18 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

O BNG non participará no Pleno extraordinario da Deputación  contra a corrupción que rodea a Pedro Sánchez  ao considerar que o PP está a utilizar a institución de maneira perversa  

•  Mosquera afirma que a sesión deste venres, convocada de maneira urxente e extraordinaria, “pretende facer campaña partidista nun foro non axeitado” 


César Mosquera, portavoz do grupo do BNG na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O grupo do BNG na Deputación non acudirá ao Pleno anunciado polo PP para este venres no que se abordará a “defensa do Estado de dereito e a corrupción que rodea a contorna persoal e política do presidente do Goberno Pedro Sánchez” como único punto da orde do día. O Bloque considera que, con esta convocatoria urxente e extraordinaria, o PP está a utilizar a institución provincial de maneira perversa con fins partidistas, polo que anuncia que “non entrará no xogo” e deixará os seus escanos baleiros. “No BNG non participamos en actos do PP”, afirma. 

 O portavoz do grupo nacionalista, César Mosquera, destaca que a celebración deste Pleno –cuxa notificación foi recibida hoxe polas deputadas e deputados- unicamente responde aos intereses partidarios do Partido Popular madrileño e central, xa que non aborda un tema de competencia provincial, senón unha cuestión allea, sen que os grupos provinciais da Corporación pontevedresa poidan achegar ningún tipo de aportación propia ou diferente da estratexia xeral dos seus partidos.  

 Mosquera insiste en que o Pleno provincial debe ter como finalidade tratar asuntos relevantes para os municipios da provincia e cinguirse a cuestións da súa competencia en lugar de debater mocións sobre temas de fóra do ámbito provincial. Este criterio, hai que lembrar, xa foi exposto de maneira insistente polo nacionalista cando tanto PSOE como PP presentaron diferentes mocións para increparse mutuamente de maneira partidaria polarizando o debate centralista. 

 Apunta o responsable do BNG que, para expoñer os argumentarios de cada formación ao respecto da situación política derivada do informe da UCO sobre Santos Cerdán, existen outros foros moito máis axeitados nos que xa se está a dar o debate, polo que insiste en que a única intención do Partido Popular coa convocatoria do venres en Pontevedra é “acender outro ventilador máis e dar máis rebumbio á polémica” para aumentar o descrédito do executivo estatal en beneficio propio. 

 Por outra banda, Mosquera tamén afeou ao PP que convocase o pleno por urxencia e de maneira extraordinaria cando, se quixese, podería abordar o tema perfectamente cunha moción na sesión ordinaria do 27 de xuño, apenas unha semana despois. Subliña que a convocatoria extraordinaria supón facer un uso indebido dos espazos e recursos públicos, xa que a participación no pleno extra suporá o pago da sesión ás deputadas, ademais de gastos xerais de funcionamento.  

 O voceiro insiste en que as e os ‘populares’ queren apropiarse politicamente das institucións nas que gobernan. Destaca que así aconteceu tamén en novembro do ano 2023 cando convocaran na Deputación outro pleno extraordinario na defensa da Constitución Española e contra a amnistía. Entón, o BNG tampouco asistiu. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario