16 de maio de 2026

A GUARDA

Xa está na rúa O Balueiro

 Un periódico quincenal para pór en valor toda a riqueza de A Guarda e súa contorna


Vista parcial das persoas asistentes ao acto de presentación do periódico O Balueiro ollando exemplares do nº 0
Fotos: Cedidas


Infogauda/ A Guarda 

 A aparición dun periódico quincenal nunha vila pequena como A Guarda, na que houbo varias cabeceiras - La Voz del Tecla, Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo, Presente, Nosa Lucha, A Voz do Miño,...- pode entenderse como unha expresión de dinamización cultural e de recuperación do espazo informativo e mesmo da memoria local. Dese xeito, a edición, publicación, distribución e venda dun novo periódico quincenal evidencia a persistencia dunha demanda social de información e identidade comunitaria, mesmo despois da desaparición das cabeceiras anteriormente mencionadas.

 Por iso, despois de varias décadas sen un periódico impreso, editado na nosa vila, é moi alentador informar que no día de onte, venres, 15 de maio ás 20.00 horas, no Centro Cultural de A Guarda, levouse a bo termo a presentación dun periódico quincenal en papel, O Balueiro, que nace coa intención de pór en valor toda a riqueza deste recuncho galego, A Guarda. 

 Os artífices do proxecto, Alberto Carreira (Berto Pirata) e María Salinas García, foron presentados polo alcalde da vila, Roberto José Álvarez Carrero, que debullou os principais aspectos biográficos de ambos os dous. 

 A continuación, María Salinas anunciou tamén a presentación dunha asociación cultural co mesmo nome (O Balueiro) e as futuras propostas que queren levar a cabo na vila, e defendeu que, “nun mundo cada vez máis tecnolóxico, ler e escribir é un acto de rebeldía”

 Marisol Diz Amil, a encargada da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda, leu un texto co que deu paso a Alberto Carreira, quen comezou falando de A Guarda como unha vila que cura a alma e despois se centrou nas diversas seccións que compoñen o periódico. Alberto informou tamén que ademáis do xornal, creouse unha páxina de Facebook con contidos novos. 

 Mentres se desenvolvía a charla, os autores da mesma pasaron un xornal entre os asistentes para que o asinaran ou deixaran algún comentario.  

 O momento álxido da presentación chegou co visionado dunhas imaxes enviadas por un dos guardeses máis internacionais: Jorge Rodríguez Alonso (Jorge Laguardia), residente en Menorca (Illas Baleares) e director de Cultchachacha,  que entrou a través dun vídeo cos mellores desexos cara a este proxecto e coa intención de darlle unha sorpresa a súa nai, sentada na primeira fila. 

 Os, arredor de cen asistentes, presentes no evento saíron da sala con cadanseu exemplar do nº 0 do periódico, de balde, pequeno agasallo co que a organización quixo agradecer a asistencia. 

 Desde hoxe, O Balueiro véndese nas librerías e quioscos de A Guarda, pero tamén en eventos deportivos do Mecalia Atlético Guardés e do Sporting Guardés, como forma de apoiar o deporte local, e na carnicería Villa da praza de abastos.  

 Berto e María móstranse contentos pola boa acollida da veciñanza e xa contan cos primeiros suscriptores e anunciantes. Declaran que están abertos a propostas e suxestións, pois O Balueiro “está feito con anaquiños de todos vós”.

 Desde este xornal dixital transfronteirizo desexámoslle boa proa a O Balueiro e a seus editores, colaboradores, anunciantes e lectores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario