10 de feb. de 2017

A GUARDA

Invernos de Cinema, coa proxección do Gran Hotel Budapest, e o Festival solidario de Manos Unidas, grandes citas desta fin de semana na Guarda   


Infogauda / A Guarda

 Esta segunda fin de semana do mes de febreiro temos dúas citas moi destacadas na Guarda. A primeira delas ten lugar hoxe, venres 10 de febreiro, no Centro Cultural. Esta noite volve o cinema coa proxección do filme de Wes Anderson “El Gran Hotel Budapest” ás 21:00 horas. Esta recoñecida e premiada película, non recomendada para menores de 12 anos, conta co ton cómico característico deste director a extravagante historia do roubo e recuperación dun cadro renacentista nun famoso hotel europeo, ambientada nos anos 30.  


 Ademais o sábado día 11, tamén no Centro Cultural, A Guarda acolle un evento moi especial: o Festival Solidario “Manos Unidas”. A partir das 19:00 horas os asistentes poderán desfrutar de diversas actuacións de baile e grupos musicais coa escola de baile Bambalina, o acordeanista Daniel Vilanova, o Grupo de Panderetas Coiro Vello, o Grupo Xamaraina de Baile Moderno, a agrupación Musical Coral do Rosal, o Trío Luetto e o Ximnasio Do Majo Danza Moderna. Así mesmo, haberá un breve e entrañable rincón de poesía e o acto incluirá a presentación do libro “La Voz del Silencio” de Oliva María Pereira, en favor de Manos Unidas. Tamén se celebrará un sorteo de agasallos aportados polos establecementos colaboradores, entre os que se atopa un cadro ao óleo de Nanda Rodríguez.  

 Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura salientou: Dende o concello da Guarda animamos a todos os veciños a acudir ao Centro Cultural, para desfrutar o venres dunha sesión de cinema e o sábado dunha tarde chea de música e danza e ao tempo que teñen a oportunidade de colaborar coa organización Manos Unidas e as numerosas causas benéficas que apoian e promoven.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario