10 de feb. de 2017

O ROSAL

CORES TOURÍS COMPROBOU CO ALCALDE DO ROSAL OS DANOS CAUSADOS POLO TEMPORAL DO PASADO FIN DE SEMANA 

· O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, demandou que a Deputación de Pontevedra volva a poñer en marcha as axudas para invernadoiros e explotacións agrarias afectadas  

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, os danos causados polo pasado temporal neste concello


Infogauda / O Rosal

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, os danos causados polo pasado temporal neste concello. 

 A Xunta cifra en 5 millóns de euros os danos causados polo temporal nas instalacións e infraestruturas da súa competencia, como centros escolares, estradas de titularidade autonómica, escolas infantís, e os danos sufridos en varios portos galegos. “De feito, só na provincia de Pontevedra, a Consellería de Educación ten que asumir obras de emerxencia por case 600.000 euros”.  
 O delegado territorial recordou que os concellos máis afectados están a avaliar os danos e, en concreto, facer un informe sobre os danos producidos polo temporal, que posteriormente será remitido á Xunta. “Unha vez feito o balance o Goberno está estudando que medidas é preciso adoptar para reparar os danos. Para iso é importante a implicación e a colaboración de todas as administracións: Deputacións, Xunta e Estado”.  

 “E neste senso, seguimos a demandar a colaboración da Deputación de Pontevedra, xa que estamos a falar da institución que ten como función principal apoiar aos veciños dos pequenos concellos”, explicou Cores Tourís. 

 “É importante recordar que a Deputación de Pontevedra contaba, no anterior Goberno provincial, cunha liña de axudas para emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros para situacións como a vivida o pasado fin de semana”, engadiu o delegado territorial, quen volveu a pedir publicamente á presidenta da Deputación que recupere esta iniciativa “de xeito que, entre todos, poidamos darlle unha solución a estes veciños”.   

 Como exemplo, segundo apuntou Cores Tourís, en 2014 a Deputación provincial destinou 300.000 euros para paliar os danos sufridos no agro por situación de emerxencia en Pontevedra a través de esta liña de subvencións, ofrecendo unha axuda do 50% aos cultivos baixo abrigo ata un tope de 3.000 euros por explotación. 

 O delegado territorial recordou que a Deputación de Carmela Silva “xa tivo que rectificar no pasado ante a presión de diversos colectivos e recuperar liñas de axudas como as das cooperativas agrarias ou as confrarías de pescadores as axudas para as sementes ás mariscadoras”

 José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, canalizou unha liña de axudas que permitiu colaborar con 28 concellos afectados polos temporais de 2016 que recibiron 1,6 millóns de euros  para a reparación e mellora das súas infraestruturas e equipamentos públicos.  

 “Naquel entonces a Xunta arranxou as estradas autonómicas e, á vez, firmou un acordo na FEGAMP a tres bandas, na que participou a Deputación, co obxectivo de poder atallar os graves danos causados sobre infraestruturas municipais e aos que non podían facer fronte os pequenos concellos. A Deputación decidiu non asumir a súa parte e tivo que ser a administración autonómica a que asumiu a colaboración cos concellos en solitario”, rematou o delegado territorial quen volveu a insistir no feito de que “a señora Silva debe recordar que a institución que preside está para colaborar e axudar aos veciños dos pequenos municipios da provincia. Non debería esquecelo”. 

O ROSAL

CORES TOURÍS COMPROBOU AS OBRAS REALIZADAS POR EDUCACIÓN NO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER DO ROSAL

· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra destacou que os traballos permitiron reformar a cuberta da pista polideportiva cun investimento que roldou os 120.000 euros

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá, en compaña do alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, as obras executadas pola Consellería de Educación no CPI Manuel Suárez Marquier

Infogauda / O Rosal

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá, en compaña do alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, as obras executadas pola Consellería de Educación no CPI Manuel Suárez Marquier e que permitiron mellorar a cuberta da pista polideportiva deste centro.

 O delegado territorial estivo acompañado na visita a este colexio polo xefe territorial de Educación, César Augusto Pérez Ares, así como polo equipo directivo e os responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial.

 A superficie sobre a que se executou a cuberta foi de 856 metros cadrados, colocando unha cuberta central a dúas augas con cumbrera en orientación norte-sur, e cun corpo a unha sola auga que cubre as gradas e se atopa nunha cota máis baixa que a anterior.

 Educación decidiu levar a cabo a mellora desta cuberta e do peche das fachadas debido ao mal estado de conservación da anterior, na que faltaban pezas de cubrición o que ocasionaba humidades. Tamén se atopaban deterioradas as pezas traslúcidas o que impedía que entrara a luz natural cara ao pavillón.

 Con esta obra tamén se paliou as deformación existentes nos pórticos principais da estrutura soporte que está composta por perfiles de aceiro laminado. “Conseguimos gañar en eficiencia enerxética, en calidade das instalacións e tamén conseguimos aportar un aspecto estético máis agradable a este polideportivo”, explicou Cores Tourís quen matizou que a obra contou cun orzamento de preto de 120.000 euros.

 Pola súa banda, o alcalde do Rosal, agradeceu a colaboración da Xunta na reforma da cuberta desta zona polideportiva, “xa que permite que o alumnado poida desenvolver a súa actividade deportiva con maior seguridade e calidade. Seguiremos a colaborar coa administración autonómica para que os nosos centros sigan a mellorar e a modernizarse”.

 Nos últimos anos, a Consellería de Educación investiu case 655.000 euros nas melloras do CPI Manuel Suárez Marquier e do CRA María Zambrano desta localidade, con melloras como a renovación da carpintería, estudos xeotécnicos, reparación e reforma das instalacións de calefacción e eléctricas e levantamento topográfico.

EMPREGO

Nove concellos recibirán máis de 1,2 millóns de euros para xerar 155 empregos 

Campo Lameiro, Fornelos de Montes, Meis, Mondariz, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Silleda, Tui e Vilanova de Arousa son os beneficiarios desta achega ao abeiro do Plan Concellos 2017  

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a concesión de 1.229.083,59 €, no marco da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017, destinados aos concellos de Campo Lameiro, Fornelos de Montes, Meis, Mondariz, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Silleda, Tui e Vilanova de Arousa. Con esta achega, e coas aprobadas as semanas pasadas, a institución provincial leva xa investidos 3.821.269,23 € que están a permitir que 29 concellos da provincia poidan contratar a 502 persoas para manter e garantir os servizos municipais.  

 Carmela Silva manifestou a necesidade de que "as administracións sigamos impulsando medidas para loitar contra o desemprego" e engadiu que "sen esta liña os concellos da nosa provincia dificilmente poderían prestar servizos básicos xa que somos a única administración que pon á súa disposición recursos que permiten contratar a persoal e garantir así que poidan seguir prestando estes servizos, cubrindo ocos que está a provocar a lexislación aprobada polo goberno de Rajoy".  

 Neste contexto, a Xunta de Goberno da Deputación aproba esta semana, ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos, que nove concellos poidan contratar persoal. Máis polo miúdo, Campo Lameiro recibirá 81.837,87 € para a contratación de 11 persoas, Fornelos de Montes 77.250,03 € dirixidos a 15 traballadoras e traballadores, Meis 106.950,25 € para 10 persoas, Mondariz recibirá 113.116,61 € para a contratación de 17 traballadoras e traballadores, Ponte Caldelas 117.884,50 € dirixidos a 11 persoas, Sanxenxo 250.751,28 € para 43 traballadoras e traballadores, Silleda recibirá 100.480,50 € para a contratación de 7 persoas, Tui 225.165,30 € dirixidos a 23 traballadoras e traballadores e Vilanova de Arousa 155.647,25 € para 18 persoas.

XUVENTUDE

A Deputación de Pontevedra impulsa unha nova estratexia para a xuventude da provincia 

Trátase da primeira vez que a institución provincial ten en conta á mocidade e elabora políticas específicas para atender as súas necesidades e demandas  

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada delegada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas
Foto: D. P.

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada delegada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, deron a coñecer esta mañá o traballo que se está a desenvolver na institución provincial para impulsar unha nova estratexia para a xuventude da provincia. Silva engadiu que "ata que nós comezamos a gobernar na Deputación a xuventude era invisible, non se tiña en conta nin as súas necesidades nin as súas demandas, e hoxe é protagonista da acción política".  

 No marco da nova forma de actuación política do goberno provincial, en palabras de Silva, "de abrir as portas e as fiestras do Pazo Provincial á cidadanía, cada vez que poñemos en marcha un proxecto convocamos á cidadanía para que se converta nun proxecto conxunto que naza das achegas da sociedade". Neste contexto, o edificio administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu un encontro coas oficinas de información xuvenil, OMIX, dos concellos da provincia co fin de recompilar e diagnosticar as principais necesidades que teñen as mozas e mozos de Pontevedra e que se centran na demanda de mellores equipamentos e instalacións, así como de espazos específicos para a xuventude; no impulso de actividades para promover a súa autonomía e participación; na educación en valores, actividades de formación, acceso ao mercado laboral e alfabetización dixital; nas melloras no transporte público para frear a dispersión da poboación e no aumento ata os 35 anos a idade do colectivo en todos os programas.  

 A nova estratexia para a xuventude da provincia de Pontevedra incluirá tanto as actividades que de xeito transversal están a desenvolver os distintos servizos da Deputación de Pontevedra con impacto na mocidade como propostas concretas organizadas desde o novo servizo de xuventude. En concreto, a Presidenta da Deputación adiantou que "imos poñer este ano en marcha os primeiros Premios Provinciais de Xuventude, dirixidos a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, que estarán dotados con 21.000 € en sete categorías co obxectivo de promover o talento e o potencial da xuventude da provincia de Pontevedra".  

 Os I Premios Provinciais de Xuventude premiarán á mellor iniciativa social dunha asociación ou empresa con participación xuvenil con dous premios que consisten en 2.000 e 1.000 €. Tamén se premiará, con dous galardóns de 2.000  e 1000 €, iniciativas empresariais xestionadas e levadas a cabo coa xuventude. Outra das categorías dos I Premios Provinciais de Xuventude centrarase nos blogs que promovan a igualdade, a educación en valores, formación, asesoramento, voluntariado, cuestións culturais, deportivas,… Nesta categoría entregaranse tres premios que consistirán en 1.500, 1.000 e 500 €. Amais, tamén recibirán dous galardóns, de 2.000 e 1.000 €, os centros de educación secundaria que presenten iniciativas innovadoras relativas ao fomento da tolerancia, do respecto ou da non violencia. 

 Por outra banda premiaranse os mellores traballos musicais inéditos de calquera estilo musical en CD con tres premios de 1.500, 1.000 e 500 €, ó igual que acontecerá na categoría de traballo literario breve no que se entregarán tres premios ós mellores textos orixinais e inéditos.  Xa para rematar, premiaranse as mellores fotografías orixinais e inéditas sobre temática libre tamén con tres galardóns. 

 Ademais dos Premios Provinciais de Xuventude, a Presidenta da Deputación de Pontevedra falou doutra das actuacións que está a promover o servizo de xuventude da institución provincial como é o programa "Depo Aventura A Lanzada". Neste contexto, Carmela Silva asegurou que "amais das 300 prazas gratuítas que impulsamos o pasado ano para familias sen recursos e que reeditaremos este ano, como novidade e partindo de que somos conscientes da necesidade de que a mocidade sexa capaz de comunicarse perfectamente en inglés, este verán imos impulsar actividades de inmersión lingüística neste idioma nos campamentos da Lanzada".  

 Amais, a Presidenta da Deputación subliñou que dende o servizo de xuventude da institución provincial impulsaranse outras actividades e programas centrados no fomento da autonomía e emancipación xuvenil; no impulso da calidade de vida da xuventude no medio rural; na proxección dunha imaxe social positiva da xuventude; no fomento da educación en valores, actitudes e pautas de comportamento solidarias; na promoción dos hábitos saudables e prevención da violencia así como na colaboración institucional para optimizar recursos e actuacións dirixidas á xuventude.

O ROSAL

PRESENTACIÓN DE ADIAF (ASOCIACIÓN DE DESENVOLVEMENTO INFANTIL E ATENCIÓN FAMILIAR)

Será o día 3 de marzo, ás 19:00 h., no Centro Social Polivalente do Concello do Rosal 


Elisabet Estévez / O Rosal

 O día 3 de Marzo ás 19h no Centro Social Polivalente do Concello do Rosal presentamos oficialmente ADIAF (Asociación de Desenvolvemento Infantil e Atención Familiar). 

 ADIAF  nace co propósito de dar unha resposta de calidade ás necesidades das familias da zona do Baixo Miño con nenos/as con dificultades ou en risco de padecelas. Creamos un servizo de proximidade e de calidade partindo do enfoque centrado na familia e en entornos naturais de desenvolvemento que combina innovación e experiencia. 

 En moitos casos, unha mala nterpretación ou descoñecemento do enfoque  pode facer que se confunda con "intervención a domicilio" pero é moito máis, trátase dunha reconceptualización do papel do profesional, da familia, da escola e do contexto onde se desenvolven as rutinas dos nenos/as. Ademáis é un método sistemático, cheo de ferramentas de traballo que nos permiten valorar, intervir e avaliar incidindo na calidade de vida familiar incrementando a motivación das persoas implicadas. 

 En EEUU e diversos paises de Europa é un modelo recoñecido e consolidado. En España, Castela A Mancha, Valencia, Murcia xa están inmersos no cambio de paradigma. 

 En Galicia é unha experiencia pioneira! 

 Se queres coñecernos e saber máis, estás convidado o día 3 de Marzo ás 19:00h no Centro Social Polivalente do Concello do Rosal, ao que aproveitamos para agradecer a súa colaboración. 

 Ademáis tamén haberá uns "pinchos" para todos os asistentes onde poderemos intercambiar impresións e resolver tódalas dúbidas que poidan xurdir. 

 ESPERÁMOSVOS A TODOS E TODAS!

A GUARDA

O colexio PP. Somascos acolle o martes unha charla sobre prevención do consumo de drogas 

Organizada pola Concellería de Xuventude da Guarda   

Infogauda / A Guarda

 Dende a concellería de Xuventude do Concello da Guarda estanse a levar a cabo varias actividades nestes primeiros meses do ano para promover a prevención do consumo de drogas. En concreto, estase a poñer un gran esforzo en educar e ampliar os coñecementos das familias sobre o tema e, en especial, na prevención da drogodependencia en relación co uso das redes sociais polos mozos e mozas como o seu canle de comunicación habitual.  

 A acción educativa está formada por dúas partes: por unha banda está o traballo que realiza a asociación Érguete cos rapaces e rapazas de 1º da ESO dos centros educativos do municipio; e por outra banda o traballo coas familias, que consiste nunhas xornadas didácticas nos centros conducidas por Esteban Figueirido, psicólogo e terapeuta familiar.  

 A través de tres charlas, unha por cada centro educativo de secundaria do municipio, estanse a mostrar ferramentas e habilidades que axuden ás familias a tratar estes temas cos fillos/as.  A primeira charla tivo lugar o pasado martes 31 de xaneiro no Colexio San José da Guarda. O martes 14 de febreiro celebrarase a segunda no Colexio PP. Somascos ás 19:30 horas. E a última terá lugar o 28 de marzo no I.E.S. A Sagriña.  

 Dende o concello da Guarda convídase a participar a todos os pais, nais, educadores e a toda a comunidade educativa dos centros participantes, para deste xeito poder acadar coñecementos cos que previr e enfrontarse a un problema tan importante como é o consumo das drogas, sobre todo na poboación máis nova.

A GUARDA

O concello da Guarda apoia a campaña a prol dos refuxiados #EuAcollo   


Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 9 de febreiro pola mañá, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, recibiu a representantes da ONG Amnistía Internacional, que acudiron ao concello para presentar ante o rexidor a súa campaña #EuAcollo.  

 Trátase dunha iniciativa motivada pola excepcional situación de millóns de refuxiados en todo o mundo. Por primeira vez dende a Segunda Guerra Mundial o número de persoas desprazadas dos seus fogares como consecuencia dos conflitos, a persecución, e as violacións de dereitos humanos nos seus países de orixe superou os 65 millóns. Por isto, e ante a escasa resposta da comunidade internacional e os gobernos europeos, que non están dando unha resposta adecuada á situación, Amnistía Internacional lanza esta campaña para impulsar e promover a acollida de refuxiados. 

 Na reunión mantida co alcalde da Guarda, dende Amnistía Internacional pedíronlle a presentación da moción sobre o refuxio no próximo pleno da vila. O alcalde adquiriu o compromiso de levar a moción á próxima comisión de asuntos plenarios. Os concellos que se unen a este manifesto instan ao Goberno de España a axilizar o proceso de traslado de persoas refuxiadas a España mediante a súa recolocación e reasentamento e a cumprir no prazo previsto os compromisos acordados coa UE de acoller a 17.337 persoas, das que de momento só acolleu a 979.   

 Xunto coa acción para acadar a participación dos concellos, a campaña #EuAcollo tamén busca a unión dos e das cidadáns. Por iso todo o que o desexe pode adherirse premendo eiquí a un manifesto semellante de xeito individual para pedirlle ao goberno que cumpra coas súas obrigas internacionais e proporcione aos refuxiados unhas condicións de acollida dignas.

BAIXO MIÑO

O BNG REXEITA O FUTURO PECHE DA ESTACIÓN DE TREN DE GUILLAREI 

E REALIZA UNHA CAMPAÑA EN DEFENSA DO SERVIZO DE INFORMACIÓN E VENDA PRESENCIAL   


BNG / Baixo Miño

 ADIF e RENFE veñen de anunciar a eliminación do servizo de información e atención ao público e a venda presencial de billetes nas estacións de O Barco de Valdeorras, A Rúa, O Carballiño, Ribadavia, Sarria e Guillarei, unha decisión que vai causar graves prexuízos ás persoas usuarias do ferrocarril de Galiza.  

 Esta medida ten como resultado que se deixe de dar servizo as máis de 56.000 persoas que o ano pasado mercaron un billete nestas estacións e afectaría tamén a 160.00 viaxeiros e viaxeiras que as utilizan como orixe ou destino, ás que se lles substrae a posibilidade de se dirixir ao persoal de atención ao público do ferrocarril galego.  

 Na comarca do Baixo Miño, a estación de tren de Guillarei deixará de prestar o servizo de venda presencial de billetes nas vindeiras semanas. Así llelo comunicou Adif ao comité de empresa dentro do proceso de cambio do canle de venda de billetes de Adif a Renfe.    

 Este recurte no servizo de persoal de circulación non ten xustificación algunha posto que, no caso da estación de Guillarei, hai máis de 20.000 viaxeiros por ano,e ,teñen unha recadación de 10.101€ mensuais e o 80% da venda de billetes faise alí, presencialmente, na propia taquilla.   

 Hai que destacar a laboura de información que fai o persoal xa que en Guillarei, o persoal laboral actual é persoal de Adif,non de RENFE, popularmente coñecido como "perosal de circulación" que se encargaba de dar saída aos trens (servizo que xa se lles foi eliminado das súas competencias), dar infomación completa (horarios de diferentes destinos, avarías, tipos de descontos, etc),e máis a venda presencial en taquilla.    

 Asistimos á calculada demora para dotar a Galiza dun tren de alta de velocidade diante da complicidade do goberno do PP na Xunta e dos seus deputados e deputadas no Congreso. Nesta liña de recortes e redución de servizos non nos debería sorprender que o próximo fose o peche destas estacións, coa conseguinte perda de postos de traballo e desatención as persoas usuarias. Un ataque as prestacións e servizos que gozan os galegos e galegas, pretendendo o desmantelamento destas estacións que son puntos de referencia para importantes comarcas do pais, principalmente de zonas rurais e do interior.  

 Trátanse  de menosprezo contra os galegos e galegas, que revelan a mentira do discurso oficial de potenciación do tren e de compromiso coa vertebración e desenvolvemento do país e especialmente das zonas rurais.   

 Así pois o BNG na nosa comarca vai iniciar unha campaña de defensa do mantemento do servizo de atención ao público e venda presencial de billetes nas estacións afectadas, entre as que está a estación de Guillarei realizando unha recollida pública de sinaturas en tódolos nosos concellos, tamén levando  aos plenos municipais a través de mocións esta problemática e presentaremos unha proposta no Parlamento Galego, ao cal, pregamos a colaboración de todas a veciñas e veciños do Baixo Miño a que participen con nós para evitar un futuro peche da estación de ferrocarril de Guillarei.

LABORAL

A maioría sindical de Pescanova decide deixar fóra da unidade a CCOO pola súa actitude desleal 

A CIG, CUT, UGT e USO denuncian que a proposta de convenio achegada pola central española coincide coa da empresa

Os catro sindicatos que ostentan a maioría da representación dentro do grupo de empresas de Nueva Pescanova compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para explicar os motivos que os levaron a expulsar da unidade sindical a CCOO
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 As centrais maioritarias do grupo Nueva Pescanova ofreceron hoxe unha rolda de prensa para anunciar que deixan a CCOO fóra da unidade sindical pola súa actitude desleal co resto organizacións e cos propios traballadores/as. Dende a CIG, CUT, UGT e USO denuncian que a proposta de convenio colectivo feita pública sindicato español coincide coa achegada pola dirección da empresa de alimentación na última xuntanza coa parte social.

 Os catro sindicatos que ostentan a maioría da representación dentro do grupo de empresas de Nueva Pescanova compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para explicar os motivos que os levaron a expulsar da unidade sindical a CCOO.

 En concreto, sinalaron que durante nove meses de negociación esta central nunca quixo participar da unidade sindical, “situación que cambiou tras a masiva asemblea celebrada en Redondela por medo a quedar aillados/as”.

 Foi a partir desa xuntanza cando CCOO solicita entrar na unidade, mais ao día seguinte de que o resto de centrais aceptase a súa presenza “aparece publicado na prensa unha proposta de convenio que non consultan con ninguén -demostrando unha actitude desleal- e que coincide coa presentada posteriormente pola empresa na última xuntanza que mantivemos coa dirección, celebrada o pasado día 6”.

 Segundo denuncian, esta proposta inclúe dous dos aspectos que os sindicatos non están dispostos a asumir: a creación dunha nova categoría de entrada na empresa cun salario inferior e o aumento da flexibilidade laboral. “Sabemos que todo isto é unha estratexia de Pescanova e de CCOO para romper a unidade sindical e lograr deste modo impoñer un convenio á baixa para precarizar as condicións laborais, rebaixar salarios e aumentar a xornada”, indican.

 Menos salario e máis xornada  
 Iso foi precisamente o que lles trasladou a empresa na última xuntanza celebrada o pasado día 6: un convenio a catro anos que contempla unha redución salarial do 30-40% para os empregados/as contratados/as despois de que a banca tomase o control da empresa no ano 2015, o aumento de xornada, o incremento da flexibilidade e a creación dunha categoría laboral de nova entrada. “O argumento que esgrimen é que estas medidas son necesarias para competir co resto de empresas do sector”, sosteñen.  

 Despois desta reunión as partes quedaron emprazadas para manter un novo encontro os días 13, 14 e 15 de febreiro (segundo os distintos centros de traballo). Para entón está previsto que a empresa poña outra proposta enriba da mesa, aínda que dende as centrais non agardan demasiados cambios con respecto á actual. A continuación convocarán unha nova asemblea cos traballadores/as (barallan como posíbel data o 4 de marzo) para analizar a contraoferta da compañía e as posíbeis mobilizacións a desenvolver “para garantir que se manteñan todos os dereitos laborais e para impedir que os novos/as empregados/as entren en peores condicións”.  

 Ao mesmo tempo, reiteraron que os traballadores/as manteñen a súa decisión de non facer nin unha soa hora extra como medida de presión e lembraron que xa presentaron denuncia diante da Inspección de Traballo pola mala fe negociadora da empresa. Precisamente co obxectivo de abordar esta denuncia nos vindeiros días manterán unha xuntanza co xefe territorial da autoridade laboral. 

LABORAL

Persoal pontevedrés de Inditex reclama as mesmas condicións laborais que o da provincia da Coruña 

Traballadoras/es do grupo téxtil mobilizáronse hoxe en Vigo en demanda dun “acordo global”

Empregadas/os das tendas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizáronse esta tarde en Vigo para que se lles apliquen as mesmas condicións laborais que veñen de ser pactadas na da Coruña
Foto: CIG


Infogauda / Vigo 

 Empregadas/os das tendas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizáronse esta tarde en Vigo para que se lles apliquen as mesmas condicións laborais que veñen de ser pactadas na da Coruña. As centrais convocantes -CIG, CCOO e UGT- reclaman un acordo global en todas as tendas do grupo téxtil en cada unha das catro provincias galegas para rematar coas diferenzas actuais.

 Dende os sindicatos promotores da protesta explican que o seu obxectivo é lograr equiparar as condicións laborais dos traballadores/as de todos os establecementos do grupo Inditex nas catro provincias, xa que até o de agora a dirección non está disposta a negociar un convenio de empresa. “O que fai é pactar acordos en cada centro de traballo, e nós o que queremos é que todas/os as empregadas/os teñan os mesmos dereitos”, explica secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández.  

 A representante sindical lembra que no caso da provincia da Coruña conseguiuse un novo plus salarial e introducíronse melloras en cuestións como vacacións, licenzas, excedencias ou conciliación. “Cremos que é inxusto que no resto de tendas da provincia de Pontevedra non teñan estas mesmas condicións; é certo que teñen outras melloras, pero foron pactadas no convenio provincial e non con Inditex”, matiza.  

 Diante disto, as traballadoras/es decidiron convocar unha serie de mobilizacións para reclamar a equiparación que comezaron hoxe en Vigo con concentracións ás portas dos distintos establecementos do grupo Inditex situados na rúa do Príncipe. Ao remate da protesta, a secretaria comarcal da CIG-Servizos anunciou que a representación do persoal xa recibiu a chamada da empresa para abordar o tema.

VIANA DO CASTELO

Notícias da Autarquia

Reabilitação e ampliação da sede da SIRSA


 A Câmara Municipal, a Junta de Freguesia e a SIRSA – Sociedade de Instrução e Recreio Social Areosense assinaram o protocolo de colaboração que vai permitir a requalificação e ampliação da sede social daquela instituição. Esta empreitada integra a aposta do Município na reabilitação de equipamentos dedicados à cultura e atividades recreativas do concelho. 

Veleiros do nosso porto no MAD


 O Museu de Artes Decorativas de Viana do Castelo recebe, até 26 de fevereiro, a exposição “Veleiros do nosso porto”, que integra as 53 miniaturas de veleiros oferecidas por João Gonçalves Pinto “Calafate” e ainda alguns documentos relativos a esta personalidade de Viana do Castelo, doados por Cecília Martins à autarquia. 

Projeto da Escola Frei Bartolomeu dos Mártires apresentado à comunidade escolar 


 A Câmara Municipal de Viana do Castelo apresentou o projeto de Requalificação da Escola Frei Bartolomeu dos Mártires à comunidade escolar. A intervenção prevê, entre outros, um novo arruamento para salvaguarda da segurança dos alunos, estacionamento na envolvente, dois novos pavilhões, a requalificação de outros dois e a ampliação do pavilhão desportivo. 

Valorização dos Caminhos de Santiago apresentada 


 O Presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo e a vereadora com o pelouro da Cultura marcaram presença na apresentação pública do projeto “Valorização dos Caminhos de Santiago – Caminho Português da Costa”, que resulta de uma candidatura ao Norte 2020 no valor de 1.6 milhões de euros, com uma taxa de financiamento de 85 por cento. 

