29 de set. de 2025

TOMIÑO

Tomiño estrea unha aplicación para xestionar as entradas de eventos e actividades  

  A aplicación Sporttia permitirá reservar e mercar entradas, inscribirse en cursos e obradoiros e acceder a toda a programación cultural e deportiva do concello dende o móbil 

 


Infogauda / Tomiño

 A cultura e o deporte en Tomiño están agora a un só clic. Coa axenda cultural de outono ás portas, o Concello estrea unha nova canle dixital de xestión de eventos a través da aplicación móbil Sporttia, unha aplicación xa dispoñible para dispositivos iOS e Android que facilitará á veciñanza o acceso a toda a programación municipal. 

 Con esta ferramenta poderán reservarse e mercarse entradas para espectáculos de teatro, música, arte, danza ou calquera outro evento que se poña en marcha no concello, así como inscribirse nos cursos e obradoiros da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño ou nas actividades deportivas e musicais. Esta aplicación garante unha experiencia rápida e intuitiva que permitirá a todas as persoas usuarias xestionar a reserva de todas as actividades nun só dispositivo e cunha interface clara e accesible. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que con esta nova aplicación queremos facer máis doado á veciñanza participar da vida cultural, deportiva e social do concello. Esta app é un paso máis na nosa aposta pola modernización e dixitalización para que todas as persoas teñan á man todas as propostas de lecer e formación que se van poñendo en marcha dende o Concello”. 

 O funcionamento será sinxelo: abonda con descargar Sporttia dende a App Store ou a Play Store, rexistrarse e cubrir os datos de perfil, buscar o Concello de Tomiño e engadilo a favoritos no corazón verde. A partir de aí, as persoas usuarias poderán acceder á canle de eventos, elixir actividades, reservar prazas, realizar o pago e gardar o ticket de entrada no propio móbil. Para aquelas persoas que o desexen, nos eventos culturais que se celebren no auditorio municipal de Goián tamén se manterá a opción de mercar entradas de forma presencial dende unha hora antes do inicio de cada actividade no despacho de billetes. 

 Un novo xeito doado, intuitivo e a man para poder desfrutar da programación cultural, deportiva e social de Tomiño, cun gran abano de actividades innovadoras e cun forte compoñente social a través da que o Concello promove iniciativas feministas, a igualdade de oportunidades, a responsabilidade coa contorna, a conservación do patrimonio material e inmaterial galego e o fomento do pensamento crítico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario