10 de feb. de 2017

A GUARDA

O concello da Guarda apoia a campaña a prol dos refuxiados #EuAcollo   


Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 9 de febreiro pola mañá, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, recibiu a representantes da ONG Amnistía Internacional, que acudiron ao concello para presentar ante o rexidor a súa campaña #EuAcollo.  

 Trátase dunha iniciativa motivada pola excepcional situación de millóns de refuxiados en todo o mundo. Por primeira vez dende a Segunda Guerra Mundial o número de persoas desprazadas dos seus fogares como consecuencia dos conflitos, a persecución, e as violacións de dereitos humanos nos seus países de orixe superou os 65 millóns. Por isto, e ante a escasa resposta da comunidade internacional e os gobernos europeos, que non están dando unha resposta adecuada á situación, Amnistía Internacional lanza esta campaña para impulsar e promover a acollida de refuxiados. 

 Na reunión mantida co alcalde da Guarda, dende Amnistía Internacional pedíronlle a presentación da moción sobre o refuxio no próximo pleno da vila. O alcalde adquiriu o compromiso de levar a moción á próxima comisión de asuntos plenarios. Os concellos que se unen a este manifesto instan ao Goberno de España a axilizar o proceso de traslado de persoas refuxiadas a España mediante a súa recolocación e reasentamento e a cumprir no prazo previsto os compromisos acordados coa UE de acoller a 17.337 persoas, das que de momento só acolleu a 979.   

 Xunto coa acción para acadar a participación dos concellos, a campaña #EuAcollo tamén busca a unión dos e das cidadáns. Por iso todo o que o desexe pode adherirse premendo eiquí a un manifesto semellante de xeito individual para pedirlle ao goberno que cumpra coas súas obrigas internacionais e proporcione aos refuxiados unhas condicións de acollida dignas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario