10 de feb. de 2017

O ROSAL

CORES TOURÍS COMPROBOU CO ALCALDE DO ROSAL OS DANOS CAUSADOS POLO TEMPORAL DO PASADO FIN DE SEMANA 

· O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, demandou que a Deputación de Pontevedra volva a poñer en marcha as axudas para invernadoiros e explotacións agrarias afectadas  

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, os danos causados polo pasado temporal neste concello


Infogauda / O Rosal

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, os danos causados polo pasado temporal neste concello. 

 A Xunta cifra en 5 millóns de euros os danos causados polo temporal nas instalacións e infraestruturas da súa competencia, como centros escolares, estradas de titularidade autonómica, escolas infantís, e os danos sufridos en varios portos galegos. “De feito, só na provincia de Pontevedra, a Consellería de Educación ten que asumir obras de emerxencia por case 600.000 euros”.  
 O delegado territorial recordou que os concellos máis afectados están a avaliar os danos e, en concreto, facer un informe sobre os danos producidos polo temporal, que posteriormente será remitido á Xunta. “Unha vez feito o balance o Goberno está estudando que medidas é preciso adoptar para reparar os danos. Para iso é importante a implicación e a colaboración de todas as administracións: Deputacións, Xunta e Estado”.  

 “E neste senso, seguimos a demandar a colaboración da Deputación de Pontevedra, xa que estamos a falar da institución que ten como función principal apoiar aos veciños dos pequenos concellos”, explicou Cores Tourís. 

 “É importante recordar que a Deputación de Pontevedra contaba, no anterior Goberno provincial, cunha liña de axudas para emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros para situacións como a vivida o pasado fin de semana”, engadiu o delegado territorial, quen volveu a pedir publicamente á presidenta da Deputación que recupere esta iniciativa “de xeito que, entre todos, poidamos darlle unha solución a estes veciños”.   

 Como exemplo, segundo apuntou Cores Tourís, en 2014 a Deputación provincial destinou 300.000 euros para paliar os danos sufridos no agro por situación de emerxencia en Pontevedra a través de esta liña de subvencións, ofrecendo unha axuda do 50% aos cultivos baixo abrigo ata un tope de 3.000 euros por explotación. 

 O delegado territorial recordou que a Deputación de Carmela Silva “xa tivo que rectificar no pasado ante a presión de diversos colectivos e recuperar liñas de axudas como as das cooperativas agrarias ou as confrarías de pescadores as axudas para as sementes ás mariscadoras”

 José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, canalizou unha liña de axudas que permitiu colaborar con 28 concellos afectados polos temporais de 2016 que recibiron 1,6 millóns de euros  para a reparación e mellora das súas infraestruturas e equipamentos públicos.  

 “Naquel entonces a Xunta arranxou as estradas autonómicas e, á vez, firmou un acordo na FEGAMP a tres bandas, na que participou a Deputación, co obxectivo de poder atallar os graves danos causados sobre infraestruturas municipais e aos que non podían facer fronte os pequenos concellos. A Deputación decidiu non asumir a súa parte e tivo que ser a administración autonómica a que asumiu a colaboración cos concellos en solitario”, rematou o delegado territorial quen volveu a insistir no feito de que “a señora Silva debe recordar que a institución que preside está para colaborar e axudar aos veciños dos pequenos municipios da provincia. Non debería esquecelo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario