla Castro; o director xeral de Recursos Pesqueiros español, José Miguel Corvinos Lafuente; e a representante da Direçâo-Geral de Recursos Naturais, Segurança e Serviços Martítimos (DGRM), Emilia Batista.
Antonio Lomba, encargado de dar a benvida ós presentes, dedicou un recibimento especial aos visitantes lusos, con motivo do recente recoñecemento de OR.PA.GU. como organización de ámbito europeo. Isto tradúcese, segundo explicou o rexedor, na posibilidade da organización de acoller no seu seo buques procedentes doutros países da Unión Europea, o que lle confire un carácter marcadamente internacional. “Dado o estreito vínculo que existe co noso veciño luso, a presencia de Portugal cobra unha especial relevancia nesta ocasión”, afirmou o alcalde, que aproveitou para convidar ós asistentes a visitar ó Monte Santa Trega e, por suposto, o Porto da Guarda, onde se celebra a Festa do Peixe Espada durante esta fin de semana.
José Miguel Corvinos centrou a súa intervención durante a inauguración das Xornadas nos retos que afronta o sector actualmente, especialmente, no referente á problemática da comercialización da aleta de tiburón, dada a falta de armonización lexislativa ó respecto nas distintas rexións do mundo. A pesar da estricta normativa europea na materia, afirmou o director xeral de Recursos Pesqueiros, en España “a flota de palangre de superficie caracterízase polo seu bo facer” o que o convierte, afirmou, “nun referente a nivel mundial”.
A representante da D.G.R.M. lusa, pola súa parte, puxo o acento nas características e particularidades da flota portuguesa, ao tempo que incidiu na necesidade dunha normativa europea transparente e xusta, que permita unha explotación pesqueira en termos de igualdade a nivel internacional e non repercuta negativamente na competitividade do sector europeo.
As ponencias destas Xornada, que se desenvolveron entre as 10:00 e as 14:00 horas deste venres día 28 de xullo, xiraron en torno a sustentabilidade da pesquería, o traballo na pesca, o consumo de produtos pesqueiros e as tendencias do mercado, así como das innovacións e desenvolvemento dos productos pesqueiros e a súa normativa.
Publicado por
Infogauda
ás
19:20
0
comentarios
((•)) Escucha este post
A GUARDA
A CASA DOS ALONSO ACOLLE A MOSTRA “VIAXANDO POLA HISTORIA, CEN ANOS DO MASAT”
Nela queda patente unha síntese do primeiro século de traxectoria museítisca, co Monte Santa Trega como eixo fundamental, e da Sociedad Pro-Monte como pioneira en Galicia, nese tipo de iniciativas a prol da divulgación do noso Patrimonio arqueolóxico
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, salientou o importante investimento que vai receber o Monte Santa Trega para ás labores de consolidación é posta en valor da zoa reexcavada no sector Mergelina
Fotos: C.A.G.
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, conmemorativa do centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, abriu onte as súas portas cun acto de inauguración no que interviron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Monserrat Magallanes Álvarez, o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez Díaz, e o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e comisario da exposición, Rafael Rodríguez Martínez.
O arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e comisario da exposición, Rafael Rodríguez Martínez, abriu os turnos de intervencions
O arqueólogo foi o encargado de explicar os contidos e o sentido da mostra, na que se amosan parte dos fondos cos que conta o MASAT, máis aló dos xa amosados na súa exposición permanente. “Trátase de sacalos á luz e dalos a coñecer ao público en xeral; de que falemos todos, comezando polas pedras”, explicou Rafael Rodríguez, facendo especial fincapé na importancia da labor realizada polos guardeses que, durante anos, axudaron co seu traballo a configurar o primeiro museo arqueolóxico de Galicia. E é que o MASAT serviu de impulso para as investigacións acometidas posteriormente noutros xacementos do noroeste da comunidade, a partir das cales contamos con numerosos testemuños da cultura castrexa na nosa terra.
Na sala que ollamos nesta imaxe, expóñense unha selección de pezas doutros xacementos arqueolóxicos da pronvia de Pontevedra
Na última sala da mostra recóllense varias pezas procedentes doutros xacementos da provincia, con mostras senlleiras de cada un deles, “para que comprendamos que o Trega e o MASAT foron moi importantes, e continúan séndoo, para un período cronolóxico e cultural como é a Idade do Ferro e a cultura castrexa no noroeste”, recalcou Rodríguez.
O deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez Díaz na súa intervención
Neste mesmo sentido se pronunciou Santos Héctor, ao referirse á especial importancia do MASAT, cuxos fondos contan con preto de 40.000 pezas. “Moitos dos que visitan a provincia veñen motivados pola nosa rica historia arqueolóxica e, neste aspecto, o que máis destaca pola súa envergadura é, sen dúbida, o Monte de Santa Trega”, aclarou o deputado provincial.
A escultura antropomorfa coñecida como "O Cabezón do Trega", atopado no barrio Mergelina, tamén está nesta mostra
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacou a necesidade de preservar e potenciar cara ao futuro o legado deixado polos membros da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, creadores do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, hoxe coñecido como MASAT. Este é, segundo o rexedor, “un elemento imprescindible do noso Trega” que neste ano celebra o centenario do seu museo cunha serie de actividades, entre as que Lomba distinguiu esta mostra, coa pretensión de “homenaxear e dar a coñecer unha das nosas institucións máis salientables”.
O rexedor municipal agradeceu dun xeito especial o apoio prestado pola Deputación de Pontevedra para a realización desta exposición, que conta co financiamento da institución provincial a través do Plan Concellos 2017, e para a que cedeu un equipo de profesionais encargado da parte técnica, entre os que se atopa Rafael Rodríguez, comisario da exposición e coordinador do catálogo, que probablemente - segundo anunciou o alcalde - estará a disposición das persoas interesadas, na videira semana.
Antonio Lomba dixo tamén que en breve comezarán os traballos previsto no proxecto de consolidación, restauración e escavación de apoio do xacemento arqueolóxico do "barrio de Mergelina", no Monte Santa Trega.
Como xa informamos oportunamente neste xornal dixital, o importe do contrato é de preto de medio millón de euros (445.746,73 €) e os traballos terán unha duración de nove meses.
O músico guardés Avelino Ferreira López captou toda á atención dos asistentes á inaguración, coa súa brillante actuación o comezo da inauguración e o remate da mesma.
A nota musical da xornada viu da man do guardés Avelino Ferreira López. Acompañado do seu oboe, foi o encargado de dar comezo á inauguración pasadas ás 19:00 horas, coa interpretación da Cantata no. 156, de Bach. O mesmo músico puxo fin ó acto inaugural interpretando a peza do filme “La Misión”, de Ennio Morricone, para dar paso á apertura oficial da exposición ao público.
Alcalde, concelleiros, arqueólogos e público, en xeral, botándolle unha primeira ollada á mostra
A mostra “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT” divídese en tres bloques temáticos, nos que se amosan a historia do museo, os obxectos das campañas arqueolóxicas levadas a cabo ata o 2016 e a función do Trega como “faro” de coñecemento da Idade de Ferro na nosa provincia.
Paneis informativos, bibliografía, fotografías, e pezas arqueolóxicas, configuran á mostra
A exposición permanecerá aberta ó público ata o 27 de agosto, de martes a sábado cun horario de mañá de 12 a 14 horas e, xa pola tarde, de 19 a 22 horas. Os domingos e días festivos a mostra poderá visitarse en horario de mañá.
Publicado por
Infogauda
ás
18:51
0
comentarios
((•)) Escucha este post
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)