13 de dec. de 2024

ECONOMÍA

A Inspección constata graves incumprimentos de Mercadona en prevención de riscos laborais 

•  A CIG-Servizos desenvolverá unha protesta en Redondela o xoves 19 na campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar o clima laboral na empresa 




Infogauda / Vigo  

 A Inspección de Traballo vén de emitir unha resolución requiríndolle a Mercadona que cumpra a normativa en prevención de riscos e corrixa as graves deficiencias detectadas a respecto tanto da formación nesta materia como da avaliación dos riscos psicosociais en centros de traballo da provincia de Pontevedra. Neste senso, a CIG-Servizos continuará coa súa campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar os altos ritmos de traballo, as faltas de respecto e o acoso ao persoal por parte da empresa e desenvolverá unha concentración en Redondela o vindeiro xoves 19. 

 Dende a central sindical lembran que dende que obtiveron representación no comité pontevedrés hai dous anos comezaron a reclamar o cumprimento da normativa en prevención. Primeiro no comité de seguridade e saúde -atopándose co bloqueo de UGT e CCOO en complicidade coa empresa- e posteriormente ante a Inspección de Traballo, “que agora urxe a Mercadona a tomar medidas inmediatas ante a gravidade dos feitos denunciados, xa que incumpren a metodoloxía recollida na normativa vixente”. 

 Primeiramente, a autoridade laboral céntrase no incumprimento da formación en prevención, indicando que a fórmula escollida pola empresa é “inapropiada” por ser só de dúas horas telemáticas e a parte práctica impartida por compañeiras/os de traballo, cando na realidade ten que ser impartida por persoal cualificado, como é unha persoa técnica en prevención de riscos laborais (PRL). 

 “A Inspección coincide coa CIG en que nun prazo de tres meses Mercadona debe de impartirlle ás máis de 1000 persoas traballadoras na provincia de Pontevedra unha formación que se axuste ao artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, garantindo unha formación teórica e práctica suficiente e adecuada”. 

 Seguidamente, a resolución fai mención aos riscos psicosociais que sofren as persoas traballadoras en Mercadona, xa que a empresa non ten avaliados os factores de risco psicosocial dende o ano 2019, polo que a autoridade laboral cualifica esta avaliación como “insuficiente”.  

 En consecuencia, e tal e como vén denunciado a CIG en numerosas ocasións na empresa e nos distintos comités, a Inspección tamén require unha avaliación destes riscos nos establecementos abertos nos últimos anos.  

 Na CIG consideran que existe unha relación directa entre estes incumprimentos e o actual clima laboral, caracterizado por altos ritmos de traballo, faltas de respecto, presión ante baixas médicas, acoso por parte das responsábeis dos centros de traballo, dificultades e chantaxe ás persoas que solicitan conciliación familiar, etc. 

 Ante estes feitos, a central estará “vixiante” para que a empresa cumpra “dunha vez” a normativa en PRL e en avaliación de riscos psicosociais, ao tempo que anuncia unha nova mobilización dentro da campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar a situación que padece o persoal. De xeito que o vindeiro xoves 19 de decembro desenvolverá unha concentración diante do Mercadona de Redondela ás á 11:00 horas. 

OIA

Nadal en Oia con actividades para todos os públicos   




Infogauda / Oia   

 A programación de Nadal do Concello de Oia comezará este sábado e, ao longo das vindeiras semanas, ofrecerá actividades para gozar en familia e con propostas pensadas para todos os públicos. O tradicional concerto de panxoliñas, obradoiros, espectáculos e unha charla serán algunhas das propostas deste ano, que tamén incluirán a anhelada visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis. 

 A programación navideña arrancará o sábado día 14 de decembro ás 20.00 horas na igrexa parroquial de Santa María de Oia, onde terá lugar o tradicional concerto de panxoliñas da man da Coral Polifónica Vagalume. Este ano acompañarán no concerto as corais polifónicas “María Auxiliadora” e “Amadeus”. 

 O venres 20 ás 18.30h, da man de Parroquias de Oia, virá o Carteiro Real ao Centro cultural de Viladeuso, onde os nenos poderán facer a súa postal de Nadal que logo entregarán ao Carteiro. A continuación os nenos da catequese cantarán un vilancico e posteriormente haberá unha merendola. 

 As actividades continuarán o día 24, coa visita de Papá Noel a distintos puntos do concello para recoller as cartas escritas polos nenos e nenas do concello. Os cativos e cativas que entreguen a súa carta participarán nun sorteo de lotes de libros (os escritos deberán incluír a idade e datos de contacto).  

 Na súa visita a Oia, Papá Noel fará o seguinte percorrido: eirado de Mougás (10h), centro cultural de Viladesuso (11h); centro cultural de Pedornes (12h); Praza Centinela, en Santa María de Oia (13h). En caso de choiva, trasladarase ao CEIP Mestre Manuel García), Escolas de Torroña (15.30h) e Praza de Loureza (16.30h).        

 O día 27 de decembro a música volverá a Oia, nesta ocasión vinculada a Santa Uxía, patroa da parroquia de Mougás, e con actividade organizada pola comisión de festas. Co gallo da antedita celebración de inverno, celebrarase o tradicional concerto da Banda Unión Musical de Mougás 20.30h no Centro Cultural. 

 O día 29 ás 18.30h o Centro Cultural de Mougás acollerá “A historia de Rata o Pirrata”, un divertido espectáculo teatral da compañía Olivas Negras dirixido a todos os públicos. A actuación terá lugar na Casa Cultural, dentro do programa “+ Escénicas” da Deputación de Pontevedra. 

 Co novo ano continuarán as propostas de cultura e lecer. Así, o 4 de xaneiro terá lugar o concerto “Cánticos de luz e Nadal” de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro, a cargo do programa “Entradiñas de Nadal” da Deputación de Pontevedra. A cita será na igrexa parroquial de Santa María de Oia ás 20h.  

Obradoiros e outras actividades  

 A programación de Nadal deste ano tamén inclúe outras actividades como obradoiros infantís, que se desenvolverán en horario de mañá para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares, e unha charla destinada a familias.  

 Así, o 23 de decembro haberá un taller de galletas de Nadal e bombóns nas Escolas de Torroña en horario de 10.00 a 13.00 horas. Para apuntarse cómpre chamar ao Concello ao teléfono 986 362 125. 

 Por outra parte, o 2 de xaneiro ás 18h desenvolverase a charla-concerto “Transformando vidas con propósito”, sobre adiccións e novas tecnoloxías, no Centro Cultural de Mougás. Correrá a cargo de Rubén de Lis, autor do libro “¿Cómo? convertir un vicio en beneficio”, e vai dirixida especialmente a familias.   

Cabalgata   

 Como colofón desta programación de Nadal, o día 5 de xaneiro terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades de Oriente chegarán a Oia xa pola mañá e pasarán toda a xornada percorrendo os distintos barrios e parroquias do municipio.  

 O itinerario comezará ás 11 horas na Portela e continuará por Mavia e Santa Comba (11.30h), praza de Acevedo (12h), praza de Loureza (12.30h), praza de Burgueira (13h) e a praza de Torroña (13.30h) durante a mañá. Xa pola tarde, sairá da casa cultural de Viladesuso (15h) e continuará cara a cultural de Pedornes (15.30h) para dirixirse posteriormente á Baixada ao Mosteiro, onde os reis estarán acompañados da Rondalla de Mougás (16.15h). Desde alí a comitiva trasladarase á igrexa parroquial de Santa María de Oia, onde haberá canto de panxoliñas e terá lugar a entrega de premios das postais da catequese. 

 Posteriormente, as Súas Maxestades serán agasalladas cunha recepción no CEIP Mestre Manuel García ás 17.15 horas, onde haberá agasallos, chocolatada e animación infantil. O fin de festa será na casa cultural de Mougás a partir das 19h.

 Cartel actualizado en data 17.12.2024.

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés retoma a competición en Valladolid 

• O equipo do Baixo Miño visita este sábado ás 19.00 horas ao Caja Rural Aula Valladolid, para recuperalo partido aprazado de oitava xornada 

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán sumalos dous puntos, o que lles permitiría recuperar provisionalmente o liderado na clasificación 

• Á baixa habitual de Elena Martínez súmase a ausencia de Estela Carrera por enfermidade 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés volve á carga este sábado tras un mes de parón. As de Ana Cristina Teixeira Seabra adiantaranse unha semana á volta oficial do calendario da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025 para recuperalo partido correspondente á oitava xornada, aprazado no seu momento por coincidencia coa competición europea. Farao visitando ao Caja Rural Aula Valladolid este 14 de decembro ás 19.00 horas no pavillón Huerta del Rey, nun encontro de alta tensión no que a vitoria permitiría ás da Guarda recuperalo liderado na clasificación. Á baixa habitual de Elena Martínez súmase Estela Carrera, ausente por motivo de enfermidade. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega a este encontro coas enerxías renovadas e enfocado de novo no obxectivo da Liga trala participación de varias das súas xogadoras nalgunhas competicións internacionais (Pauli Fernández e Jazmín Mendoza, no Torneo Sur Centro SCA coa Confederación Paraguaya e Blažka Hauptman, na EHF Euro con Eslovenia, todas elas dispoñibles para este sábado). O último partido ligueiro das de Ana Cristina Teixeira Seabra tivo lugar na Sangriña o pasado 12 de novembro ante o Elche, saldándose cunha traballada (e por momentos, axustada) vitoria das anfitrioas que lles permitiu recuperarse da que fora a súa primeira derrota da tempada, a semana anterior fronte a Bera Bera. 

 Pasado o baixón, as da Guarda buscarán en Valladolid estendela súa etapa de triunfos e manterse na loita polos postos máis altos da clasificación. E para iso contarán, ademais, co calor da súa afección, que viaxará tamén a Huerta del Rey tras confirmarse a saída do autobús especial organizado polo club con moitos esforzos por ambas partes. 

 Para iso, o plantel branquivermello asumirá novas ausencias. Á baixa xa habitual de Elena Martínez, que continúa en recuperación dunha rotura de ligamento cruzado e meniscos, súmase Estela Carrera, quen non poderá xogar este sábado debido a unha enfermidade. Polo demais, con María Sancha de volta na competición xa dende a última xornada, non hai baixas adicionais nas filas do Mecalia Atlético Guardés, que neste caso poderá reforzarse ademais coa xuvenil Yanet Rodríguez na portería. 

 Pola súa parte, o Caja Rural Aula Valladolid chegará ao encontro na novena posición clasificatoria, con tres vitorias, un empate e tres derrotas. Ás do adestrador Salvador Puig viviron un inicio de tempada marcado polas lesións e contan aínda con outro partido aprazado a maiores que recuperar, se ben puideron impoñerse sen dúbidas en dous dos tres encontros que recibiron na casa. Trátase dun rival con experiencia na categoría, contra o que non convén confiarse, e dende logo coas mesmas ganas que as visitantes de resarcirse das súas propias caídas e seguir sumando puntos. 

 O derradeiro choque entre Aula e Mecalia Atlético Guardés remóntase ao pasado mes de maio na Sangriña, precisamente cando as valisoletanas conseguiron arrebatarlle ao Mecalia Atlético Guardés á quinta praza ligueira nun axustado partido de eliminatoria (22-25). Polo demais, é un rival forte nas súas terras, que tamén se impuxera case pola mínima no último partido que compartiron ambos en Huerta del Rey (31-29, setembro de 2023, quinta xornada 2023/2024). 

 Por todo isto, as de Ana Cristina Teixeira Seabra tratarán de facelo propio e valerse do plus que significa a compañía de Pena do Inferno nun partido tan importante para seguir definíndose coma un dos pesos pesados da tempada. Sumar dous puntos suporía recuperar provisionalmente o liderado na clasificación, ao superar ao actual líder, Costa del Sol Málaga, tamén cun partido aprazado aínda pendente pola súa parte. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “O obxectivo principal é collelo noso ritmo e, sobre todo, cometer menos erros” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés coincide na dureza do rival, pero destacando igualmente o traballo das súas durante estas semanas. “Despois dun mes sen partidos volvemos á Liga con moitas ganas e cun rival que sempre nos causa moitas dificultades na casa. O equipo traballou moi duro e sabe o que vai atoparse”, explica. 

 Así mesmo, destaca a importancia de non confiarse e de manter a concentración, quizais o motivo polo que precisamente perigou en certos momentos a vitoria do último partido ante Elche. “O obxectivo principal é collelo noso ritmo, porque a nós tamén nos gusta correr, pero sobre todo, cometer menos erros”, indica. 

 Por outra banda, o seu cadro de xogadoras tamén tratará de potencialos acertos que as levaron a estar onde están tras este comezo de tempada. “En ataque queremos seguir tendo boas sensacións”, explica Ana Seabra, que conclúe: “Dende logo, imos loitar polos dous puntos, que son o noso obxectivo neste momento”. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 8 

Caja Rural Aula Valladolid – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 14 de decembro ás 19:00 horas 

Polideportivo Huerta del Rey (Valladolid)

En directo pola canle de YouTube do club Caja Rural Aula Valladolid.

A GUARDA

Volve a Carreira San Silvestre Guardesa

  O próximo 29 de decembro, ás 11:00 horas, no paseo marítimo de A Guarda   




Infogauda / A Guarda 

 A Sociedade Atlética do Trega e o Concello de A Guarda organizan esta edición da Carreira San Silvestre Guardesa, tradicional do Nadal, que se celebrará o próximo 29 de decembro de 2024, ás 11:00 horas, no paseo marítimo.  

 Celebrarase no entorno do porto do Guarda e será unha carreira apta para maiores e pequenos, sen desnivel. Por iso, desde á organización convidan ás familias a celebrar o nadal co deporte nunha actividade festiva. 

 O evento terá un percorrido circular duns 4 km polos paseos e sendas da costa, en dirección norte polo Museo do Mar ata Fedorento e a o sur, cruzando o porto, continuando un tramo pola senda litoral. Tamén haberá unha ruta paralela en formato andaina de 3 km.  

 A inscrición é gratuíta e poderá realizarse a través dos formularios correspondentes para carreira ou para andaina da web do Concello de A Guarda  ou no mesmo día unha hora antes da saída.  

 Esta edición volverá a colaborar con ACAPAN (Asociación de Cáncer de páncreas) en homenaxe a Dani González Adrover, con "Un sorriso que ilumine o mundo".

A GUARDA

O albergue municipal de A Guarda pechará durante  as semanas de Nadal   

 Nese período o Concello aproveita para realizar tarefas de mantemento das instalacións


Infogauda / A Guarda 

 No día de hoxe, o Concello de A Guarda vén de facer público que “ante a redución do número de peregrinos nestas datas de Nadal, o Albergue Municipal de Peregrinos permanecerá pechado do luns 16 de decembro ata o xoves 16 de xaneiro, abrindo novamente a partir do venres 17 de xaneiro.  

 Os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro debido aos días curtos, o empeoramento do tempo e as celebración do Nadal. Nestas semanas de peche do albergue aprovéitase para realizar tarefas de mantemento das instalacións

 Durante este 2024 aloxáronse 4.250 peregrinos, uns 150 peregrinos máis con respecto a 2023. O albergue ten unha capacidade para 36 persoas polo que moitos peregrinos escollen outros tipos de aloxamentos turísticos como os hoteis, especialmente nos meses de inverno”.  

 O Camiño Portugués da Costa segue a crecer, sendo notable a presenza constantes dos peregrinos que percorren as nosas rúas e tamén como reflexan os datos rexistrados na Oficina do Peregrino en Santiago con 74.500 peregrinos a día de hoxe, superando os 52.000 rexistrados en todo o 2023.

O ROSAL

Os ‘Venres Rebuldeiros’ regresan cun Nadal cheo de arte e aprendizaxe en inglés  

 O 20 de decembro a artista británica Esther Moe, guiará paso a paso unha clase de pintura navideña para público familiar   




Infogauda / O Rosal 

 Creatividade e idiomas mestúranse este Nadal no Rosal. O Concello pon en marcha unha nova sesión dos seus ‘Venres Rebuldeiros’, nesta ocasión cunha actividade  que busca espertar a imaxinación de cativada e maiores ao tempo que desenvolve as súas capacidades lingüísticas.  

 Será cun obradoiro dirixido pola artista británica Esther Moe Dowson, que o vindeiro 20 de decembro, ás 17.00 horas, no Centro Social Polivalente, ofrecerá unha completa experiencia de aprendizaxe artística en inglés apta para público familiar e par todos os niveis. As persoas participantes aprenderán paso a paso a crear un cadro de Nadal aplicando diversas técnicas artísticas mentres utilizan unha linguaxe clara e comprensible relacionada coa arte e co Nadal. A actividade comezará cunha demostración a cargo da artista, seguida dunha realización individual guiada de cada participante. A cita será de balde.  

 Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta “é unha oportunidade para que todos os rosaleiros e rosaleiras interesadas desenvolvan as súas capacidades artísticas mentres desfrutan dunha experiencia de inmersión lingüística en inglés natural e divertida. E facelo da man dunha recoñecida profesional como Esther Moe, cunha ampla traxectoria no campo do ensino e do arte, é un verdadeiro luxo”.  

 Esther Moe, veciña do Rosal dende 2007, é técnica superior en Artes Plásticas e Deseño, ademais de licenciada en Conservación e Restauración de Bens Culturais. Con case 30 anos de experiencia no ensino en inglés, está especializada en traballar con nenos e nenas, ofrecendo unha metodoloxía que combina profesionalidade, creatividade e proximidade. 

 As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no Concello ben de forma presencial ou ben chamando ao teléfono 986 625 000.

O ROSAL

O Rosal pon o foco nun ‘Nadal máis verde!’  

  O Concello organiza o obradoiro pensado para transformar as festas con sinxelos trucos eco  

  Sesión para persoas adultas e para crianzas o domingo 22 de decembro de 11 a 13 h. Necesaria inscrición previa   




Infogauda / O Rosal 

 O Rosal quere facer as súas festas máis sustentables. O Concello organiza o vindeiro domingo 22 de decembro o obradoiro ‘Un Nadal máis verde!’, unha iniciativa que busca concienciar e axudar á veciñanza a facer destas datas unha época máis respectuosa co medio ambiente e dar pulo tamén ao comercio local.  

 O obradoiro contará con dúas sesións, unha destinada a persoas adultas que terá lugar no Centro Social Polivalente e outra para nenos e nenas que se desenvolverá na Escola Simón do Mazo. Ambas citas serán de 11.00 a 13.00 horas totalmente de balde con inscrición previa no Concello de forma presencial ou chamando ao teléfono 986 625 000. 

 Co obxectivo de concienciar á veciñanza para aforrar, reducir, regalar e consumir local, o obradoiro ensinará técnicas sinxelas para darlle unha nova vida aos materiais que xa non se usan na casa, creando decoracións, agasallos e outros elementos de forma creativa e sostible. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “este tipo de iniciativas non só nos axudan a coidar o medio ambiente, senón que ademais nos permite descubrir a beleza da reutilización e aforrar durante estas festas”. 

 A rexedora animou a toda a veciñanza a participar, subliñando que “a sostibilidade é unha responsabilidade de todas e todos e con pequenos pasiños como este obradoiro de Nadal O Rosal segue o seu camiño para converterse nun concello máis verde”.

BAIONA / OIA

Luis López anuncia un investimento de preto dun millón de euros na mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2203 Baredo-EP Baiona-Loureza 

 O proxecto, financiado ao 80% pola Deputación, resolve unha demanda dos veciños de Baiona e contempla a creación de zonas de convivencia e sendas peonís nun tramo dun quilómetro desta estrada provincial 


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na rolda de prensa deste venres

Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Baiona / Oia

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa a aprobación dun novo convenio co Concello de Baiona, a través do cal se destinarán preto de un millón de euros para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial EP-2203 Baredo-EP Baiona-Loureza. Deste orzamento, a Deputación financiará o 80%, é dicir, 790.000 euros, e o Concello o 20% restante e o importe das expropiacións, que supón un total de 250.000 euros. Trátase dunha demanda que levaba facendo a veciñanza de Baiona e que mellorará o acceso aos distintos barrios de Baredo.

 A actuación terá lugar nun tramo próximo ao quilómetro, no que, na zona inicial se executará un área de convivencia entre o tráfico peonil e  motorizado e, no resto, executarase unha senda peonil, nos primeiros 100 metros na marxe dereita e, a continuación, na esquerda, ata conectar coa que xa existe na actualidade. Ademais, as obras completaranse con outras actuacións como a renovación do pavimento e das redes de pluviais, o soterramento da rede de alumeado, novas luminarias ou, entre outras, novos pasos de peóns sobreelevados e nova sinalización vertical e horizontal.  

 Luis López destacou que este é un paso máis na mellora das estradas provinciais, “dando unha maior seguridade viaria aos veciños e veciñas das provincia”, neste caso cun proxecto que contribuirá tamén a reducir as saídas de vía dos coches e os autobuses, principalmente o escolar que vai ao CEIP Fontes-Baíña.

O BAIXO MIÑO

JOSÉ MANUEL VAZ CARPINTEIRA DEBUTA COMO NOVO PRESIDENTE DA AECT RIO MINHO   

O director ata o momento, Roberto José Álvarez Carrero, será o novo vicedirector   


José Manuel Vaz Carpinteira, presidente da Cámara Municipal de Valença, asume o posto de director do Consello Coordinador da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Minho
Foto: AECT Río Minho

Infogauda / O Baixo Miño

 O Consello Coordinador da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Minho reuniuse a pasada tarde para renovar os cargos directivos do Consello Coordinador da agrupación tal e como establencen os seus estatutos.  

 A renovación de cargos realízase cada dous anos, sendo elexidos o director e o vicedirector de forma alterna pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Deputación de Pontevedra.  

 Nesta ocasión, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, asume o posto de director e, da mesma forma, Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do municipio de A Guarda,  ostentará o cargo de vicedirector.  

 Deste xeito, José Manuel Vaz Carpinteira é agora o director do Consello Coordenador e o actual deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais e alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, o novo vicedirector.  As vogalías ocupáas a alcaldesa de Ponteareas, María Nava Castro Domínguez e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Pedro Teixeira Ferreira.  

 José Manuel Vaz Carpinteira asegurou que “o mandato de director da AECT Río Minho que agora se inicia é unha honra e, á vez, unha responsabilidade, tendo no horizonte fortalecer os lazos de amizade que unen aos municipios dos dous lados do río Miño”.  

 Así, Vaz Carpinteira augurou que “será un período desafiante para aproveitar as oportunidades de financiamento do Interreg España-Portugal, impulsando proxectos determinantes para a cooperación transfronteiriza e o desenvolvemento da nosa rexión”.  

 Ademais, o novo director insistiu en que “aquí comungamos diariamente cos valores de Europa en canto ás relacións socioeconómicas establecidas e a AECT Río Miño será sempre unha entidade que se sitúe á vangarda da promoción de políticas de cohesión territorial no ámbito transfronteirizo”.  

AECT Río Minho 

 A AECT Río Minho consolidouse no ano 2018, e abarca un total de 26 concellos, 10 deles no territorio luso pertencente á Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e 16 no territorio galego dentro da provincia de Pontevedra con conexión co río Miño.   

 A zona de actuación abrangue máis de tres mil quilómetros cadrados de superficie e 375.995 habitantes.  

 O seu obxectivo principal é contribuir no desenvolvemento e reforzo da cohesión económica e social do territorio que abarca.  

TUI

A maxia do Nadal prosegue esta fin de semana en Tui 

  A Rondalla Santa Eulalia, de Atios, actuará o domingo. Prosegue o Mercado de Nadal e o Taller Máxico de Papá Noel  




Infogauda / Tui

 Esta fin de semana Tui segue a vivir a maxia do Nadal con música, obradoiros, mercado de Nadal, taller de Papá Noel e o tren turístico da Eurocidade.   

 Esta tarde novos postos presentarán os seus produtos no Mercado de Nadal, no Paseo da Corredoira, que inicia hoxe a segunda quenda desta actividade na que se incorporan NC Jóias, Diente de León 84, Sol Naciente, Los dulces de Albita, Recanto das Laranjeiras, Breaktime.art, Regal-arte-artesanías, Los libros del salvaje, Lulinto e Atelier dos miminhos. Amais continúan os postos de Isa y Loles Artesanía, Club de Patinaxe Ribex, Mel Niño do Corvo, Meigas do Arte, Aloia Protectora de animais, Arte das Meigas e Mari fastudo. A gastronomía segue a estar presente con Churrería chocolatería Patry, con Arte das Meigas, o furgón gastronómico París Dakar  Food truck e venda de castañas asadas. Hoxe venres abrirá a partir das 17 h até ás 21 h, e tanto mañá coma o domingo abrirá de 12 a 14 h e pola tarde de 17 a 21 h, pechando o domingo ás 21 h.   

 A maxia dos elfos e do propio Papa Noel transformou o edificio da praza da Inmaculada nun gran taller que está a facer as delicias de pequenos e maiores cunha coidada decoración que nos transporta até Laponia. Hoxe venres abre de 17 a 20 h e s’ábado e domingo de 12 a 14 h e de 17 a 20 h.  

 As rúas de Tui transformáronse nestas datas grazas á decoración e tamén á iluminación que podemos ir descubrindo en cada paso.  O Tren Turístico da Eurocidade funcionará esta fin de semana, de novo de forma gratuíta grazas ao financiamento do Concello de Tui e da Cámara de Valença, unindo os dous conxuntos históricos tamén coa maxia deste Nadal. As saídas hoxe venres, mañá sábado e o domingo dende a praza da Inmaculada serán ás 11 h, 12 h, 13 h, 16.30 h, 18 h e 19.30 h. Estes horarios poden sufrir alteracións en función do tráfico.  

 No Mercado de San Antonio desenvolverase mañá sábado un obradoiro de postais de Nadal en acuarela con Gemma Marqués Redondeo, para o que é preciso inscribirse en turismo@tui.gal.  

 Se na fin de semana inaugural desta programación foi a rondalla tudense O Mosteiro, de Pexegueiro,  a encargada de levar a música ás rúas, este domingo será a quenda da Rondalla Santa Eulalia, de Atios, que iniciará o seu percorrido ás 18.30 h na rúa Lugo para ir até a Corredoira e rematar a súa actuación no praza de San Fernando, aos pes da Catedral.   

 Mentres o próximo luns, 250 alumnos e alumnas, dos CEIP’s de Guillarei, nº 1, nº 2, Pazos de Reis, Randufe e Rebordáns, levarán as panxoliñas até o Teatro Municipal ás 12 h nunha iniciativa conxunta destes centro educativos que contan co apoio do Concello de Tui.   

 A maxia do Nadal continuará con todas estas iniciativas ao longo da fin de semana en Tui.

PONTEVEDRA

A Deputación espalla a música tradicional de Nadal pola provincia co ciclo de concertos Entradiñas de Aninovo 

• As actuacións terán lugar entre decembro e xaneiro en espazos culturais e patrimoniais dos concellos de Agolada, Arbo, Baiona, Bueu, Dozón, A Estrada, A Guarda, A Lama, Mondariz, Oia, Ponteareas, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga e Vilagarcía de Arousa




Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra programa Entradiñas de Aninovo, un ciclo de 17 concertos en espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia cun repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia que se desenvolverá entre decembro e xaneiro. O ciclo comeza este mesmo sábado 14, da man de agrupacións corais e artistas con vínculos coa provincia e que non participan no resto de programación cultural da institución provincial.  

 A primeira actuación do ciclo será da man de María do Ceo, o sábado 14 de decembro na igrexa de Santa Baia (Mondariz) ás 20:30 horas. María do Ceo tamén actuará o domingo 12 de xaneiro na Guarda, na igrexa de Santa María ás 20:00 horas. Pola súa banda o Coro Gli Appassionati ofrecerá dúas actuacións, o domingo 15 de decembro no Auditorio do centro multiúsos de Arbo ás 18:00 horas e o venres 20 de decembro no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas ás 19:30 horas.  

 A seguinte actuación será o sábado 21 de decembro da man da Banda de Música Municipal de Agolada, que actuará no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares de Agolada, nesta ocasión acompañada da súa escola de música. O ensemble de Vento e Percusión da banda actuará no Auditorio da Azucreira de Portas o domingo 22 de decembro ás 18:30 horas, e tamén o domingo 29 de decembro na nave do polígono industrial de Dozón ás 17:00 horas.  

 Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro ofrecerán dúas actuacións, o domingo 22 de decembro no Auditorio da Azucreira de Portas ás 18:30 horas e o sábado 4 de xaneiro na Igrexa do Mosteiro de Oia ás 20:00 horas. Pola súa banda, o coro Tolemia’s Consort tamén actuará en dúas ocasións, o sábado 28 de decembro na Igrexa Novo Templo de Sanxenxo ás 20:30 horas e na igrexa do Convento de Vista Alegre de Vilagarcía de Arousa o venres 3 de xaneiro.  

 A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra tamén celebrará dous concertos no marco deste ciclo, o primeiro deles o domingo 29 de decembro no Teatro Principal da Estrada ás 19:30 horas e o segundo o sábado 11 de xaneiro na excolexiata de Santa María de Baiona, ás 20:00 horas. Ademais, o sábado 4 de xaneiro, terá lugar unha actuación lírica de Dania Diva na igrexa de San Salvador da Lama ás 19:00 horas.  

 Por último, o Ballet de Galicia ofrecerá tres actuacións: o venres 10 de xaneiro no Centro Social do Mar de Bueu, o sábado 11 de xaneiro no Auditorio municipal de Valga ás 19:00 horas e, finalmente, o domingo 12 de xaneiro no Auditorio municipal de Ribadumia ás 19:00 horas.  

 O ciclo Entradiñas de Aninovo é unha actividade posta en marcha pola Deputación de Pontevedra por vez primeira este ano. Cun orzamento de 60.000 euros, súmase ás actividades programadas no Castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais) para festexar O Noso Nadal.   

PONTEVEDRA

Luis López detalla que a Deputación mellorará en 2025 as axudas a asociacións veciñais e comunidades de augas, con máis orzamento, menos burocracia e ata 6.000 euros para legalizar traídas de augas 

  Trátase do novo programa +Novaqua, que conta con 100.000 € para legalizar as traídas de auga, e a segundas edicións de +Aqua e do Plan Provincia Comunitaria, dotados con 1,15 millóns de euros cada un 


Imaxe da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra celebrada hoxe
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra 

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou hoxe a institución provincial destinará no 2025 2,4 millóns de euros para apoiar o labor dos colectivos veciñais e das comunidades de auga da provincia a través de tres proxectos: o novo programa +Novaqua, que conta con 100.000 euros para legalizar as traídas de auga, e as segundas edicións de +Aqua e doPlan Provincia Comunitaria, dotados con 1,15 millóns de euros cada un, 150.000 € máis que no 2024. “Continuamos saldando unha débeda histórica da Deputación co tecido asociativo da provincia, que levaba oito anos abandonado”, asegurou López.  

 Segundo detallou o presidente, “estes tres plans supoñen un maior orzamento para o tecido asociativo da provincia, cun 20% máis que o reflectido inicialmente o pasado ano; chegarán a máis beneficiarios e suporán máis axudas”. Entre as principais novidades do plan, Luis López explicou que, ademais do apoio á legalización de traídas, concederanse ata 600 euros para gastos de xestión e para financiar taxas e a tramitación será máis simplificada, “con formularios optimizados e memorias máis simples para reducir ao máximo o papeleo”.  

 En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde ao novo plan +Novaqua, que busca contribuír á mellora da calidade de vida local e satisfacer as necesidades básicas da poboación. Ao abeiro deste programa, as comunidades de auga recibirán achegas de entre 2.000 e 6.000 euros para axudar a financiar os custos de legalización das traídas. Entre as actuacións subvencionables inclúense a redacción do proxecto, a realización de analíticas, os traballos de topografía, os gastos de xestión e tramitación e as taxas.  

 Ademais, aprobouse unha nova edición de +Aqua, dotado no 2025 con 1,15 millóns de euros, 150.000 euros máis que en 2024. Trátase dun Plan que vai destinar ás comunidades de auga axudas de entre os 6.000 e 10.000 euros para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga; mellorar os sistemas de tratamento e impulsar calidade da auga; legalizar novas concesións ou renovar as existentes e mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.  

 Tamén se aprobou o Plan Provincia Comunitaria 2025, dotado tamén con 1,15 M €, 150.000 euros máis que en 2024, nunha primeira edición que beneficiou a un total de 170 asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións, así como asociacións de mulleres rurais de 44 concellos da provincia. De cara ao 2025 as entidades poderán beneficiarse de achegas de entre 6.000 e 10.000 €, coas que poderán executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais, en infraestruturas nas que desenvolven as súas actividades ou en espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos seus fins. Ademais, tamén adquirir novos equipamentos, mobiliario ou dispositivos informáticos, acústicos e audiovisuais.  

 Nos tres casos o prazo para solicitar estas axudas comezará ao día seguinte da publicación das bases no BOPPO, que será proximamente, e finalizará o 17 de marzo de 2025, 15 días máis que no 2025. “Continuamos avanzando da man do tecido asociativo para construír unha provincia con máis futuro, chea de oportunidades e de moita prosperidade para todos”, confirmou o presidente da Deputación. 

ECONOMÍA

A CIG pasa á ofensiva contra o abuso de ERTE e a contratación fraudulenta na automoción 

  Desenvolverá unha asemblea de delegados/as do sector e unha concentración posterior diante da delegación da Xunta en Vigo, o vindeiro mércores día 18 


Imaxe dunha xornada de protesta de persoal do sector da automoción galega
Foto: CIG

Infogauda / Vigo  

 Tal e como se anunciou na xornada de folga convocada pola CIG na automoción galega o pasado 28 de novembro, a campaña posta en marcha pola federación de Industria en defensa do emprego e dunhas condicións laborais dignas no sector continúa. Nesta ocasión a central sindical centrará as súas reivindicacións no abuso dos ERTE e na contratación fraudulenta, cuestións que abordará nunha asemblea de delegados/as o vindeiro mércores 18 de decembro. A cuxo remate desenvolverá ás 12:00 horas, unha concentración diante da delegación da Xunta de Galiza, en Vigo. 

 Na CIG-Industria ven con preocupación como nos últimos días algunhas das principais empresas do sector -entre elas Stellantis, OP Mobility ou Faurecia Asientos- están a confirmar a presentación de novos ERTE. “Algúns de 40 días, pero outros de até 100; polo que de 210 días de traballo anual estamos falando que moitas persoas traballadoras van pasar case a metade en ERTE, o que nos parece unha auténtica barbaridade”, denuncia o secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas. 

 Máis aínda cando as causas que motivarían esta medida non existen, tal e como sosteñen dende a CIG. “O que fan as empresas é usalos para flexibilizar as xornadas de traballo, afondando na precarización e impedindo o dereito de conciliación”. Neste senso, sinalan o papel que está a xogar Stellantis neste proceso de deterioro das condicións laborais no sector, “xa que as compañías que non implantan este modelo non poden ser clientes súas”. Polo que está a impoñer unhas condicións “salvaxes” no conxunto da industria galega do automóbil coa “escusa” da competitividade. 

 A central sindical entende que a maioría dos ERTE están a saír adiante en fraude de lei, polo que insta a Consellaría de Emprego e a Inspección de Traballo “a velar para que remate esta práctica e se fagan informes negativos”. Ao mesmo tempo, lembran que a situación é consecuencia directa do sistema de ERTE “á carta” implementado polo Ministerio de Traballo durante a pandemia, “un sistema que polo que se ve veu para quedarse, e que o único que fai é pagar con diñeiro público as paradas da produción de Stellantis”. 

 Outro dos cabalos de batalla da CIG no sector é rematar coa contratación fraudulenta a través de ETT, “cuxo abuso denunciaremos diante da Consellaría e da autoridade laboral, xa que se están a cubrir como norma ducias de postos fixos nas empresas mediante persoal eventual”. 

 O secretario nacional da CIG-Industria incide tamén na responsabilidade da Xunta en todo o que está a acontecer no sector como consecuencia da falta dunha política industrial de país. “O último exemplo témolo na recente visita do presidente Rueda á planta viguesa de Stellantis para mendigar que lle digan cales son os plans da empresa, cando debera ser ao revés: el tería que convocar a dirección da empresa para trasladarlle o plan da Administración autonómica para garantir o futuro da automoción”.  

 Neste senso, Bouzas critica que as únicas declaracións do presidente galego tras o encontro cos responsábeis de Stellantis se limitasen a gabar a “competitividade” da empresa e a anunciar novas axudas millonarias “cando nada se sabe aínda dos proxectos que ten pensado levar a cabo en Vigo e xa se confirmou que a megaplanta de baterías vai para Zaragoza”. 

 Mais o responsábel sindical tamén pon o foco na Lei de Industria estatal que vén de ser aprobada, xa que obriga as empresas a devolver as subvencións unicamente se deslocalizan fóra da ‘zona euro’ e non vinculan estas axudas ao mantemento dos postos de traballo. Ao tempo que non contempla nin unha soa liña de actuación para consolidar e ampliar o papel principal do sector público ante as ameazas que enfronta a industria, nomeadamente a da automoción.

COOPERACIÓN

Galicia e o Norte de Portugal reforzan a súa colaboración no eido da I+D+i 

 O conselleiro de Ciencia participa na presentación da Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal ata 2027 


Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asistiu hoxe ao foro de presentación da Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T) para o período 21-27, celebrado en Arcos de Valdevez (Portugal) 
Foto X.G.

Infogauda / Arcos de Valdevez

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao foro de presentación da Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T) para o período 21-27, celebrado en Arcos de Valdevez (Portugal) e organizado pola CCDR NORTE, a Xunta de Galicia e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. No acto, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDRN), António Cunha, e o conselleiro de Ciencia do Goberno galego firmaron un acordo de colaboración para a implementación desta estratexia ata 2027 en materia de innovación.  

 Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a capacidade transformadora da cooperación transfronteiriza en materia de I+D+i e o poder tractor de talento e financiamento, como demostran os resultados da estratexia anterior para o período 14-20, que mobilizou 492 millóns de euros, fronte aos 360 M€ marcados como obxectivo.  

 O titular de Ciencia informou da vontade de reforzar e impulsar esta colaboración, que é pioneira no conxunto de Europa, sendo a única estratexia de especialización intelixente transfronteiriza. De feito, apuntou que a RIS3T segue a ser o marco idóneo para fortalecer as comunidades de Galicia e Norte de Portugal, actualizando os obxectivos e prioridades aos novos desafíos comúns e mantendo o efecto positivo sobre o tecido produtivo da Eurorrexión.  

 Por último, Román Rodríguez agradeceu a participación de todos os axentes implicados tanto no desenvolvemento da estratexia anterior como na definición da actual e animounos a seguir traballando na construción dunha marca propia de I+D+i para manter a posición da Eurorrexión como referente nesta materia.  

 O Foro RIS3T sobre a Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, ao igual que a elaboración da estratexia, está financiado polo Programa de cooperación transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, a través do proxecto GOBERNANZA_GNP, liderado pola AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.  

Difusión tamén en Italia 

 Precisamente esta semana a estratexia tamén se deu a coñecer en Italia na Conferencia de Estratexias de Especialización Intelixente 2024, o evento de referencia para as partes interesadas nestas estratexias de todas as rexións dos Estados membros da UE. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou neste acto organizado pola Comisión Europea e a Conferencia das Rexións implicadas en colaboración coa Rexión Emilia-Romaña e co apoio do Concello de Rimini, onde abordou a importancia desta ferramenta aprobada pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Segundo sinalou, os contextos transfronteirizos ofrecen un significativo potencial de beneficios mutuos e implican un aumento das economías de escala e de alcance, ademais dunha mellor utilización das capacidades e do talento, e máis oportunidades para as empresas.