Xornada formativa “Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias” na Aula CeMIT de Tui
• Será o sábado 18 de outubro de 11.30 a 13.30 h. É preciso inscrición previa. As prazas son limitadas
Infogauda / Tui
Tui acollerá unha xornada formativa “Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias” promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, e neste caso do Concello de Tui. A cita terá lugar o sábado 18 de outubro, de 11.30 a 13.30 h na aula CEMIT de Tui, no edificio Francisco Sánchez. A de Tui é unha das catro aulas CEMIT galegas que acollen esta actividade.
Na charla formativa abordaranse cales poden ser os riscos dun mal uso da tecnoloxía, e darase información para sentar as bases dunha boa educación dixital co establecemento de horarios, límites, tempos para a desconexión dixital e comunicación e presenza. Tamén se tratará a prevención e control a través do emprego de ferramentas e aplicacións para o control parental, máis aló de Family Link, e ofreceranse recomendacións e boas prácticas para unha boa educación dixital na casa.
O poñente será Felipe Martínez Hermo, licenciado en Informática pola UDC, con máis de 25 anos de experiencia como administrador de sistemas e que dende 2012 colabora na execución de programas divulgativos en centros educativos, concienciando tanto ao alumnado como ás familias sobre o uso responsable da tecnoloxía.
As persoas interesadas poden inscribirse na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/centros/tui
Pódese ampliar esta información no 986 60 37 47.
Ningún comentario:
Publicar un comentario