A CIG pasa á ofensiva contra o abuso de ERTE e a contratación fraudulenta na automoción
• Desenvolverá unha asemblea de delegados/as do sector e unha concentración posterior diante da delegación da Xunta en Vigo, o vindeiro mércores día 18
Infogauda / Vigo
Tal e como se anunciou na xornada de folga convocada pola CIG na automoción galega o pasado 28 de novembro, a campaña posta en marcha pola federación de Industria en defensa do emprego e dunhas condicións laborais dignas no sector continúa. Nesta ocasión a central sindical centrará as súas reivindicacións no abuso dos ERTE e na contratación fraudulenta, cuestións que abordará nunha asemblea de delegados/as o vindeiro mércores 18 de decembro. A cuxo remate desenvolverá ás 12:00 horas, unha concentración diante da delegación da Xunta de Galiza, en Vigo.
Na CIG-Industria ven con preocupación como nos últimos días algunhas das principais empresas do sector -entre elas Stellantis, OP Mobility ou Faurecia Asientos- están a confirmar a presentación de novos ERTE. “Algúns de 40 días, pero outros de até 100; polo que de 210 días de traballo anual estamos falando que moitas persoas traballadoras van pasar case a metade en ERTE, o que nos parece unha auténtica barbaridade”, denuncia o secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas.
Máis aínda cando as causas que motivarían esta medida non existen, tal e como sosteñen dende a CIG. “O que fan as empresas é usalos para flexibilizar as xornadas de traballo, afondando na precarización e impedindo o dereito de conciliación”. Neste senso, sinalan o papel que está a xogar Stellantis neste proceso de deterioro das condicións laborais no sector, “xa que as compañías que non implantan este modelo non poden ser clientes súas”. Polo que está a impoñer unhas condicións “salvaxes” no conxunto da industria galega do automóbil coa “escusa” da competitividade.
A central sindical entende que a maioría dos ERTE están a saír adiante en fraude de lei, polo que insta a Consellaría de Emprego e a Inspección de Traballo “a velar para que remate esta práctica e se fagan informes negativos”. Ao mesmo tempo, lembran que a situación é consecuencia directa do sistema de ERTE “á carta” implementado polo Ministerio de Traballo durante a pandemia, “un sistema que polo que se ve veu para quedarse, e que o único que fai é pagar con diñeiro público as paradas da produción de Stellantis”.
Outro dos cabalos de batalla da CIG no sector é rematar coa contratación fraudulenta a través de ETT, “cuxo abuso denunciaremos diante da Consellaría e da autoridade laboral, xa que se están a cubrir como norma ducias de postos fixos nas empresas mediante persoal eventual”.
O secretario nacional da CIG-Industria incide tamén na responsabilidade da Xunta en todo o que está a acontecer no sector como consecuencia da falta dunha política industrial de país. “O último exemplo témolo na recente visita do presidente Rueda á planta viguesa de Stellantis para mendigar que lle digan cales son os plans da empresa, cando debera ser ao revés: el tería que convocar a dirección da empresa para trasladarlle o plan da Administración autonómica para garantir o futuro da automoción”.
Neste senso, Bouzas critica que as únicas declaracións do presidente galego tras o encontro cos responsábeis de Stellantis se limitasen a gabar a “competitividade” da empresa e a anunciar novas axudas millonarias “cando nada se sabe aínda dos proxectos que ten pensado levar a cabo en Vigo e xa se confirmou que a megaplanta de baterías vai para Zaragoza”.
Mais o responsábel sindical tamén pon o foco na Lei de Industria estatal que vén de ser aprobada, xa que obriga as empresas a devolver as subvencións unicamente se deslocalizan fóra da ‘zona euro’ e non vinculan estas axudas ao mantemento dos postos de traballo. Ao tempo que non contempla nin unha soa liña de actuación para consolidar e ampliar o papel principal do sector público ante as ameazas que enfronta a industria, nomeadamente a da automoción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario