28 de xul. de 2017

PESCA

A GUARDA ACOLLEU A CUARTA EDICIÓN DAS XORNADAS DE PESCA SOBRE GRANDES MIGRADORES 


As IV Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores, tiveron lugar na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos
Foto: C.A.G.

Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 No marco da celebración da XIV Festa do Peixe Espada, a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) celebrou durante esta mañá na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, as IV Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores. O lema nesta cuarta edición foi “Responsabilidade: social, económica e pesqueira”, sobre o que xiraron as intervencións dos relatores ás que asistiron máis de 100 profesionais vinculados ó sector da pesca con palangre e representantes das administracións pesqueiras de España e Portugal.   

 Presidiron a inauguración o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, o Presidente de ORPAGU, Joaquín Cadilla Castro; o director xeral de Recursos Pesqueiros español, José Miguel Corvinos Lafuente; e a representante da Direçâo-Geral de Recursos Naturais, Segurança e Serviços Martítimos (DGRM), Emilia Batista.  

 Antonio Lomba, encargado de dar a benvida ós presentes, dedicou un recibimento especial aos visitantes lusos, con motivo do recente recoñecemento de OR.PA.GU. como organización de ámbito europeo. Isto tradúcese, segundo explicou o rexedor, na posibilidade da organización de acoller no seu seo buques procedentes doutros países da Unión Europea, o que lle confire un carácter marcadamente internacional. “Dado o estreito vínculo que existe co noso veciño luso, a presencia de Portugal cobra unha especial relevancia nesta ocasión”, afirmou o alcalde, que aproveitou para convidar ós asistentes a visitar ó Monte Santa Trega e, por suposto, o Porto da Guarda, onde se celebra a Festa do Peixe Espada durante esta fin de semana.  

 José Miguel Corvinos centrou a súa intervención durante a inauguración das Xornadas nos retos que afronta o sector actualmente, especialmente, no referente á problemática da comercialización da aleta de tiburón, dada a falta de armonización lexislativa ó respecto nas distintas rexións do mundo. A pesar da estricta normativa europea na materia, afirmou o director xeral de Recursos Pesqueiros, en España “a flota de palangre de superficie caracterízase polo seu bo facer” o que o convierte, afirmou, “nun referente a nivel mundial”.   

 A representante da D.G.R.M. lusa, pola súa parte, puxo o acento nas características e particularidades da flota portuguesa, ao tempo que incidiu na necesidade dunha normativa europea transparente e xusta, que permita unha explotación pesqueira en termos de igualdade a nivel internacional e non repercuta negativamente na competitividade do sector europeo.    

 As ponencias destas Xornada, que se desenvolveron entre as 10:00 e as 14:00 horas deste venres día 28 de xullo, xiraron en torno a sustentabilidade da pesquería, o traballo na pesca, o consumo de produtos pesqueiros e as tendencias do mercado, así como das innovacións e desenvolvemento dos productos pesqueiros e a súa normativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario