A presentación do libro "Postais ilustradas do Concello de A Guarda ata 1940" foi todo un éxito
Infogauda / A Guarda
Na tardiña de onte martes, 17 de xuño, o salón de plenos do Concello de A Guarda, acolleu o acto de presentación do libro "Postais ilustradas do Concello de A Guarda ata 1940".
O evento contou coas intervencións de José Ángel Gándara Rodríguez, coautor da publicación, xunto con José María González Alonso; así como do concelleiro de Cultura, Celso Rodríguez Fariñas; do alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e do deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela López, respectivamente.
A presentación tamén estivo arroupada coa asistencia dunha representación de persoas veciñas da localidade e súa contorna.
Grazas a "Postais ilustradas do Concello de A Guarda ata 1940", calquer persoa que así o desexe, ten ao seu alcance unha suxestiva mostra do moito e fermoso que amosa o pobo de A Guarda, así como nalgúns casos, ás diferentes transformacións experimentadas co paso do tempo.
Espazos públicos, lugares de encontro da veciñanza, patrimonio (arqueolóxico, arquitectónico, relixioso,...), son, entre outros, algúns dos apartados que poderemos apreciar nese fermoso libro. Por certo de coidada edición.
Dese xeito, ameno e sen présas, calquer lector poderá bucear na historia - e mesmo na intrahistoria - de A Guarda, un concello destacado - por moitos motivos - de Galicia.
Como referiu José Ángel Gándara, no libro que vén de presentarse "están publicadas todas as postais coñecidas ata 1940, complementadas con datos dos autores das imaxes, editores, anos de emisión e imprentas".
Trátase dun traballo de recompilación e investigación realizada ao longo de varios anos, que grazas a colaboración altruista de varias persoas coleccionistas, se recolle neste libro que, como oportunamente dixo Celso Rodríguez Fariñas, servirá de "recordo para as xeracións futuras".
O alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, afirmou como "con estas postais podemos ver a inefable beleza do noso pobo a través dos anos".
O deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, non dubidou en felicitar á Guarda por este traballo, que vén e enriquecer a bibliografía do noso pobo.
Finalizada á presentación, todas persoas asistentes recibiron un exemplar do libro e os coautores asinaron adicatorias e autógrafos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario