28 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

AREEIRO CONFIRMA QUE ESTA CAMPAÑA ESTÁ A SER A MÁIS ADIANTADA DOS ÚLTIMOS ANOS NAS VIÑAS DA PROVINCIA 

· Os técnicos sinalan que o inicio da maduración estase a producir un mes antes que no 2016 

· Aconséllase aplicar tratamento contra as pragas dos cítricos e tamén contra as eirugas nas plantas de buxo 



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra vén de confirmar no seu último aviso fitosanitario que a actual campaña está a ser das máis adiantadas dos últimos anos nas viñas da provincia. Segundo sinalan os técnicos, nesta semana todas as parcelas de seguimento están no pleno pintado das uvas e mesmo con grans brillantes ou empezando a abrandar.   

 O adianto da maduración, apuntan, é case tan evidente como na campaña de 2011, cando o actual estado fenolóxico se acadara o 2 de agosto e, fronte ao ano pasado, estase a producir case un mes antes, xa que daquela se certificara o día 24. Finalmente, e como apunte, os técnicos indican que estas circunstancias son máis claras na zona de O Condado, xa que posúe unhas condicións extraordinarias para o desenvolvemento da viña.  

 En canto ás pragas, co pintado xa xeneralizado o fungo do Mildeu non afecta aos acios, co que xa non hai risco de perdas directas sobre eles e non será necesario, en xeral, aplicar tratamentos fronte a esta enfermidade. Por outra parte, como xa se dixo na semana anterior, a partir de agora o problema ao que máis atención hai que prestar é a botrite (ou podredume), porque co incremento dos azucres na uva hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno. De momento os acios están bastante sas, aínda que hai que prestar atención aos posibles danos debidos ás couzas do acio, a fisuras, ou aos danos por paxaros, onde se soe instalarse esta enfermidade, polo o que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo se se mantén unha humidade elevada.   

 No relativo a outros danos, continúan a aparecer plantas afectadas por patoloxías de madeira neste ano no que a seca favoreceu a expresión dos seus síntomas. Tamén seguen localizados os síntomas debidos a trips nunha parcela de O Salnés onde se fai seguimento específico, e empezan a aparecer novos síntomas de Janetiellaoenephila que carecen de importancia. Tamén este ano se están a recibir numerosas consultas sobre as bugallas características da filoxera.  

 Cítricos e buxo 

 Fóra do ámbito da viña, dende a EFA apuntan a que é frecuente ver nestes días abundantes adultos de moscas brancas, así como adultos, ovos e ninfas novas da psila africana (Triozaerytreae) e tamén pulgóns nos cítricos. Por este motivo, sinalan que nos casos nos que as poboacións sexan abundantes é preciso realizar un tratamento para evitar a instalación de fungos de negrilla sobre as sustancias azucradas que segregan estes insectos.  

 Finalmente, os técnicos aseguran que esta semana volveron ter numerosas consultas -de diversas comarcas da provincia e incluso dende Cantabria e Cataluña- sobre a aparición de defoliacións intensas en moitas plantas de buxo debido á Cydalimaperspectalis. Nestes momentos as eirugas de últimos estados dominan claramente, son moi voraces, e ademais normalmente están envoltas nos casullos, polo que o consello é que os tratamentos deben ser aínda máis precisos, mollando moi ben as plantas en todas as súas caras e repetindo a intervención se é preciso. Os insecticidas a utilizar poden ser de orixe natural (aceite de parafina ou azadiractin) ou sintética (piretroides).  

Ningún comentario:

Publicar un comentario