27 de set. de 2025

TOMIÑO

Voces Novas amosa toda a súa solidariedade con Palestina  

  O grupo de participación infantil e xuvenil do concello impulsa a campaña ‘Tomiño con Palestina’ para apoiar a familias afectadas e animar ao boicot a empresas que financia o conflito  

  Coas doazóns recadadas axudan semanalmente a Saja, que convive coas 7 persoas da súa familia nunha tenda de campaña de 26 m2  


O grupo de participación infantil e xuvenil de Tomiño, Voces Novas, impulsou a campaña “Tomiño con Palestina”
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A solidariedade non entende fronteiras. O grupo de participación infantil e xuvenil de Tomiño, Voces Novas, impulsou a campaña “Tomiño con Palestina”, unha iniciativa que busca implicar á veciñanza na axuda directa ás persoas afectadas polo conflito palestino e fomentar accións de concienciación como o boicot a empresas que financian o xenocidio. 

 O proxecto céntrase en axudar a persoas con nome e apelidos que poñen nome e historias de vida ao xenocidio: Saja, unha muller que o grupo coñeceu a través de Instagram, e que convive coa súa filla Maryam, o seu marido Sari, o seu sogro, un irmán e dúas nenas pequenas nunha tenda de campaña de apenas 26 metros cadrados. Voces Novas mantén contacto diario con ela mediante dous grupos de WhatsApp, un de coordinación de organización e outro no que falan diariamente con Saja para coñecer as necesidades inmediatas, organizar doazóns semanais e asegurar que toda a axuda chegue directamente á familia. O QR de acceso aos grupos de WhatsApp está dispoñible no perfil de Instagram de Voces Novas, nunha publicación anclada en segundo lugar con información sobre o grupo de axuda a Saja.  

 Para colaborar, as persoas interesadas poden facer doazóns no enlace á plataforma GoFundMe que atoparán no perfil de Instagram de Voces Novas, unha plataforma amplamente utilizada polas familias palestinas. Ademais, para achegar o seu gran de area, os rapaces e rapazas de Voces Novas crean e venden material solidario, como chaveiros e pulseiras coa bandeira palestina, co que ata agora recadaron 122 euros, xa remitidos a Saja. 

 Voces Novas anima á cidadanía a sumarse aos grupos de WhatsApp, a participar na recadación de fondos e a colaborar na difusión da campaña, apoiando así unha iniciativa que combina acción directa, conciencia social e solidariedade internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario