A CIG-Banca inicia un calendario de protestas contra o peche de oficinas do Santander
• Desenvolveu unha concentración en Vigo para rexeitar o novo modelo de negocio da entidade, que está a provocar a destrución de empregos
Infogauda / Vigo
A CIG iniciou hoxe en Vigo un calendario de mobilizacións para rexeitar o modelo de negocio que está a implantar o Banco Santander apoiándose na dixitalización forzosa da clientela e nunha nova tipoloxía de oficinas, que ten como consecuencia o peche de sucursais e a destrución de emprego. No que vai de ano a entidade xa clausurou 17 oficinas en Galiza e un total de 160 no conxunto do Estado e amortizou numerosos postos de traballo. As protestas continuarán en Lugo este venres 3 de outubro e na Coruña o vindeiro día 13.
Este proceso está a provocar tamén a amortización de empregos, incrementando a carga de traballo do persoal, as dificultades para a conciliación da vida laboral e familiar e o deterioro da atención á clientela. “Todo isto vai en contra do que publicamente defende o Santander en relación co servizo e a atención aos colectivos vulnerábeis”, sinalan dende a federación de Banca.
Neste senso, lembran que a clientela segue a demandar atención presencial, “tal e como se pode comprobar cada día nas oficinas, nomeadamente as persoas maiores; pero tamén outros colectivos que confían nun modelo ‘omnicanal’ no que a atención presencial sexa fundamental”.
O peche de oficinas está a supoñer tamén unha importante redución de persoal na rede, coa consecuencia de que hai menos persoal para atender o mesmo número de clientes. “O banco centra a destrución de emprego no persoal de ventanilla, implantando un modelo de caixa ‘avanzada’ que pretende acelerar a supresión deste servizo, obrigando ao persoal que fai labor comercial a asumir a atención da ventanilla para suplir a amortización dos postos dese servizo, pero sen reducir os seus obxectivos comerciais; así, onde antes había dúas persoas facendo tarefas diferenciadas, agora hai unha soa persoa facendo o traballo das dúas”.
De xeito que as oficinas que quedan asumen o negocio das oficinas que pechan, pero co mesmo persoal que xa tiñan. En consecuencia, o proceso de reestruturación do modelo de negocio do Santander aumenta “brutalmente” a carga de traballo das persoas que quedan nas oficinas, e incrementa de xeito “exponencial” os riscos psicosociais.
Amplos núcleos de poboación sen servizo
O banco pecha oficinas en barrios das grandes cidades (A Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Lugo), deixando sen servizo a amplos núcleos de poboación, polo que as persoas vense obrigadas a desprazarse a outras zonas da cidade ou a realizar os trámites online; algo que, no caso dos colectivos vulnerábeis, dificulta o acceso ao banco e contribúe á exclusión financeira.
Ante este escenario, a sección sindical da CIG no Banco Santander dirixiuse ao Defensor do Pobo para trasladarlle as “nefastas” consecuencias que para o persoal e a clientela ten a implantación deste modelo de negocio, requirindo a intervención do Ministerio de Economía e do Banco de España “para que obriguen o Santander a cumprir legalidade e os seus compromisos sociais, uns compromisos adquiridos publicamente para evitar a exclusión financeira dos colectivos vulnerábeis”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario