Excelente acollida do novo libro do escritor guardés, Ángel Martínez Fernández
• Titulado "Lección aprendida, recluta muerto", foi presentado no salón de plenos da Casa do Concello
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Na tardiña de onte, xoves 18 de xuño, o salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda, acolleu á presentación do libro "Lección aprendida, recluta muerto" do escritor guardés, Ángel Martínez Fernández (A Guarda, 2005).
A obra trata sobre a vida, misterio e intrigas da guerra de Sidi Ifni, cunha mirada especial ás experiencias dos soldados e a necesidade de recordar a súa historia.
O acto, que contou coa participación do alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; do profesor e historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez; e do escritor Ángel Martínez Fernández; estivo arroupado por unha heteroxénea representación da cidadanía guardesa.
O alcalde de A Guarda destacou do autor, que "sempre foi un alumno coas ideas claras do que quería ser e do que quería conseguir". Sobre a obra, resaltou "a madurez extraordinaria que reflexa Ángel no libro".
Joaquín Miguel Villa describiu a obra como unha historia que narra "a dureza e sufrimento desa vida cuartelaria, pero tamén a amizade e compañeirismo".
Pola súa banda, Ángel Martínez, autor do libro "Lección aprendida, recluta muerto" confesou como esta obra naceu da mestura de varias cousas: a súa paixón polo cine, a súa imaxinación, a influencia e conversas co seu avó...
Para rematar o acto, Ángel Martínez, firmou dedicatorias nos exemplares deste novo libro da súa autoría.
"Héroes olvidados"
Con anterioridade, Ángel Martínez Fernández, debutara como escritor, con tan soio 18 anos de idade, coa publicación - o 12 de abril de 2023 -, do libro "Héroes olvidados", unha novela de 360 páxinas, cuxo relato sitúanos en Cuba, no ano 1898. Unha data que marcará a historia de España.
Santiago, un alférez recentemente saído da academia, é enviado á illa por algo que non fixo. Alí, da man do seu capitán, aprenderá que as cousas non son tan bonitas como parecen. Terá que enfrontarse ao home que o enviou a cumprir condena, e así mesmo, á muller que anos atrás amou con tolemia. Todo iso no medio dunha guerra pola independencia insular, e cos americanos esperando unha oportunidade para abalanzarse sobre o Caribe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario