26 de xan. de 2017

PONTEVEDRA

O Goberno provincial de Carmela Silva pon en marcha o Plan de Práctica Laboral 2017 e convoca 162 bolsas nos concellos de menos de 50.000 habitantes 

Os 59 concellos da provincia poderán solicitar as bolsas desde o 1 ata o 9 de febreiro 


Infogauda / Pontevedra 

 A Deputación de Pontevedra acaba de pór en marcha unha nova edición do Plan de Práctica Laboral na Deputación e nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, a través do cal porá á disposición destes 59 concellos da provincia un total de 162 bolsas de práctica laboral, que recibirán unha remuneración de entre 700 euros (formación profesional) e 800 euros (titulacións universitarias) ao mes durante un período de seis meses renovables por outros seis.  

 Os concellos que queiran solicitar estas bolsas poderán presentar as súas solicitudes desde o 1 ata o 9 de febreiro, para o que deberán realizar unha preinscrición a través da páxina web www.depo.gal e presentar o xustificante electrónico, xunto coa documentación solicitada, no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra e nas demais canles contempladas na lexislación. A distribución das bolsas por concello efectuarase segundo o seu número de habitantes, de xeito que os 23 concellos de ata 5.000 habitantes e os 14 de entre 5.001 e 10.000 disporán de dúas bolsas cada un, mentres que os oito de entre 10.001 e 15.000 habitantes e mailos 14 de entre 15.001 e 50.000 habitantes terán á súa disposición catro prazas cada un.  

 O Plan de Práctica Laboral nos servizos da Deputación e nos concellos da provincia para o ano 2017 volve contar con outras 200 prazas: 162 delas, nos concellos de menos de 50.000 habitantes, e as 38 restantes, nos servizos da institución provincial. Con este programa de promoción do emprego a Deputación de Pontevedra busca que as mozas e os mozos da provincia titulados universitarios e de formación profesional sen experiencia previa no ámbito da súa formación teñan maiores facilidades para atopar o seu primeiro emprego, para que poidan completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo.  

 Ao igual que na edición do ano pasado, a institución provincial asume o financiamento total do Plan (ademais da distribución, asignación, selección e adxudicación das bolsas), e serán os concellos os encargados de desenvolver un proxecto ou programa formativo que lles permitirá aos bolseiros e bolseiras adquirir competencias que melloren a súa empregabilidade. Ademais, os concellos asumen determinadas obrigas, coma a de facer a xestión, coordinación e seguimento das prácticas; designar unha persoa titora; controlar o cumprimento do horario; garantir unha protección eficaz en seguridade e saúde; subscribir un seguro de responsabilidade civil complementario ao da institución provincial; ou conceder dous días hábiles ao mes de descanso, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario