10 de feb. de 2017

LABORAL

A maioría sindical de Pescanova decide deixar fóra da unidade a CCOO pola súa actitude desleal 

A CIG, CUT, UGT e USO denuncian que a proposta de convenio achegada pola central española coincide coa da empresa

Os catro sindicatos que ostentan a maioría da representación dentro do grupo de empresas de Nueva Pescanova compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para explicar os motivos que os levaron a expulsar da unidade sindical a CCOO
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 As centrais maioritarias do grupo Nueva Pescanova ofreceron hoxe unha rolda de prensa para anunciar que deixan a CCOO fóra da unidade sindical pola súa actitude desleal co resto organizacións e cos propios traballadores/as. Dende a CIG, CUT, UGT e USO denuncian que a proposta de convenio colectivo feita pública sindicato español coincide coa achegada pola dirección da empresa de alimentación na última xuntanza coa parte social.

 Os catro sindicatos que ostentan a maioría da representación dentro do grupo de empresas de Nueva Pescanova compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para explicar os motivos que os levaron a expulsar da unidade sindical a CCOO.

 En concreto, sinalaron que durante nove meses de negociación esta central nunca quixo participar da unidade sindical, “situación que cambiou tras a masiva asemblea celebrada en Redondela por medo a quedar aillados/as”.

 Foi a partir desa xuntanza cando CCOO solicita entrar na unidade, mais ao día seguinte de que o resto de centrais aceptase a súa presenza “aparece publicado na prensa unha proposta de convenio que non consultan con ninguén -demostrando unha actitude desleal- e que coincide coa presentada posteriormente pola empresa na última xuntanza que mantivemos coa dirección, celebrada o pasado día 6”.

 Segundo denuncian, esta proposta inclúe dous dos aspectos que os sindicatos non están dispostos a asumir: a creación dunha nova categoría de entrada na empresa cun salario inferior e o aumento da flexibilidade laboral. “Sabemos que todo isto é unha estratexia de Pescanova e de CCOO para romper a unidade sindical e lograr deste modo impoñer un convenio á baixa para precarizar as condicións laborais, rebaixar salarios e aumentar a xornada”, indican.

 Menos salario e máis xornada  
 Iso foi precisamente o que lles trasladou a empresa na última xuntanza celebrada o pasado día 6: un convenio a catro anos que contempla unha redución salarial do 30-40% para os empregados/as contratados/as despois de que a banca tomase o control da empresa no ano 2015, o aumento de xornada, o incremento da flexibilidade e a creación dunha categoría laboral de nova entrada. “O argumento que esgrimen é que estas medidas son necesarias para competir co resto de empresas do sector”, sosteñen.  

 Despois desta reunión as partes quedaron emprazadas para manter un novo encontro os días 13, 14 e 15 de febreiro (segundo os distintos centros de traballo). Para entón está previsto que a empresa poña outra proposta enriba da mesa, aínda que dende as centrais non agardan demasiados cambios con respecto á actual. A continuación convocarán unha nova asemblea cos traballadores/as (barallan como posíbel data o 4 de marzo) para analizar a contraoferta da compañía e as posíbeis mobilizacións a desenvolver “para garantir que se manteñan todos os dereitos laborais e para impedir que os novos/as empregados/as entren en peores condicións”.  

 Ao mesmo tempo, reiteraron que os traballadores/as manteñen a súa decisión de non facer nin unha soa hora extra como medida de presión e lembraron que xa presentaron denuncia diante da Inspección de Traballo pola mala fe negociadora da empresa. Precisamente co obxectivo de abordar esta denuncia nos vindeiros días manterán unha xuntanza co xefe territorial da autoridade laboral. 

Ningún comentario: