LIBRO DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA: UNHA PUBLICACIÓN INSUBSTITUÍBEL
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Continuando cunha tradición de vén de fai moitas décadas, as Festas do Monte Santa Trega - declaradas de Interese Turístico de Galicia -, podemos decir, sen posibilidade de erro, que comezarán este luns día 4 de agosto e rematarán o vindeiro día 11 deste mes. En todo caso, coa publicación - a xeito de limiar - do libro-programa dos devanditos festexos, as Festas do Monte Santa Trega xa botaron a andar.
O libro-programa deste ano, editado pola Asociación Comisión de Festas 2025, leva na súa portada dúas fotografías antigas: unha - editada pola Sociedad "Pro-Monte Santa Tecla" - que nos amosa o "Pico de El Facho desde San Francisco" (sic) nun día de romaría - e outra, unha evocadora vista do Barrio de la Marina (sic), da autoría - como á anterior - de Mariano Jiménez Hueto, e editada en 1919, pertencentes ao arquivo de Celso R. Fariñas,
Coordinado e dirixido por Celso Rodríguez Fariñas, o libro foi maquetado e impreso en Artes Gráficas Jadfel. Colaboraron na maquetación Miguel Reboredo Otero e José Ángel Gándara Rodríguez.
Ao longo de 244 páxinas, o libro, ademáis de acoller o saúdo do alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, contén o texto do pregón que en 2024, pronunciou José Luis Gil Vicente.
Asemade, a publicación inclúe unha relación dos colaboradores literarios (José Luis Gil Vicente, Celso R. Fariñas, Miguel Reboredo Otero, J. Bernardo (Asubío), Perálvez, José Magoal, Fernando Martínez Vicente, Carlos Martínez [Troncoso], Joaquín Miguel Villa Álvarez, Víctor Álvarez Coballes, Deolinda Carneiro, Ricardo Rodríguez Vicente, Pablo Costas Salinas, Xerome Fernández Álvarez, Esteban Doiro Portela e José Ángel Gándara Rodríguez -; un sumario coa relación dos temas que constitúen o contido da mesma; o programa das Festas do Monte Santa Trega, 2025; e un índice - por orde alfabético - dos establecementos comerciais, empresas e profesionais, que cos seus respectivos espazos publicitarios contribúen a sufragar os custes da edición.
A heteroxénea temática do seu contido - no que figuran interesantes achegas históricas, lembranzas de importantes feitos culturais, deportivos e sociais,..., así como fotografías antigas, entre outras aportacións -, fai desta publicación todo un referente cultural, agardado por moitas persoas, tanto residentes no concello de A Guarda e súa contorna, como tamén daqueles lectores que por diversas circunstancias atópanse fora da Nosa Terra.
En definitiva, o libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, 2025 é, un ano máis, unha obra colectiva e a súa vez unha fonte de información - para os tempos actuais e para súa consulta no futuro-, que xa está nos puntos de venda habituais a disposición de todas as persoas que desexen adquirilo.
O libro das Festas do Monte Santa Trega, é, por dereito propio, unha publicación insubstituíbel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario