10 de feb. de 2017

A GÁNDARA (A GUARDA)

REPRESENTANTES DAS NAIS E PAIS DE ALUMNOS DA ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL DA GÁNDARA PREGAN A AXUDA DO CONCELLO DA GUARDA 

Para garantir a súa continuidade   

O alcalde Antonio Lomba Baz e a concelleira de educación, Elena Baz Rodríguez, recibiron esta mañá ás representantes das nais e pais dos alumnos da Escola Unitaria (E.E.I) da Gándara
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Este venres día 10 de febreiro pola mañá, representantes das nais e pais dos alumnos da Escola Unitaria (E.E.I) da Gándara acudiron a Casa do Concello da Guarda, onde mantiveron unha reunión co alcalde, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Educación, Elena Baz Rodríguez.  

 A Escola Unitaria da Gándara, onde se imparten clases de Educación infantil a nenos e nenas de 3 a 5 anos, conta nestes momentos con 9 alumnos e alumnas. As nais que acudiron á reunión recordaron que hai prazas dispoñibles para que se inscriban nenos e nenas da Gándara e tamén de Salcidos e amosaron o seu desexo de que a Escola e os rapaces e rapazas teñan unha maior presenza e participación na vida cultural da vila, o que foi moi ben recibido tanto polo alcalde como pola concelleira.   

 Deste xeito, dende o concello mostraron o seu apoio á labor desta escola, xa que as Escolas Unitarias teñen un gran valor e importancia na educación de moitos cativos, en especial no medio rural. Ademais animaron aos pais e nais a seguir apoiando na campaña de promoción da única escola unitaria da vila para manter o número de alumnos necesarios para evitar o seu peche.

Ningún comentario:

Publicar un comentario