29 de set. de 2025

REDONDELA

Luis López asina coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o convenio co que a Deputación achega 670.000€ para humanizar a Praza da Petanca 

  O presidente provincial salienta a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos estratéxicos que melloran os espazos urbanos


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas

Foto: D.PO.

Infogauda / Redondela

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, para executar o proxecto de humanización e instalación dun ascensor na Praza da Petanca. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Rivas selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 670.000 euros. De acordo co reparto do Plan Extra, ao Concello de Redondela corresponderíalle unha subvención máxima de 1,1M€, pero o Concello presentou un proxecto cun orzamento de 956.700 euros, polo que para dar cumprimento aos criterios de confinanciamento das bases do Plan Extra a achega do organismo provincial non podería ser superior ao 70 % do total. O 30 % restante, uns 287.000 euros, asúmeo o Concello. Segundo sinalou o presidente provincial, esta sinatura reflexa a importancia da colaboración entre institucións para facer realidade proxectos estratéxicos e transformadores que melloran os espazos urbanos.   

 O proxecto de humanización da Praza da Petanca de Redondela ten como obxectivo revitalizar e renovar un espazo actualmente relegado a zonas de paso dando uniformidade á toda a praza e aproveitando o desnivel da parcela posterior para a construción dunha bancada e a creación dun auditorio ao aire libre. As actuacións a realizar inclúen a preparación do terreo e a retirada do mobiliario existente para, a continuación, aplicar as capas de formigón precisas e a colocación de céspede nas zonas verdes con plantación de arborado. Así mesmo, instalarase un ascensor para salvar o desnivel da parcela e novo mobiliario urbano con bancos, fontes e aparcabicis. A actuación completarase coa canalización das redes eléctricas e a implantación de iluminación LED.  

 A colaboración da Deputación co Concello de Redondela non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 2,16 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario