A película “Héroes del medallón” vaise proxectar na vila
• Este sábado, 24 de maio, 20:00h, no Centro Cultural de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O Centro Cultural de A Guarda acollerá este sábado, 24 de maio, ás 20:00h, unha función da película “Héroes del medallón”, de Ángel Fernández Prado. Será unha proxección moi especial, a cal tamén acudirán o equipo artístico e técnico do filme, nos cales participan persoas de A Guarda, tanto no elenco artístico como no equipo técnico.
“Héroes del medallón” filmouse en diversos puntos de Galicia, entre eles A Guarda e Goián; e tamén en Valença do Minho (Portugal).
O filme baséase no famoso “Conto de Nadal” de Charles Dickens, mais tómase a licencia cinematográfica para actualizala con temas como a historia, o amor ou a familia.
A trama xira arredor dunha chamada misteriosa que recibe o grupo de amigos “Los Trotamundos”. A través dela, vivirán unha aventura única nas súas vidas, sobre o misterio dun medallón que lles axudará a ser heroes.
Trátase da película número 202 da produtora independente Boscovisión Producinema, o que resalta o seu compromiso e dedicación polo cine de proximidade e moi centrado na xuventude. Neste senso, o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero destaca que “é marabilloso ver como se implica a xente da Guarda, moitos deles mozos e mozas, en proxectos que apostan pola arte e tamén polo entretemento”.
“Héroes del medallón”
O pasado 16 de febreiro a película “Héroes del medallón” foi a gran triunfadora no Sundance Independent Film Festival 2025 levando os seguintes premios:
- Mellor película orixinal e montaxe.
- Actriz revelación: Gemma Loureiro.
- Actor revelación: Anxo Aldea
- Mellor actriz: Zaida González e Xiana Aldea
- Mellor actor: Roi López, Hugo Pino e Jorge Asenjo.
- Mellor repartición artística: Patri Rico, Cayetano Marcote, Iría Barros, Juanjo Aldea, Sofía González, Antonio Pires, Juan Lago (narrador).
Ademais levaron o Premio especial á Mellor imaxe, fotografía e cor no filme. Outorgado como premio especial fora dos da organización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario