27 de set. de 2025

VIGO

O xerente do Servizo Galego de Saúde subliña a aposta pola fisioterapia da sanidade pública e avanza a inminente convocatoria de 27 novas prazas

  O directivo do departamento sanitario da Xunta interveu no acto de inauguración da IV Xornada da asociación científica de fisioterapeutas de Galicia

  O Goberno galego traballa para consolidar un cadro de profesionais máis numeroso, estable e capaz de responder aos retos asistenciais actuais nesta disciplina 


Acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, José Ramón Parada interveu esta mañá no acto de inauguración da IV Xornada da asociación científica de fisioterapeutas de Galicia
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo 

 O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, subliñou hoxe a aposta pola fisioterapia da sanidade pública galega e avanzou que de forma inminente o Diario Oficial de Galicia publicará a convocatoria de 27 novas prazas estatutarias desta categoría. 

 Acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, José Ramón Parada interveu esta mañá no acto de inauguración da IV Xornada da asociación científica de fisioterapeutas de Galicia. 

 Alí detallou que a convocatoria que se vai publicar acumula as prazas das ofertas de emprego público de 2024 e 2025, avanzando así para consolidar un cadro de profesionais máis numeroso, estable e capaz de responder os retos asistenciais actuais. 

 Na súa intervención no acto, o xerente do Servizo Galego de Saúde incidiu en que a abordaxe da dor crónica é un dos grandes retos sanitarios, pero tamén social e económico do século XXI. 

 A dor crónica afecta a unha porcentaxe moi significativa da poboación galega, o que supón para o Servizo Galego de Saúde un reto de xestión debido a consultas máis complexas, maior utilización de fármacos, visitas repetidas a urxencias e mesmo risco de cronificación de procesos que poderían ser tratados antes. 

 Como sistema sanitario, o xerente dixo que o Servizo Galego de Saúde ten a responsabilidade de ofrecer unha resposta organizada, multidisciplinar e centrada na persoa, xogando un papel fundamental a fisioterapia. 

 Parada Jorgal indicou que o enfoque puramente farmacolóxico é insuficiente e, ás veces, contraproducente. Os tratamentos activos, a educación terapéutica, a recuperación da funcionalidade e a implicación do paciente no seu propio proceso, son ferramentas de primeiro nivel para reducir a discapacidade asociada á dor. 

 Non se trata só de aplicar técnicas manuais ou exercicios, apuntou, senón que a fisioterapia ten un gran valor á hora e acompañar á persoa nun proceso de mellora no que ela mesma é protagonista. Este cambio de paradigma –pasar do paciente pasivo ao paciente activo– é coherente co que o Sergas está a impulsar, sinalou. 

 Abundou en que, cando se consigue que una persoa con dor crónica recupere función, reduza o consumo de analxésicos e volva participar da súa vida cotiá, o beneficio é dobre, posto que o paciente mellora o benestar, a saúde mental e a calidade de vida e, ademais, o Sergas reduce consultas reiteradas, evita probas innecesarias e diminúe o uso de recursos hospitalarios, o que mellora a eficiencia do sistema e libera capacidade para outros pacientes. 

 En consecuencia, subliñou José Ramón Parada, “os fisioterapeutas son unha peza  fundamental deste enfoque, xa que a súa formación e a súa capacidade para traballar con obxectivos de movemento, forza, mobilidade e ergonomía, fainos imprescindibles”. 

 “Pero ademais achegan algo que para o Sergas como sistema, é moi valioso: a proximidade ao paciente, seguimento continuado e capacidade para motivar cambios no estilo de vida”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario