Toxal recibe a visita dunha delegación de Usbequistán para coñecer o seu uso da xeotermia
Xenia Carballas/Salcidos (A Guarda)
Floricultura Toxal, especializada na produción de flor cortada e plantas ornamentais e parte do grupo Veraleza, recibiu onte a visita dunha delegación de Usbequistán, dentro dunha misión comercial organizada pola Embaixada de Usbequistán en España, interesada en coñecer de primeira man o funcionamento dos sistemas de xeotermia utilizados pola compañía.
O interese da delegación centrouse especialmente en coñecer a aplicación da xeotermia para optimizar procesos agrícolas e reducir o consumo enerxético. Floricultura Toxal climatiza parte dos seus invernadoiros mediante enerxía xeotérmica, un sistema limpo e constante que permite reducir drasticamente a pegada de carbono da súa actividade. Este modelo enerxético valeulle en 2025 o Premio Nacional á Promoción da Xeotermia na categoría de Edificación Singular.
A empresa conta tamén con enerxía fotovoltaica mediante placas solares que complementan o sistema enerxético e reforzan a súa aposta polas enerxías limpas. Ademais, utiliza substratos reciclados, desinfectados con vapor a 160 °C sen produtos químicos, favorecendo unha contorna máis saudable para as plantas e o medio ambiente.
Grazas ao uso combinado de xeotermia e enerxía solar fotovoltaica, biomasa, Veraleza logra reducir ao redor dun 50% o consumo enerxético das súas instalacións e diminuír as emisións asociadas á actividade agrícola, avanzando cara a un modelo máis eficiente e sostible.
A visita ás instalacións de Floricultura Toxal da delegación uzbeka supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido polo grupo no ámbito da innovación enerxética aplicada ao sector agrario e reforza a súa aposta polas enerxías renovables.
Ningún comentario:
Publicar un comentario