Talento Xove 2025 chega á Guarda para mellorar a empregabilidade da mocidade
• O programa ofrece formación en comunicación dixital e responsable de comunidade de internet
Infogauda / A Guarda
O Programa Talento Xove 2025 arranca no concello de A Guarda co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais da mocidade que actualmente non está ocupada nin integrada en sistemas de educación ou formación.
A iniciativa, promovida pola Fundación Impulsarse xunto coa Cámara de Comercio e coa colaboración do Concello de A Guarda, aposta pola orientación vocacional, a formación especializada e o achegamento ao mundo laboral como ferramentas clave para impulsar o futuro profesional dos participantes.
Talento Xove 2025 articúlase en itinerarios personalizados que combinan orientación individual, formación en competencias clave e accións de contacto directo co mercado laboral. O obxectivo é facilitar a inserción laboral da mocidade en sectores emerxentes e con alta demanda, especialmente no ámbito da dixitalización, o comercio, o turismo e a industria creativa, garantindo así igualdade de oportunidades e impacto real no territorio.
O programa ofrece formación totalmente gratuíta e orientación laboral personalizada, dirixida á mocidade de 16 a 30 anos, desempregados/as e persoas inscritas na Garantía Xuvenil. As accións formativas xirarán arredor da comunicación dixital e redes (60h presenciais) e responsable de comunidade de internet (90h presenciais).
As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través de informacion@aguarda.es ou na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). O día 7 de outubro haberá unha xornada de presentación da formación que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro.
Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e xestionado pola Cámara de Comercio de España xunto coas Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario