BALONMÁN FEMININO
O Guardés vai a polo primeiro asalto polo título europeo
• O equipo baixomiñoto visitará este domingo (16.00 horas) ao MSK IUVENTA Michalovce de Eslovaquia para disputar a ida da final da EHF European Cup
• As 16 xogadoras teñen por diante este venres 14 horas de viaxe ata Michalovce, onde mañá sábado poderán adestrar e coñecer a cidade
• A loita definitiva polo título será unha semana despois, o domingo, 24 de maio ás 19.00 horas na Sangriña
Redacción Deportes/A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés busca pechar a tempada cumprindo un soño. Un soño, e unha ocasión histórica, pois o equipo baixomiñoto xógase esta fin de semana a conquista do segundo título da historia do Club, e o primeiro dunha competición continental tanto para elas coma para un conxunto galego en xeral. A final da EHF European Cup ábrese este domingo (16.00 horas) en Eslovaquia, entre un Guardés que chega tan mentalizado e motivado coma o MSK IUVENTA Michalovce que atopará de fronte. Viaxaron as 16 xogadoras durante todo este venres para asentarse na cidade o sábado e dalo todo este domingo sobre a pista do Chemkostav Arena. A loita definitiva polo título será o domingo, 24 de maio ás 19.00 horas na Sangriña.
As de Ana Seabra chegan con ganas e convencidas de que son capaces de facer algo grande. Así o probaron a pasada fin de semana en Donostia, tras un paso pola XLVII Copa da Raíña case perfecto no que quedaron ás portas da gloria por segunda vez na historia do Club. Pero non hai nada que empane ese subcampionato e esa final, nin o feito de que o equipo baixomiñoto conseguira chegar ao derradeiro chanzo polo título e asegurar, cando menos, a prata en dúas das tres competicións nas que tomou parte este curso; polo que o mérito e o contexto son as principais conclusións a extraer da derrota ante un Super Amara Bera Bera anfitrión e con máis recursos na final do pasado domingo (26-21). De final en final, chega agora o momento de ter a derradeira palabra da tempada para facerse, por fin, cun ouro do que está pendente non só toda a vila guardesa, senón o deporte galego en todo o seu conxunto.
A primeira oportunidade para camiñar cara a esa dirección comeza esta fin de semana. E non será un camiño de rosas. Pois aínda que o Mecalia xa só se centra nesta única competición, o periplo para viaxar a Michalovce engade este domingo unha dificultade extra que tocará tratar de disipar na pista: 14 horas de viaxe sumando avión e autobús para chegar á cidade eslovaca este venres pola noite e gozar, o sábado, dunha última xornada de instalación, ximnasio e adestramento in situ, primeira toma de contacto co Chemkostav Arena incluída.
Unha experiencia de viaxe que, de novo, pasarán as 16 xogadoras do cadro de persoal, todas elas dispoñibles para saltar ao 40x20 a falta dos designios de Ana Seabra. Nas tres xornadas copeiras, esixentes dende o minuto 0 ao 60 (ou ao 70, no caso da semifinal), non se reincorporou aínda ao xogo Cristina Cifuentes, recentemente recuperada da súa lesión a tódolos efectos, polo que pode que esta final europea sexa tamén a ocasión do seu regreso ás pistas.
Polo demais, folga dicir que o maior obstáculo consistirá nun MSK IUVENTA Michalovce que gañou a pulso chegar a esta final europea. As eslovacas asaltaron a semifinal hai tres semanas na súa propia casa, onde lograron remontar os cinco goles de vantaxe cos que o Bursa Büyüksehir turco partira do primeiro encontro (34-29 na ida, 25-19 na volta; 53-54 o global), principalmente grazas á actuación dunha Iryna Yablonska que superou o 51% baixo paus, con 19 paradas, e á cal o Guardés deberá ter moi en conta nesta eliminatoria decisiva.
Así mesmo, outro dos puntos fortes deste Club que, coma o Guardés, busca coroarse na súa segunda final na competición (caeu en 2024 ante o Atticgo BM Elche), está no seu ataque rápido e compensado, liderado polo tiro exterior das súas estremos Martina Popovcová e Aline Bieger, así coma a lateral Karina Soskyda. Tres grandes goleadoras que destacan nun equipo con moita calidade individual e que buscará este domingo facerse grande na súa casa para poñer as cousas difíciles a un equipo baixomiñoto que, pola súa parte, tratará de forzar que A Sangriña poida ter a derradeira palabra nesta ilusionante loita dentro dunha semana.
Ana Seabra: “Temos moitas ganas de conquistar este derradeiro reto da tempada pero sabemos que ao outro lado haberá un equipo con recursos”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, valorou este “derradeiro reto da tempada” coma unha oportunidade que o seu equipo “ten moitas ganas de disputar e de conquistar”, pero que non será sinxela. Unha loita pola Copa europea na que “tamén sabemos que ao outro lado hai un equipo motivado e cos seus recursos”, explicou, dando coma sempre importancia e respecto ao traballo dun rival que foi tan capaz de chegar ata aquí coma as súas.
A folla de ruta, polo demais, está clara: “Temos que facer, coma principal obxectivo, un bo partido en Eslovaquia que traia a competición viva á casa”. E, feita a exploración e analizadas as formas de conseguilo, non hai máis secreto ca ese. O que queda, para a técnica, é a emoción por poder escribir un capítulo máis na historia do equipo e do deporte, algo para o que “hai que traballar e preparar ben estes dous partidos”. “A ver que pasa, pero a ilusión e as ganas que temos son moi grandes”, concluíu a preparadora guardesa.
AXENDA
EHF European Cup | Final - IDA
MSK IUVENTA Michalovce – Mecalia Atlético Guardés
Domingo, 17 de maio | 16.00 horas | Chemkostav Arena (Michalovce, Eslovaquia)
Retransmisión: https://agalega.gal

Ningún comentario:
Publicar un comentario