ENERXÍA

PRIMAGAS CONVERTIRÁ CANGAS NUNHA VILA CON BOA ENERXÍA

·   O próximo domingo, 19 de febreiro, Cangas vivirá unha gran festa para celebrar a chegada de Primagas a Galicia, na Explanada de Ojea a partires das 10:30 h.

· O evento contará coa actuación de Isabel Risco, unha degustación de polbo e filloas, actuacións a cargo dos nenos e nenas de Cangas e xogos populares



Infogauda / Pontevedra

 A vila de Cangas acollerá o domingo día 19 de febreiro, a Festa Primagas, un evento para presentar e celebrar a chegada de Primagas, empresa especializada en gas que ofrece solucións enerxéticas eficientes e limpas nas zonas non urbanas, a Galicia.

 A Festa Primagas, que se celebrará na Explanada de Ojea, tras o Concello de Cangas, a partires das 10:30 h., contará coa actuación cómica de Isabel Risco. Tamén haberá unha degustación de polbo e filloas, inchables para os máis pequenos e xogos populares, entre outras actividades.

 Os puntos fortes da xornada serán as actuacións do grupos folclóricos da zona e demostracións das actividades extraescolares organizadas polas Anpas do municipio.

 Toda a recadación conseguida nos postos de comida e bebida irá destinada á Asociación de Pais de Minusválidos Psíquicos do Morrazo (Aspamsim). A Festa Primagas conta coa colaboración do Concello de Cangas.

 Con máis de 20 anos de experiencia no mercado español, Primagas aterra en Galicia para mellorar as condicións de vida dos habitantes das zonas non urbanas, ofrecéndolles alternativas enerxéticas eficientes e limpas.

O gas natural chega a A Guarda
 Segundo pudo saber este xornal dixital Primagas realizará durante este ano a canalización e distribución de gas natural no Concello de A Guarda.

 Está previsto que as obras e as primeiras subministracións de Primagas comecen a primeiros de ano.

 A utilización de gas natural permitirá a retirada de máis dunha vintena de depósitos de gas propano presentes no casco urbano do Concello. A substitución dos tanques de gas non implicará transformacións importantes nas instalacións das casas. Ademais, evitará a circulación e descarga de camións de gas propano na vía pública do Concello.

 Os veciños poderán substituír as súas caldeiras e quentadores de gasóleo ou butano por outras con mellores prestacións e máis eficientes, reducindo os seus costes.

Sobre Primagas
 Primagas, compañía enerxética presente no mercado español desde 1996, forma parte do Grupo SHV Energy, líder mundial en distribución de gas que dá servizo a máis de 30 millóns de clientes en todo o mundo. O obxectivo de Primagas é converterse na empresa de referencia no mercado enerxético das zonas non urbanas, mellorando as condicións de vida dos seus clientes, a través dunha solución enerxética eficiente e limpa. 

 Primagas, con máis de 11.000 clientes en España, está formada por un cadro de persoal de 51 persoas e unha extensa rede de instaladores acreditados repartidos polo territorio español. Ademais, a compañía conta con catro delegacións comerciais en Cataluña, Madrid, País Vasco e Galicia, así como con tres plantas situadas no Porto de Barcelona, Zaragoza e mais Segovia.

A GUARDA

Invernos de Cinema, coa proxección do Gran Hotel Budapest, e o Festival solidario de Manos Unidas, grandes citas desta fin de semana na Guarda   


Infogauda / A Guarda

 Esta segunda fin de semana do mes de febreiro temos dúas citas moi destacadas na Guarda. A primeira delas ten lugar hoxe, venres 10 de febreiro, no Centro Cultural. Esta noite volve o cinema coa proxección do filme de Wes Anderson “El Gran Hotel Budapest” ás 21:00 horas. Esta recoñecida e premiada película, non recomendada para menores de 12 anos, conta co ton cómico característico deste director a extravagante historia do roubo e recuperación dun cadro renacentista nun famoso hotel europeo, ambientada nos anos 30.  


 Ademais o sábado día 11, tamén no Centro Cultural, A Guarda acolle un evento moi especial: o Festival Solidario “Manos Unidas”. A partir das 19:00 horas os asistentes poderán desfrutar de diversas actuacións de baile e grupos musicais coa escola de baile Bambalina, o acordeanista Daniel Vilanova, o Grupo de Panderetas Coiro Vello, o Grupo Xamaraina de Baile Moderno, a agrupación Musical Coral do Rosal, o Trío Luetto e o Ximnasio Do Majo Danza Moderna. Así mesmo, haberá un breve e entrañable rincón de poesía e o acto incluirá a presentación do libro “La Voz del Silencio” de Oliva María Pereira, en favor de Manos Unidas. Tamén se celebrará un sorteo de agasallos aportados polos establecementos colaboradores, entre os que se atopa un cadro ao óleo de Nanda Rodríguez.  

 Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura salientou: Dende o concello da Guarda animamos a todos os veciños a acudir ao Centro Cultural, para desfrutar o venres dunha sesión de cinema e o sábado dunha tarde chea de música e danza e ao tempo que teñen a oportunidade de colaborar coa organización Manos Unidas e as numerosas causas benéficas que apoian e promoven.    

A GÁNDARA (A GUARDA)

REPRESENTANTES DAS NAIS E PAIS DE ALUMNOS DA ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL DA GÁNDARA PREGAN A AXUDA DO CONCELLO DA GUARDA 

Para garantir a súa continuidade   

O alcalde Antonio Lomba Baz e a concelleira de educación, Elena Baz Rodríguez, recibiron esta mañá ás representantes das nais e pais dos alumnos da Escola Unitaria (E.E.I) da Gándara
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Este venres día 10 de febreiro pola mañá, representantes das nais e pais dos alumnos da Escola Unitaria (E.E.I) da Gándara acudiron a Casa do Concello da Guarda, onde mantiveron unha reunión co alcalde, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Educación, Elena Baz Rodríguez.  

 A Escola Unitaria da Gándara, onde se imparten clases de Educación infantil a nenos e nenas de 3 a 5 anos, conta nestes momentos con 9 alumnos e alumnas. As nais que acudiron á reunión recordaron que hai prazas dispoñibles para que se inscriban nenos e nenas da Gándara e tamén de Salcidos e amosaron o seu desexo de que a Escola e os rapaces e rapazas teñan unha maior presenza e participación na vida cultural da vila, o que foi moi ben recibido tanto polo alcalde como pola concelleira.   

 Deste xeito, dende o concello mostraron o seu apoio á labor desta escola, xa que as Escolas Unitarias teñen un gran valor e importancia na educación de moitos cativos, en especial no medio rural. Ademais animaron aos pais e nais a seguir apoiando na campaña de promoción da única escola unitaria da vila para manter o número de alumnos necesarios para evitar o seu peche.

A GUARDA

CULTURA

ABERTA AO PÚBLICO A EXPOSICIÓN “CAMIÑOS DA IMAXE” 

Ata o 18 de febreiro, no Centro Cultural da Guarda    

Vista parcial dunha das salas de exposicions do Centro Cultural da Vila, onde se mostran fotografías de Joaquín García Portela


Infogauda / A Guarda

 Fai hoxe unha semana, numerosos veciños da Guarda desafiaban ao temporal que estaba a sufrir a localidade para render homenaxe ao fotógrafo Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, con motivo da publicación do libro “Camiños da Imaxe” que fala da súa vida e obra. 

Fotografías de Joaquín García Portela na exposición “Camiños da Imaxe”

 A obra deste fotógrafo guardés, pioneiro da fotografía e filmografía na Guarda, xa estivera exposta o pasado verán na Casa dos Alonso, nunha mostra do mesmo nome que a publicación presentada. E dende o pasado sábado 3 e ata o día 18 de febreiro, a exposición “Camiños da Imaxe” volve a estar aberta ao público, desta vez no Centro Cultural da Guarda.   

 Aqueles que xa visitaron a exposición poderán volver a desfrutar dela e, os que non puideron acudir na anterior ocasión, teñen unha nova oportunidade de coñecer a obra dun guardés ilustre.  

Beli Martínez Martínez e Xurxo González Rodríguez, de Proxecto Socheo, na súa disertación sobre Joaquín García Portela “Costiña”, o pasado venres día 3 de febreiro

 Joaquín García Portela “Costiña” é un dos fotógrafos máis lembrados e destacados da vila, que viviu entre 1894 e 1957. Na mostra “Camiños da Imaxe” os visitantes poden atopar imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, fotografías persoais do artista que ilustran a súa biografía e tamén os seus filmes familiares. Estes filmes foron realizados entre 1926 e 1929 e supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.  

 Nestes filmes, que fan de “Costiña” o pioneiro do cinema na Guarda, hai escenas familiares na súa casa, imaxes das festas da Guarda, dos mariñeiros e da costa ou doutros recunchos da localidade que fan destes filmes uns documentos patrimoniais de gran valor.  

 Todos o que o desexen poden desfrutar da exposición que permanecerá no Centro Cultural da Vila ata o vindeiro sábado 18 de febreiro, de luns a sábado. O horario é de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas; excepto os sábados, que só é en horario de 10:00 a 13:00 horas.