18 de xuño de 2025

O ROSAL

O Rosal dá un paso adiante para reforzar a agrupación de Protección Civil  

 A alcaldesa reuniuse co Xefe do Servizo de Emerxencias da Xunta en Pontevedra para avanzar na sinatura dun convenio que fortalecerá o voluntariado  

 

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, reuniuse este mércores co Xefe do Servizo de Emerxencias en Pontevedra da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 Emerxencias, eventos, prevención... A agrupación de Protección Civil do Rosal está sempre disposta a achegar o seu gran de area, non só no concello senón tamén na comarca. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, reuniuse este mércores co Xefe do Servizo de Emerxencias en Pontevedra da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois, coa vista posta na sinatura dun convenio de colaboración en materia de protección civil.  

 Un documento clave que permitirá dar respaldo institucional e dotacional do voluntariado que actualmente presta servizo no municipio e tamén en concellos veciños como A Guarda e Oia. “A nosa agrupación de Protección Civil é un exemplo de solidariedade, compromiso e profesionalidade. Queremos que este novo convenio sexa un verdadeiro instrumento para consolidar e potenciar a agrupación no Rosal e na comarca”, destacou a rexedora. 

 Este encontro supón un novo chanzo de colaboración entre ambas administracións co obxectivo de fortalecer a seguridade e o benestar da veciñanza. O seguinte paso será asinar do convenio cos concellos de Oia e A Guarda para formalizar a colaboracións constante que xa se está a levar a cabo.  

 A alcaldesa quixo agradecer o labor desinteresado das persoas que forman parte de Protección Civil no Rosal, “un equipo imprescindible que actúa con entrega total en emerxencias, eventos, operativos de prevención e apoio loxístico en innumerables actuación ao longo de todo o ano”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario