29 de xan. de 2017

TOMIÑO

Tomiño rende tributo ás súas árbores, con visitas escolares e arte en vivo  

A árbore senlleira coñecida como “Carballo verde de Vilar” era en realidade unha sobreira     

A actuación daralle unha nova vida á árbore caída, converténdoa en escultura, nas mans da artista Liliya Pobornikova     

Os colexios de infantil e primaria de Tomiño realizaron visitas ó entorno do Espazo Fortaleza de Goián e ás sendas próximas
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño

 Ó longo desta semana, os colexios de infantil e primaria de Tomiño realizaron visitas ó entorno do Espazo Fortaleza de Goián e ás sendas próximas, para disfrutar dunha das maiores concentracións de árbores senlleiras de Tomiño. Aquí realizarán un percorrido case circular e guiado por un experto, polos sobreiros de San Roque (dous cerquiños ou carballos cerqueiros); un estripeiro e o carballo, o salgueiro e o piñeiro do país máis grandes de Tomiño. Estas visitas foron organizadas por ACUBAM e o Concello de Tomiño, dentro do programa “As nosas amigas as plantas”, como actividade de educación ambiental, que cada ano se realiza de forma previa á Mostra de Cultivos do Baixo Miño (este ano 4 e 5 de Marzo, en Goián).  

 As visitas ós coles remataron cunha visita ó campo do Alivio, preto do centro de Tomiño, onde a escultora búlgara Liliya Pobornikova está traballando nunha monumental escultura baseada no tronco dunha árbore senlleira caída. Esta escultura ten como obxectivo dar unha nova vida a unha árbore moi querida, e con ela facer unha homenaxe a todas as árbores senlleiras que nos acompañan ó longo da nosa vida e incluso da vida de varias xeracións, formando parte da historia do noso pobo. Houbo uns paneis no lugar de realización da escultura que explican a súa historia e o proxecto artístico.  

 O tronco pertence a unha árbore coñecida como “Carballo Verde” de Vilar, lugar onde se atopaba, aínda que en realidade non era un carballo senón unha sobreira. Nos últimos tempos, esta gran árbore viuse afectada por varios lumes que a debilitaron e acabou por caer no ano 2013. Veciños e membros de ANABAM (Asociación Naturalista Baixo Miño), que no seu momento tramitaron a inclusión desta árbore no inventario de senlleiras, acudiron ó Concello de Tomiño para solicitar un fin digno para esta árbore tan emblemática. O Concello púxose mans a obra e coa axuda de maquinaria especializada, o tronco foi trasladado ó Campo do Alivio, a súa ubicación actual. Posteriormente, deseñouse un proxecto artístico coa escultora Liliya Pobornikova, especialista en traballar con madeira. O nacemento desta obra de arte poderá visitarse e contemplarse en vivo, durante os próximos meses co obxectivo de que esta árbore senlleira, na súa nova forma, será para sempre parte do patrimonio natural e cultural de todos os tomiñeses e tomiñesas.

Ningún comentario: