10/02/2017

LABORAL

Persoal pontevedrés de Inditex reclama as mesmas condicións laborais que o da provincia da Coruña 

Traballadoras/es do grupo téxtil mobilizáronse hoxe en Vigo en demanda dun “acordo global”

Empregadas/os das tendas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizáronse esta tarde en Vigo para que se lles apliquen as mesmas condicións laborais que veñen de ser pactadas na da Coruña
Foto: CIG


Infogauda / Vigo 

 Empregadas/os das tendas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizáronse esta tarde en Vigo para que se lles apliquen as mesmas condicións laborais que veñen de ser pactadas na da Coruña. As centrais convocantes -CIG, CCOO e UGT- reclaman un acordo global en todas as tendas do grupo téxtil en cada unha das catro provincias galegas para rematar coas diferenzas actuais.

 Dende os sindicatos promotores da protesta explican que o seu obxectivo é lograr equiparar as condicións laborais dos traballadores/as de todos os establecementos do grupo Inditex nas catro provincias, xa que até o de agora a dirección non está disposta a negociar un convenio de empresa. “O que fai é pactar acordos en cada centro de traballo, e nós o que queremos é que todas/os as empregadas/os teñan os mesmos dereitos”, explica secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández.  

 A representante sindical lembra que no caso da provincia da Coruña conseguiuse un novo plus salarial e introducíronse melloras en cuestións como vacacións, licenzas, excedencias ou conciliación. “Cremos que é inxusto que no resto de tendas da provincia de Pontevedra non teñan estas mesmas condicións; é certo que teñen outras melloras, pero foron pactadas no convenio provincial e non con Inditex”, matiza.  

 Diante disto, as traballadoras/es decidiron convocar unha serie de mobilizacións para reclamar a equiparación que comezaron hoxe en Vigo con concentracións ás portas dos distintos establecementos do grupo Inditex situados na rúa do Príncipe. Ao remate da protesta, a secretaria comarcal da CIG-Servizos anunciou que a representación do persoal xa recibiu a chamada da empresa para abordar o tema.

Ningún comentario: