ATLETISMO
Gran actuación do club Sociedade Atlética do Trega no campionato de Galicia Sub14 de pista ao aire libre
• Un ouro e dúas pratas, baixo un sol abrasador en Balaídos
Redacción Deportes / A Guarda
O club Sociedade Atlética do Trega, con sede en Tomiño, asinou unha destacada actuación no Campionato Galego Sub14 de pista ao aire libre, celebrado onte 15 de xuño de 2025, nas pistas de Balaídos (Vigo), nunha xornada marcada pola intensa calor.
Os atletas novos do club lograron un total de tres medallas: un ouro e dúas pratas, deixando claro o gran nivel que segue crecendo na comarca.
O tomiñés Sergio Silva Souto proclamouse campión galego nos 2.000 metros lisos, cunha gran actuación, cruzando a meta nun tempo de 6:26.19, a súa mellor marca persoal (MMP).
Na categoría feminina, a guardesa Alba Vasconcellos Rodríguez logrou a medalla de prata nos 2.000 metros lisos, cun tempo de 7:02.27, mostrando solidez e gran esforzo nunha proba moi esixente, especialmente polas condicións climáticas.
O terceiro metal chegou da man do tamén tomiñés Marco de la Fuente Maculewicz, que conseguiu a prata nos 150 metros lisos cunha actuación destacada, parando o crono en 19.84 segundos, tamén mellor marca persoal para el.
Desde o club destacan non só os resultados, senón o compromiso e a entrega dos seus novos atletas. O Baixo Miño, con Tomiño como un dos seus principais referentes deportivos, segue demostrando que conta cunha canteira sólida e con moito futuro no atletismo galego.
Unha vez máis, a Sociedade Atlética do Trega leva o nome de Tomiño e de todo o Baixo Miño ao máis alto do atletismo autonómico, reflectindo o traballo constante de adestradores, familias e deportistas que apostan por un deporte formativo e de valores.
XII Campionato Galego de Clubs Sub12 e Sub10 en Pista ao aire libre
Seguindo cunha intensa axenda de competicións, o mesmo fin de semana a Sociedade Atlética do Trega participou tamén noutra importante cita autonómica, esta vez xunto ao seu club filial: a Sociedade Atlética do Trega e Atletismo Narón unidos no XII Campionato Galego de Clubs Sub12 e Sub10 en Pista ao aire libre.
O pasado sábado 14 de xuño de 2025, as pistas de Balaídos en Vigo acolleron o XII Campionato Galego de Clubs Sub12 e Sub10 en pista ao aire libre. A Sociedade Atlética do Trega participou xunto ao seu equipo filial, Atletismo Narón, nunha xornada chea de esforzo e aprendizaxe.
Sub12: destacada actuación individual
Alan de la Fuente Maculewicz, de Tomiño. Participou nos 500 metros lisos, logrando unha destacada primeira posición cun tempo de 1:28.93.
Nadia Conejo Bascoy, de A Guarda, competiu nos 60 metros lisos, obtendo a terceira praza cun tempo de 8.97 segundos.
Julia Martínez Ozores, de Tomiño. Presentouse nos 1000 metros lisos, finalizando na sexta posición cun tempo de 3:36.36.
Aínda que o equipo non logrou subir ao podio por equipos, a xornada foi unha valiosa experiencia de aprendizaxe e diversión para todos os participantes.
Gabriela López Cadilla, subcampioa en lanzamento de pelota
Na categoría Sub10, Gabriela López Cadilla, de A Guarda, destacou no lanzamento de pelota, logrando a segunda posición cunha marca persoal de 21.39 metros. Aínda que o equipo non alcanzou o podio por equipos, a súa presenza e apoio foron fundamentais para o espírito do evento.
Agradecementos
Desde a Sociedade Atlética do Trega, agradecen a colaboración e participación de Atletismo Narón, que permitiu aos atletas novos compartir esta experiencia e seguir crecendo no mundo do atletismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario