13 de dec. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés retoma a competición en Valladolid 

• O equipo do Baixo Miño visita este sábado ás 19.00 horas ao Caja Rural Aula Valladolid, para recuperalo partido aprazado de oitava xornada 

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán sumalos dous puntos, o que lles permitiría recuperar provisionalmente o liderado na clasificación 

• Á baixa habitual de Elena Martínez súmase a ausencia de Estela Carrera por enfermidade 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés volve á carga este sábado tras un mes de parón. As de Ana Cristina Teixeira Seabra adiantaranse unha semana á volta oficial do calendario da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025 para recuperalo partido correspondente á oitava xornada, aprazado no seu momento por coincidencia coa competición europea. Farao visitando ao Caja Rural Aula Valladolid este 14 de decembro ás 19.00 horas no pavillón Huerta del Rey, nun encontro de alta tensión no que a vitoria permitiría ás da Guarda recuperalo liderado na clasificación. Á baixa habitual de Elena Martínez súmase Estela Carrera, ausente por motivo de enfermidade. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega a este encontro coas enerxías renovadas e enfocado de novo no obxectivo da Liga trala participación de varias das súas xogadoras nalgunhas competicións internacionais (Pauli Fernández e Jazmín Mendoza, no Torneo Sur Centro SCA coa Confederación Paraguaya e Blažka Hauptman, na EHF Euro con Eslovenia, todas elas dispoñibles para este sábado). O último partido ligueiro das de Ana Cristina Teixeira Seabra tivo lugar na Sangriña o pasado 12 de novembro ante o Elche, saldándose cunha traballada (e por momentos, axustada) vitoria das anfitrioas que lles permitiu recuperarse da que fora a súa primeira derrota da tempada, a semana anterior fronte a Bera Bera. 

 Pasado o baixón, as da Guarda buscarán en Valladolid estendela súa etapa de triunfos e manterse na loita polos postos máis altos da clasificación. E para iso contarán, ademais, co calor da súa afección, que viaxará tamén a Huerta del Rey tras confirmarse a saída do autobús especial organizado polo club con moitos esforzos por ambas partes. 

 Para iso, o plantel branquivermello asumirá novas ausencias. Á baixa xa habitual de Elena Martínez, que continúa en recuperación dunha rotura de ligamento cruzado e meniscos, súmase Estela Carrera, quen non poderá xogar este sábado debido a unha enfermidade. Polo demais, con María Sancha de volta na competición xa dende a última xornada, non hai baixas adicionais nas filas do Mecalia Atlético Guardés, que neste caso poderá reforzarse ademais coa xuvenil Yanet Rodríguez na portería. 

 Pola súa parte, o Caja Rural Aula Valladolid chegará ao encontro na novena posición clasificatoria, con tres vitorias, un empate e tres derrotas. Ás do adestrador Salvador Puig viviron un inicio de tempada marcado polas lesións e contan aínda con outro partido aprazado a maiores que recuperar, se ben puideron impoñerse sen dúbidas en dous dos tres encontros que recibiron na casa. Trátase dun rival con experiencia na categoría, contra o que non convén confiarse, e dende logo coas mesmas ganas que as visitantes de resarcirse das súas propias caídas e seguir sumando puntos. 

 O derradeiro choque entre Aula e Mecalia Atlético Guardés remóntase ao pasado mes de maio na Sangriña, precisamente cando as valisoletanas conseguiron arrebatarlle ao Mecalia Atlético Guardés á quinta praza ligueira nun axustado partido de eliminatoria (22-25). Polo demais, é un rival forte nas súas terras, que tamén se impuxera case pola mínima no último partido que compartiron ambos en Huerta del Rey (31-29, setembro de 2023, quinta xornada 2023/2024). 

 Por todo isto, as de Ana Cristina Teixeira Seabra tratarán de facelo propio e valerse do plus que significa a compañía de Pena do Inferno nun partido tan importante para seguir definíndose coma un dos pesos pesados da tempada. Sumar dous puntos suporía recuperar provisionalmente o liderado na clasificación, ao superar ao actual líder, Costa del Sol Málaga, tamén cun partido aprazado aínda pendente pola súa parte. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “O obxectivo principal é collelo noso ritmo e, sobre todo, cometer menos erros” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés coincide na dureza do rival, pero destacando igualmente o traballo das súas durante estas semanas. “Despois dun mes sen partidos volvemos á Liga con moitas ganas e cun rival que sempre nos causa moitas dificultades na casa. O equipo traballou moi duro e sabe o que vai atoparse”, explica. 

 Así mesmo, destaca a importancia de non confiarse e de manter a concentración, quizais o motivo polo que precisamente perigou en certos momentos a vitoria do último partido ante Elche. “O obxectivo principal é collelo noso ritmo, porque a nós tamén nos gusta correr, pero sobre todo, cometer menos erros”, indica. 

 Por outra banda, o seu cadro de xogadoras tamén tratará de potencialos acertos que as levaron a estar onde están tras este comezo de tempada. “En ataque queremos seguir tendo boas sensacións”, explica Ana Seabra, que conclúe: “Dende logo, imos loitar polos dous puntos, que son o noso obxectivo neste momento”. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 8 

Caja Rural Aula Valladolid – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 14 de decembro ás 19:00 horas 

Polideportivo Huerta del Rey (Valladolid)

En directo pola canle de YouTube do club Caja Rural Aula Valladolid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario