29 de xan. de 2017

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

Tomiño e Vilanova de Cerveira reivindican o tren coma o transporte do futuro para os dous concellos fronteirizos 

Segundo os alcaldes, o uso do tren na raia daríalle á comarca do Baixo Miño, unha centralidade relevante, ao colocala entre dúas cidades tan importantes como Vigo e Porto     

Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira acodiron xuntos ao foro “La vertebración de la Eurorregión a través del ferrocarril”, organizado pola Confederación de Empresarios de Vigo (CEP), en colaboración co Eixo Atlántico, e onde se atopaban tamén os máximos responsables de Transportes de España e Portugal, e o coordinador da Rede Transeuropea de Transportes da Comisión Europea, que veñen de colocar de novo na axenda a construción da chamada saída sur ferroviaria de Vigo, un proxecto que foi anulado unha década atrás.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explicou que Tomiño e Cerveira foron xuntos a estas xornadas porque consideran que o tren debe ser o eixe vertebrador do territorio, sobre todo, na fronteira. “É importante saber que somos a fronteira luso-española máis poboada da península, polo que deberíamos ser prioridade neste tema”, sinala a rexedora tomiñesa.  

 Ambos os mandatarios locais non comprenden que non haxa un tren que conecte todo o eixo atlántico, dende A Coruña até Porto e que permita aos cidadáns coller o ferrocarril en Portugal para chegar a Vigo, Santiago ou A Coruña. Segundo os alcaldes, o uso do tren na raia daríalle á comarca do Baixo Miño, unha centralidade relevante, ao colocala entre dúas cidades tan importantes como Vigo e Porto. “Reivindicamos o tren como o transporte sostible do futuro, que daría aos nosos pobos unha maior calidade de vida e un pulo moi importante ao noso comercio e turismo”, aseguran os rexedores de Tomiño e Cerveira.  

 Tamén participaron neste foro a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; o presidente da Comisión de Fomento do Congreso, Celso Delgado; o presidente da CEP, Jorge Cebreiros e o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Estes últimos salientaron a importancia de que responsables de máximo nivel das distintas Administracións Públicas implicadas no desenvolvemento ferroviario de España e Portugal, participen neste foro. 

 Outra presencia destacada é a do catedrático da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín, que formou parte da mesa redonda “Tren e empresa: un tándem imprescindible para o desenvolvemento da provincia de Pontevedra (saída sur e Metrotren)”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario