10 de feb. de 2017

A GUARDA

CULTURA

ABERTA AO PÚBLICO A EXPOSICIÓN “CAMIÑOS DA IMAXE” 

Ata o 18 de febreiro, no Centro Cultural da Guarda    

Vista parcial dunha das salas de exposicions do Centro Cultural da Vila, onde se mostran fotografías de Joaquín García Portela


Infogauda / A Guarda

 Fai hoxe unha semana, numerosos veciños da Guarda desafiaban ao temporal que estaba a sufrir a localidade para render homenaxe ao fotógrafo Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, con motivo da publicación do libro “Camiños da Imaxe” que fala da súa vida e obra. 

Fotografías de Joaquín García Portela na exposición “Camiños da Imaxe”

 A obra deste fotógrafo guardés, pioneiro da fotografía e filmografía na Guarda, xa estivera exposta o pasado verán na Casa dos Alonso, nunha mostra do mesmo nome que a publicación presentada. E dende o pasado sábado 3 e ata o día 18 de febreiro, a exposición “Camiños da Imaxe” volve a estar aberta ao público, desta vez no Centro Cultural da Guarda.   

 Aqueles que xa visitaron a exposición poderán volver a desfrutar dela e, os que non puideron acudir na anterior ocasión, teñen unha nova oportunidade de coñecer a obra dun guardés ilustre.  

Beli Martínez Martínez e Xurxo González Rodríguez, de Proxecto Socheo, na súa disertación sobre Joaquín García Portela “Costiña”, o pasado venres día 3 de febreiro

 Joaquín García Portela “Costiña” é un dos fotógrafos máis lembrados e destacados da vila, que viviu entre 1894 e 1957. Na mostra “Camiños da Imaxe” os visitantes poden atopar imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, fotografías persoais do artista que ilustran a súa biografía e tamén os seus filmes familiares. Estes filmes foron realizados entre 1926 e 1929 e supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.  

 Nestes filmes, que fan de “Costiña” o pioneiro do cinema na Guarda, hai escenas familiares na súa casa, imaxes das festas da Guarda, dos mariñeiros e da costa ou doutros recunchos da localidade que fan destes filmes uns documentos patrimoniais de gran valor.  

 Todos o que o desexen poden desfrutar da exposición que permanecerá no Centro Cultural da Vila ata o vindeiro sábado 18 de febreiro, de luns a sábado. O horario é de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas; excepto os sábados, que só é en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario